Blogia
Crónicas Tamaganas

Cidade do motor

Cidade do motor A señora María está contentísima. Olvidouse dos problemas do seu xeonllo.
Esta noticia esperábaa como auga de maio. Por fin ve realizada a promesa de fai catro anos.
Non sabe se hai proxecto nin sabe que alí, nestes momentos, estase a realizar a Concentración Parcelaria de Mandín, Feces de Cima e Feces de Abaixo, cun investimento de máis de trescentos millóns das antigas pesetas.
De tódalas formas non entende cómo se poden gastar cartos onde logo desexan ubicar a Cidade do Motor.
Ten fe. Está ilusionada. Quedouse abraiada coa noticia. Tódolos concellos da bisbarra apoiando a idea, pero o que ten, son unhas gañas tremendas de estar rodeada dos seus. Culpa de todo á emigración.
Desexa que regresen e xa os está colocando a cada un na súa especialidade.
Ten sorte, pois unha neta estudou informática e seguramente se ocupará das redes do complexo.
O enxeñeiro técnico non terá problemas, pois a súa experiencia na fábrica de coches é unha garantía no seu currículum vitae.
Con quen pode ter problemas é cunha nora, pero algo surxirá nun investimento de tanta envergadura.
Falaban dun orzamento de douscentos mil millós das antigas pesetas, para por en marcha a Cidade do Motor e acondicionar o río Támega ata Verín.
A señora María coida que non está a facer castelos no aire. Recórdolle o conto da leiteira.
Dase conta de que hai catro anos tamén anunciaron a BMW, a Cidade do Motor, porque se achegaban as eleccións autonómicas e máis tarde lanzaron un globo sonda do Circuito Galego de Automoción, pero aínda non hai indicios de que surxa algo.
Comenta que xa escoitou a un político autonómico dicir que o orzamento non sería tan alto e a un do goberno de Madrid que iría para Zamora ou León.
A leiteira, señora María, esnafrou o cántaro do leite cando saltou de tanta alegría.
Ah, olvidábaseme, e os espectadores para a rendabilidade.

0 comentarios