Blogia
Crónicas Tamaganas

Auga

Auga

Miña cara señora María: tantas veces foi o intento de privatizar a auga na vila de Verín, que por fin conseguiuno o “taifiñas verinés”. Tiña razón o Toca cando decía que polas rúas de Verín andaba un golfiño sen espina.

No 2002 acercouse por estas terras e non quixo esquecerse delas, por iso deixou unha cría para que seguise a causa e se amamantase daquelas dádivas. Poucos recordan aqueles acontecementos no concello de Verín. Un dos tenentes de alcalde foi expulsado do partido, coma se fora un apestoso, porque tiña outra maneira de pensar acerca da privatización da auga.

Defendía a proposta doutra empresa, porque lle parecía que era máis rentable para o Concello, porque se facía cargo dos empregados municipais encargados da auga municipal e ademáis ofertaba unha cantidade económica parecida a do golfiño.

Aqueles actos demostraron como funciona un partido político presidencialista-dictatorial no concello de Verín. Sen escoitar as partes, sempre por manifestación do señor Lucas, tomaron o acordo de expulsalo do partido.

En poucos días déuselle esta solución, a pesar de que algúns compañeiros manifestaran, que se debía esperar a setembro para dar unha solución máis política, por necesidade imperiosa do número de concelleiros para acadar o número suficiente en cada votación, porque coidaban que se podía reconducir a situación.

O problema era ou fora outro, que naquel momento ninguén chegou a pensar, pero visto este presente, a auga está moi clara.

A mesma empresa, que daquela defendía o rexedor, acada agora definitivamente a adxudicación por vinte e cinco anos. Onde estaremos nós!

Pouco importa ver os exemplos dos servizos, que levan varios anos privatizados, que non teñen aos veciños contentos e que os da oposición, de cando en vez, denuncian. Pero nin caso dende o concello.

As afirmacións sobre os beneficios para o concello son de tal consideración que poñen de manifesto o pensamento do mandamais sobre os seus veciños. Pensa que son uns ilusos e que se creen todo o que di. Debería escoitar ao Manoliño o outro día no bar. Daquela boca saían verbas que todos os presentes asentían.

É paradóxico que neste concello se privatice un servizo, como é o da auga, e se queira municipalizar o da recadación, que leva varios anos en mans dunha empresa que consegue unha alta rendabilidade para toda a Mancomunidade. Ó mellor isto é unha xogada para buscar outros fins. Escóitanse voces de persoas inmersas neste tema de que hai que recurrir a estes ingresos municipais, algunhas veces, para facer outros pagos. A partires de agora empeñar máis ao concello. Pagan os veciños!.

Ninguén cre as dádivas da empresa e ninguén pensa que unha empresa privada ven perder cartos a Verín. Como empresa que é ten que gañar cartos, porque senón vai a deriva. A creación de calquera empresa e co fin de xerar riqueza. Aquí e na China. Só nunha maxín tan cativa pode suceder o contrario.

Miña cara señora María agarde ver se isto se produce así. Saberá que esta decisión de privatizar a auga non está no programa co que se presentou nas eleccións locais do 2004.

O instinto de ecolocalización ao “golfiño” deulle bo resultado.

0 comentarios