Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Lete

Meu caro Lete: todo se acaba. Ti non remataches, obrigáronte a que tomaras un tempo de descanso, no momento en que te sentías no cénit da túa vida.

A lei que te xubilou non quere terte de cicerone na acrópole; non quere que pases á historia como a única persoa, que deches a cara, contra todos os que fixeron do Castelo a súa experiencia con teorías e materiais modernos.

Nunca fuches cómodo coa administración, porque chamabas e chamabas, para que se presentaran e viran os estragos producidos polos que frecuentaban, pola noite, o recinto amurallado. A pesar de todo, nunca decidiron pór vixilancia nocturna.

Deches a cara, cando algún malvado rubía coa moto, por enriba das murallas, facéndolle de pista de cross.

Sempre estiveches nese estilo crítico, que te caracteriza, con todas as inversións públicas, que viñan dirixidas dende Santiago, porque ti vivías os problemas do Castelo cada segundo, cada minuto, cada hora, cada día.

Vinte e catro anos parlamentando e dando explicacións a todas as persoas que te visitaban, porque a túa conversa sempre foi amena, pero con acento crítico, para cos políticos responsables directos de non buscar unha alternativa a ese espazo monumental, que preside todo o val do río Támega.

Se parece que foi onte cando retornaches de Francia e conseguiches ese posto na administración,  e a lei che impón que tes que dar paso a outra persoa.

Pero quen se non ti, para continuar recibindo aos visitantes, que ruben ata o cumio da Torre de D. Sancho ou do Homenaxe, para ver como todo o val se estende cara Portugal, porque ti es da Pousa, lugar que depende directamente da parroquia de Monterrei.

Naciches, creciches e viviches entre as pedras que conforman todo o recinto que da forma a esa Fortaleza da que nos sentimos orgullosos todos os tamaganos.

Ti, que non entras nas liortas de que se estes ou aqueles son os responsables de manter nese estado de desaproveitamento todo o conxunto arquitectónico, porque o abandono de todos os políticos, con responsabilidade directa no Castelo, foi e é manifesta en todo o que se ve, cando se visita a fortaleza.

O que máis me gustaba de ti, meu caro Lete, era cando contabas as túas peripecias. Ao rematar a escola, o teu pai  tróuxote para xunto del, aquí embaixo, para traballar na chocolatería da rúa Maior e ti só aguantaches dúas ou tres semanas, porque no teu fondo, non te sentías realizado. Eras, xa daquela, un inconformista, porque emigraches, tratando de buscar algo mellor para ti.

Agora quedamos sen ti. Teremos que visitarte na túa casa porque as túas verbas non se escoitarán máis na acrópole. Non saben as novas xeracións visitadoras do Castelo o que se perden. Pero gañámoste os que te apreciamos.

A túa teoría sobre a muralla de Verín deberíana escoitar historiadores para que vexan que na sabedoría intuitiva popular está a explicación de moitas cousas.

Terás moito tempo para gozar dese deporte que tanto practicas cos teus amigos, e que tantas historias esconden.

Dende aquí, dende a COPE, unha aperta e que goces moitos anos cos teus que tamén te necesitan. Quero verte con algún netiño, aínda que sexa na Pousa, ao lado do río.

Sábado, 06 de Junio de 2009 09:59 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín

Comentarios » Ir a formulario

verin

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.





Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris