Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Junio de 2005.

Taxis

taxi.jpgMoncho emigrou moi novo. A causa foi que casou pronto e tiña que manter á familia.
Non foi daqueles primeiros que foron para Europa. Foi dos últimos onde a emigración xa conseguira unha aceptable vivenda e non aqueles barracóns pretos da fábrica, como noutros tempos.
Tampouco botou moitos anos. Os suficientes para comprar un piso e unha praza de taxi que alguén lle gardou ata o seu regreso.
- Como di: traballamos a reo. Non tiñamos descanso. Miña muller sacrificouse moito. Había que xuntar os cartiños, para retornar e dar un futuro á descendencia. Apunta que os vellos tamén se portaron ben, pois algo aportaron ás compras.
Bota a partida e trata de armonizar ós dezasete autónomos do taxi da vila. Danlle moito traballo.
Pasaron moitos pola directiva, pero non conseguiron as propostas debatidas nas reunións. E iso que agora son un fato de novos, pois cos veteranos non hai quen poida, nin quen lle cambie o seu modo de exercer a profesión. Aínda que algún di: ¡para tres días que me quedan!
Nestas datas anda moi preocupado. Non se concentra na partida e altérase.
- O concello insiste en contratar unha empresa de autobuses e provoca a nosa ruina. ¡Agora que tiña a vida encarrilada!
¡Non saben que en cada casa de cada parroquia hai como mínimo un coche!
Pon como exemplo Allariz, que -¡moito Alarbús¡-, pero unha empresa privada tivo que botar man del e aínda máis, tódolos servizos de antano desapareceron.
¡Se daquela sei que fan isto non regreso das Europas!
- Non te preocupes que isto dura menos dun ano. Non hai empresa que se faga cargo dun negocio ruinoso.
- Agora ben o mellor servizo é o voso. Esa subvención recollida no orzamento negóciase con vós e facédevos cargo dos servizos que resulten. Só hai que ter un control. E así non faría falta arruinar un sector, que ata agora funciona e dá de comer a dezasete familias.
- Máis aínda, o servizo que prestades os taxistas non llo dá ningunha empresa. Pois axudádelles a coller as bolsas, paquetes e enseres da compra e a calquera hora estades ó servizo dos veciños. A comodidade de subir ou baixar a un taxi non a ten un autobús, e todos imos para vellos.
Miércoles, 01 de Junio de 2005 15:56 Enlaza este artigo. sin tema Hay 1 comentario.

Pepe

pepe.jpgCaravillas sempre está disposto a satisfacer as necesidades dos que transitan polas Zarrapas.
Aqueles negrillos, que antano daban sombra, para protexer da calor ós viaxeiros que elexían esta rota para adentrarse en Galicia sufriron a peste e desapareceron. Caravillas nunca máis lle botará unha pizca de auga.
- Sei que estás aí, o outro lado das ondas. Escoitando a COPE, coma sempre. Fiel a teu amigo, que nos quixo deixar, que non pediu permiso para irse, para abandonarnos para sempre.
Agora non meterá o coche oficial no patio, para tomar tranquilamente ese frugal ágape, que sempre lle tiñas, acompañándoo con ese viño que os dous traíades do pais veciño.
Non se meterá máis contigo, nin viaxarás con el a ver ó teu Madrid querido.
Seguramente que ó volver cada mércores a Chaves faltarache o compañeiro, que tanta lata che daba porque nunca tiña presa. Enrollábase con calquera e tiña que recorrer tódolos postos do mercado. Desexaba ver todo, cando ti só comprabas o necesario e listo para comer, pois había que regresar para atender o negocio.
Sabemos amigo Caravillas que seguramente está alí, onde algún día estaremos nós e Deus queira que ó lado del, pois ti sabes que un ser tan querido coma Pepe ten que estar no mellor dos mundos.
Porque ti tamén sabes que o recibiu San Pedro e a chave máis grande abriu a porta máis grande, porque Pepe non ía só. Todos iamos con el, porque non sabía vivir sen nós e nós sen el.
Para calquera encomenda na capital había que chamalo e... ¿agora?.
Ti sabes ben que tardar, tardaba, pero a misiva chegaba aínda que botara un montón de días no coche.
Quero recordar unhas verbas da amada que a prensa publicou hai uns días. Palabras que din o sentir profundo dun ser querido, cando ve que o outro se vai.
“Esos ojos azules tan lindos no volverán a mirarme, yo no los veré jamás”.
“Tú me iluminarás porque tus ojos se habrán convertido en dos estrellas del firmamento”.
“Algún día me reuniré contigo, no sé cuando podremos cumplir nuestros sueños, tus promesas…”.
Esta “amada”, amigo Caravillas só ti sabes quen é, pero coma sempre debes gardar este secreto, porque Pepe desde arriba está a mirarte, observando, polo que non lle debes fallar.
Non debemos cantar: “...cando un amigo se va...”
Miércoles, 01 de Junio de 2005 14:22 Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.


