Blogia
Crónicas Tamaganas

Homenaxe

Miña cara señora María: a historia está sempre escrita. Os contos, as lendas e as historias pasan de boca en boca e trocan o seu significado por cada maxín que pasan.

Douscentos ano fai que os franceses pasaron por estas terras, segundo os historiadores. Os textos, dalgúns libros parroquiais, catalóganos como verdadeiros bárbaros. Ante aqueles crimes foi normal que o pobo, con armas rudimentarias, se levantase e loitase contra eles para expulsalos desta terra.

Poucos días estiveron por aquí, pero súa pasada foi suficiente para que os recordos de tales desalmados perduren no tempo. Deste acontecer, poucos recordos e ningunha exaltación para aqueles heroes que se levantaron en defensa dos seus. Pola contra, celebrouse na vila unha ofrenda floral a García Barbón. Persoa emprendedora e filántropo destas terras, que reclamado por un tío, emigrou a Cuba, onde fixo fortuna.

Unha posible enfermidade fixo posible que regresara, aínda de boa idade, para emprender actividades na súa terra natal. A vila conta con obras que sufragou por completo, destacando o Colexio dos Irmáns da Salle, sendo berce de cultura na bisbarra. Hai que destacar que todas as persoas que beberon da súa ensinanza,  aínda hoxe destacan pola súa caligrafía e cálculo. Foron famosos aqueles cadernos de caligrafía inglesa, de redondilla e letra gótica, nos que non podía caer un borrón.

É de admirar a maneira de calcular das persoas entradas en idade, que pasaron por aquelas aulas. Como di o Lois, eran outros tempos e as leis de educación eran menos intervencionistas.

O acto en si, non foi máis que unha expresión dun pobo ante tantos desagravios a que foi sometido, dende o momento que se asentou na vila, segundo testemuñas verbais.

Contan que os arrendatarios de xuros cobraban cada mes un tres por cento polos préstamos e García Barbón intentou pasar ese tres por cento a todo un ano, intentando crear un banco agrícola, polo que os caciques daquel momento déronlle de lado facéndolle a vida imposible e no casino non lle dirixían a palabra. Isto pasoulle en vida, polo que abandonou Verín.

Despois de morto, o seu busto foi itinerante, colocado e descolocado segundo o político de momento, que se sentou na cadeira da alcaldía.

O seu pedestal aproveitouse para colocar unha placa de inauguración do acondicionamento da praza, cando o seu lugar debía ser outro, por respecto a García Barbón.

Na praza que leva o seu nome aínda está colocada a placa co nome de Praza Maior, intento no seu momento de borrar o seu sinal.

Toda a vila sabe que a zona sur é a praza dedicada a García Barbón e a zona norte, dende a rúa das Obrigas, a praza dedicada a Nosa Señora da Estrela. Tamén o di a canción popular, que tanto gusta de cantar aos verineses: “Monterrei está nun alto, Verín está nun baixo. Nosa Señora da Estrela, está nun campiño raso”.

Pois ben, nestes intres aparece colocada unha placa, na fachada dunha casa, co nome de García Barbón, na parte correspondente a Nosa Señora da Estrela.

Pode alguén tomar cartas neste tema, que é de cultura xeral, e amañar esta confusión intencionada?

 

0 comentarios