Blogia
Crónicas Tamaganas

A visita do Presidente da Cámara

A visita do Presidente da Cámara Miña cara señora María: non dan puntada sen fío. A visita do Presidente da Cámara Municipal de Chaves a Verín sae no xornal coma se fose unha visita institucional. Máis, lonxe da realidade, foi unha visita privada e seguramente solicitada polo candidato do grupo conservador verinés.

Hai que facer coma os outros e contrarrestar os efectos das xuntanzas de instancias superiores e non quedarse atrás polo que poida pasar nas eleccións. Se fan reunións, hai que facer reunións. Se prometen, hai que prometer, aínda que se tarden doce anos en facer realidade a autoestrada coa fronteira.

Como ve, señora María, xogan coa xente.

Se hai unha xuntanza ó máis alto nivel da Eurorrexión, hai que provocar algo parecido a baixo nivel e sacan da manga unha Eurocidade. ¡Qué nome máis bonito!

Como o rexidor luso non é afín ó rexidor verinés, provócase este galimatías de ditos e diretes entre o voceiro popular e o alcalde, para contrarrestar feitos de cara ás próximas eleccións municipais.

O importante, miña cara señora María, é inventarse palabras que soen ben, pero sen fondo, sen base, sen significado, con moito significante e, sobre todo, en época electoral. Para saír na foto, porque iso arrastra votos.

Nembargantes, señora María, ningún se preocupa de vostede, porque vostede vive na vila e daba verdadeira pena vela arrimada a aquel coche na Canella Cega, porque nas beirarrúas non hai un simple banco para descansar. Vostede, naquel momento, necesitaba darlle descanso o seu xeonllo e a súa muleta.

Non hai que remontarse moito para ver a realidade con respecto ó invento de organismos. A comarcalización non dá tomado realidade porque non interesa. E iso que cando se está na oposición, tódalas actuacións políticas encamiñanse neste sentido, pero cando se está no poder, non hai tempo para que tomen corpo e sexan unha realidade.

A Mancomunidade de Municipios desta bisbarra está constituída por un grupo de concellos dos que algúns fundadores xa se deron de baixa.
Agora anuncian a Eurocidade. Logo veremos o que nos tran, pero o que si sabemos todos, señora María, é que a esas institucións haille que dar corpo e vida, e para iso necesítanse cartos que, por certo, sairán do seu bolsillo, pero vostede seguirá sen bancos nos que descansar.

1 comentario

Agradecido -

Noraboa polo blog. Siga así.
Ánimos doutro veciño verinés!