Red, red wine

ladairo.jpg¡Hurra tres veces para Don Xosé Vilela! Os deberes ben feitos. A lección aprendida e as novas ideas ó servizo da agricultura.
Aquí temos o exemplo de persoa que apostou polos productos endóxenos, polo que hai aquí, que non fai falta importalos, nin encher a bisbarra de “castelos no aire”, para crear riqueza.
Abandonou a vila e foi para a aldea e alí casou coa terra e cos inxertos e desta simbiose saíu o “Ladairo”. Viño que percorre toda Galicia, España e outros recunchos do mundo.
Froito de todo isto é o galardón recibido ó mellor viño tinto de Galicia. Ademáis doutros premios en distintas categorías.
A Baco seguramente lle agradecería tomar este caldo daquela. Pero son os mortais os que se aproveitan de tan boa elaboración para dar con ese paladar que agradou ó tribunal que decidiu concederlle o premio.
Sangue, suor e bágoas como din, son o que Vilela verte tódolos días ó longo dos rueiros, entre cepas, que soubo adaptar á terra para conseguir este premio que redundará en tódala Denominación de Orixe. En tódala bisbarra.
Ten anécdotas das que se ri pola ocurrencia con que llas contan, facendo ver que nesta terra do Támega sempre se desconfía de que se pode conseguir un viño de tan alta calidade.
Visitou Verín un alto funcionario de Madrid e ocurriu que visitou a Bodega Ladairo, probando un viño sen etiquetar. Levou unhas caixas e bebendo cuns amigos, na súa casa, saíu a relucir de onde era aquel viño. Todos o localizaron na Ribeira do Douro, desexando saber de qué bodega era.
O río Támega é afluente do Douro en terras de Portugal, pero para isto non pertence ó Douro. Para traer de rúa os propietarios das súas ribeiras si.
O funcionario é un gran amigo do premiado e continúa comprando viño desta terra.
Daquela abandonou o garaxe. Cambios de aceite e colocar pastillas de freno, da rúa Laureano Peláez. Apostou pola agricultura, aínda que nos primeiros anos, este garaxe foi o almacén e dende aquí principiou a comercialización dos primeiros caldos do Ladairo.
Os expertos aconselláronlle estar no campo, no medio da viña, para vivir cada día os seus problemas, para tratalas con xeito adecuado e pór remedio antes de que cheguen as pragas.
Haberá que aprender del. O mestre de Tintores, lembro de rapaz que dicía que non había leitugas coma as que collía alí. Cebolas coma as de Albarellos non se encontran por ningures.
Temos a terra, temos os productos, ¿qué falta?
Persoas como o Vilela.

P.D.: Por certo, ningún bodegueiro presente no acto da Denominación de Orixen o felicitou.
Domingo, 19 de Junio de 2005 13:57 Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Cine Buenos Aires

cine.jpgRosa Mari está moi pendente do seu pulso. A filla ten que vir de vacacións a liberala un pouco das tarefas da casa para darlle descanso ó seu brazo, pois o doutor insiste que mentres non pare de facer cousas a man non recuperará a súa normalidade.
Aproveitará estas datas e verá se a lesión ten cura ou non. Desconfía, pois leva moito tempo sen notar mellora.
Irá a Cangas, tomará peixe e dará uns longos paseos na praia de Rodeira.
Lembra os seus anos novos -aínda está de bo ver- cando subía para o “galiñeiro“ do cine Buenos Aires e debruzada na barandilla escupía as cáscaras dos cacauetes cara embaixo. Logo agachábase para no ser recoñecida, pois os de butaca reclamábanlle ó acomodador, que nun periquete subía buscando a rapaza ou rapaz que facía tal falcatruada.
A película estaría interesante pero a gamberrada apetecíalle máis ós que ían ó cine a pasar a tarde, aínda que os cortes que se producían ó longo da proxección eran suficientes como para lanzar calquera desperdicio, sen ter que perder nada do que acontecía na pantalla.
Nalgunhas ocasións o acomodador colleuna pola orella e púxoa de patiñas na rúa. -¡Eu non fun¡, ¡eu nun fun¡, pero o vixiante tiña ben catalogados ós que facían as trasnadas e de vez ven cando dirixíase a un e invitábao a saír.
Como non tiña certeza turnábaos, pero sempres eran os mesmos.
Daquela non había reclamacións, nin volta dos cartos.
Apénase moito porque viu os carteis da venda ou compra da mellor sala de proxeccións de toda Galiza.
Aquelo de convertir o cine en salas multicines, pola nova propiedade parece que non encaixou, polo que aqueles recordos rememorando a nenez non van ter volta.
Houbo intentos por parte do Concello na adquisición do inmoble. Só faltou vontade política, pois dúas Consellerías, en boca dos Conselleiros respectivos, puxeron cantidades para facer en Verín un auditorio. Puido ser e non foi. Agora estase en situación de poder facer algo.
Comprada a Fonte de Caldeliñas, a mesma forma pódese empregar para adquirir o cine Buenos Aires.
Poderíanse buscar fórmulas para seguir proxectando, ó mesmo tempo que o Concello faría deste inmoble un emblema de actos públicos ó servizo de tódolos veciños, pois a ubicación é envidiable.
¡Naqueles cortes da película cantos aproveitaron para dar o primeiro bico!
Sábado, 25 de Junio de 2005 10:20 Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris