Blogia
Crónicas Tamaganas

Paseo

Paseo

Miña cara señora María: se vostede puidera permitirse o luxo de dar una volta polas rúas da vila encontraríase con situacións difíciles de comprender. Vostede só pode cumprir coa encomenda que lle ten súa filla. A de recoller ó netiño ás horas que ela está no traballo. E para iso fai un gran esforzo co seu xeonllo, porque nesa rota non hai un par de cadeiras onde poida descansar. Así trata este pobo aos seus maiores, sabendo que son a sabedoría da experiencia.

Non se debe preocupar, que aos novos non lles fai mellor trato, porque para uns simples obradoiros, dunhas vinte ou trinta prazas, presentáronse máis de mil duascentas persoas. Que porvir nos espera!

Os veciños quedan abraiados e pola súa maxín pasan ideas que non poden ter explicación a hora de entender a execución de certas obras. Andan a soterrar os colectores do lixo na calzada da estrada internacional de Portugal. Saberá que cando se intenta facer unha obra deste tipo hai que molestar o menos posible aos veciños, que se senten prexudicados, polo tanto débese buscar o lugar de ubicación que menos dane aos negocios lindeiros.

Ademais, este lugar por varios motivos é o menos axeitado para colocar os colectores, porque non son estéticos, porque atrancan a circulación á hora de recoller o lixo e ademais na tenda que está ao lado poden minguar os clientes, polo cheiro que poden botar en calquera momento.

Ante a protesta dun veciño o que fixeron foi desprazalos uns metros cara o outro. Moi boa solución! Ispen a un santo para vestir a outro!

Non haberá problema señora María, dende o concello cargarase sobre os veciños. Verín recibe as culpas de todo o que está mal ou non funciona.

Que pinta no cargo se non asume as responsabilidades que lle concedeu o pobo nas eleccións!

Non recoñece a súa inoperancia. Quere súbditos, non persoas que esixan!

Aínda que os veciños teñan culpa haberá que facer campañas de concienciación, porque unha casa límpase todos os días, ou, el non?

O problema xorde cando non se ten educación e non se lla pode transmitir aos veciños que recollen o que ven e escoitan dos dirixentes.

O propietario do local máis prexudicado pode que reclame, pero non haberá problema, porque paga o pobo. Coitadiño pobo!

A corenta ou cincuenta metros de distancia hai un lugar que debe estar esperando para ser ocupado por colectores, que se chama rúa Correos, por detrás da Sindical. A ambos lados calquera sitio vale.

Por suposto, non carrexa ningún problema e menos protestas de veciños ou propietarios de locais comerciais.

Decisións caprichosas e falta de táctica política, señora María. Dende o poder hai que amedrentar. Así non se move ninguén.

É a máxima municipal.

 

0 comentarios