Blogia
Crónicas Tamaganas

A rúa Lisa

Miña cara señora María: Debe estar contenta. Por fin colocaron bancos nas rúas.

Agora pode pasear e percorrer a vila porque ten onde descansar e así seu xeonllo practica un pouco de exercicio, para que non se atrofie máis.

Sei que vostede non está de todo leda, porque para chegar a esa rúa debe coller un taxi.

–Non debe preocuparse porque a intención é seguir sementándoos por todas as rúas, xa que os veciños necesitan deste mobiliario urbano, porque están entrados en anos, coma vostede.

Dende o Concello están por este labor e desexan facer da vila un lugar de humanidade colectiva, por iso tratan de axeitar os servizos ás necesidades.

Andan na procura de revitalizar algo que está nas últimas, pero insisten e así debe ser, para entreterse facendo algo para que non os acusen de deixados.

Seguramente que a eses bancos fáltanlle as mesas correspondentes e tamén un telladiño, tipo alpendre, para protexelos das inclemencias do tempo. Logo virá o xantar. Logo a partida e logo o xadrez. A rúa Lisa está orientada norte e o aire dá de cheo nas meixelas dos veciños que a pasan, sobre todo en época invernal. Coa calor ninguén para nela. Deben convertéla nun mercado oriental, ou senón copiar de Sevilla para o verán. Por favor, recupérena como antano.

Chocoulle ver tanto banco en tan pouco espazo. Hai tantos como na praza, a pesares de que a rúa só mide de ancha nove metros e de lonxitude algo máis de cen. Demasiadas macetas que, en conxunto, poden ser e son un estorbo nos días de afluencia de público. Retiráronas no Carnaval. Colocáronas de novo. Miúdo traballo!. Paga o pobo!.

Miña cara señora María isto vai ser unha pasarela máis ca un paseo. Pasarela de pasar como foi sempre a rúa Lisa.

Non gustou da transición da rúa cara a praza, porque habilitaron un espazo para aparcadoiro, polo que ao rematar “o paseo” encontrouse cun feixe de coches e os contedores do lixo, facendo do recuncho un lugar indecoroso. Deberían recuperar o corredor como antano.

Albiscou detalles coma que fronte de dous establecementos non colocaron ningún moble urbano e diante de dous portais colocáronos para ser retirados no momento que os inquilinos necesiten rubir algún moble ou electrodoméstico á casa.

Sucederá o mesmo ao iniciar as obras do solar aberto. Isto non debería tardar moito.

Como parte do peche colocáronlle os contedores do lixo. A isto chámanlle decorar a vila.

- Diante do vao do Hotel Aurora ubicaran un banco! Tainas foi presentar súa queixa. Coa retirada do mobiliario, no Carnaval, axeitáronlla

A señora María non sabe o que fixeron os propietarios dos comercios para non ter fronte a eles o mobiliario, pero se se chega decatar si que bota unha gargallada que a oen en Chaves.

De todas as formas aínda hai algún problema máis, porque a rúa Lisa foi das primeiras que colocaron o parquímetro, polo que

a empresa concesionaria ten algo que dicir na futura peonalización.

Pode que os comerciantes correspondentes soliciten unha rebaixa ou a anulación da taxa de escaparates, polo estorbo das macetas, polo que principiamos un ano novo con reclamacións.

Noraboa a todas as persoas que escoitan a Cope e que o aninovo veña cheo de agasallos que satisfagan as súas inquedanzas.

0 comentarios