Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Febrero de 2008.



Xoán Carlos

Miña cara señora María: ó adversario político hai que tratalo con sumo respecto. Coido que nas Cortes do Estado creouse un status para o líder da oposición, na época de D.Manuel. Non estaría de máis que o rexedor verinés se mirara nese espello e tratara á oposición co mesmo respecto, porque son representantes dos veciños o mesmo ca el, e non insultalos como aparece no xornal de hoxe.

Vostede, señora María, insiste en que “a educación mámase”, quere dicir que é no berce onde se empezan a coller bos modais. Pois ben, o rexedor verinés debería beber políticamente dos señores Baltar e Fraga, porque sempre primaron nas súas actuacións políticas o respecto ós seus adversarios. A pesar dos malos momentos polos que teñen que andar nas súas vidas políticas. Só as persoas faltas de argumentos e de recursos toman o carroucho máis curto que é o insulto.

Os veciños, señora María, desexan que a pesar da diversidade de opinións, busquen solucións para os problemas que ten a vila. Mal camiño elixe insultando, amedrentando e nesa postura de prepotente, para que os membros da oposición acouguen e arrimen o ombro, cando tanto se necesitan para o PXOM.

Hai un dito que di: ”según me trates, trátote”. Pero iso tampouco debe primar na vida municipal, aínda que o rexedor xoga a iso, porque así ten a quen botarlle a culpa da súa inoperancia, como fai sempre. A culpa é de calquera, menos del.

A señora María non desexa que tornen os tempos do señor Cid Harguindey e da señora Lovelle, cando Verín aparecía nas primeiras páxinas dos xornais provinciais, por noticias deste tipo. Non se preocupe, señora María, porque Xoán Francisco sabe templar as súas actuacións políticas, a pesar de que lle chamou novato e inexperto, ademais das de hoxe. Gasta as enerxías buscando insultos.

Verín é unha vila onde nos coñecemos todos, polo tanto cada veciño sabe moi ben quen é cadaquén, polo que Xoán Francisco non debe preocuparse ao recibir estes insultos, xa que os veciños están afeitos a oílos de cando en vez, adicados a outras persoas. Polo que coñecen ben ao insultador.

Non fuches a primeira, nin serás a última persoa que os recibiches. Outros estivemos antes, polo tanto recibímolos tamén antes.

Grazas aos oíntes da COPE, polos apoios recibidos. ¡Somos libres!

Sábado, 02 de Febrero de 2008 11:49 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Entroido 2008

20080218135939-entroido2008.jpg

Miña cara señora María: debe chamar á netiña para que veña gozar do carnaval. Aínda que os cigarróns fixeron acto de presenza no San Antón, os actos do Domingo Fareleiro non foron o que desexaban os membros da Comisión. Pasoulle o mesmo ao Xoves de Compadres. Moito fume, pero poucos compadres. No Domingo Corredoiro a orquestra tocou, pero ás nove e corenta só bailaban sete cativas na praza. Deberían programar horas máis axeitadas para tratar de compensar o gozado co pagado. Anos levan, polo que este desaguisado non debería suceder. Unha hora adecuada podería ser de seis a nove e trinta da noite, posto que ao día seguinte hai que traballar e as xeadas nótanse entre lusco e fusco.

Toda a enerxía se gardou para o Xoves de Comadres, así a xente queda cansa para o resto dos días de Entroido. Rompendo os días tradicionais deste tempo precoresmal incluíron o Venres de Compadreo, para tratar de gañar un día máis e entreter aos visitantes e veciños. Hai que competir con Xinzo pola duración. O eterno rival. Por días que non sexan, pero o que non contaron foi co pouco tempo que transcorreu dende os Reis, resultando que coa costa de xaneiro e con tanto festivo, entre domingos e xoves, os cartos non chegan nin ao medio do mes. Algúns ata lle botaron culpa á gripe, porque lle impediu preparar algunha carroza ou a súa vestimenta.

De todos os xeitos, algo deberían xurdir para tratar de solucionar estes problemas, para que non se repitan outros anos. Alguén debería propor que o carnaval de Verín se celebrara nun data fixa, como pode ser a primeira semana de marzo e tamén que os días festivos do medio da semana pasaran ao fin de semana. Isto axudaba ás empresas e aos estudantes.

Miña cara señora María, non debe preocuparse pola netiña, pois este ano ten servizo de autobús para viaxar dende Laza a Verín e viceversa. Bo exemplo dan as institucións con esta medida, porque están dicindo: “bebe, que conduzo por ti”.

As boas ou malas linguas din que isto foi froito dos celos, porque buscando axudas o señor alcalde de Laza para levar xente á cea gastronómica do venres de Entroido, comentou a idea do autobús, polo que lle contrarrestaron o efecto por mor das próximas eleccións xerais: Se el pon, nós tamén, pero cobrando.

Grazas aos oíntes da COPE, polos apoios recibidos. ¡Somos libres!

“Nun pobo libre, lingua e mente deben ser libres”, di o pensador.

Sábado, 02 de Febrero de 2008 11:55 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris