Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Junio de 2009.

Lete

Meu caro Lete: todo se acaba. Ti non remataches, obrigáronte a que tomaras un tempo de descanso, no momento en que te sentías no cénit da túa vida.

A lei que te xubilou non quere terte de cicerone na acrópole; non quere que pases á historia como a única persoa, que deches a cara, contra todos os que fixeron do Castelo a súa experiencia con teorías e materiais modernos.

Nunca fuches cómodo coa administración, porque chamabas e chamabas, para que se presentaran e viran os estragos producidos polos que frecuentaban, pola noite, o recinto amurallado. A pesar de todo, nunca decidiron pór vixilancia nocturna.

Deches a cara, cando algún malvado rubía coa moto, por enriba das murallas, facéndolle de pista de cross.

Sempre estiveches nese estilo crítico, que te caracteriza, con todas as inversións públicas, que viñan dirixidas dende Santiago, porque ti vivías os problemas do Castelo cada segundo, cada minuto, cada hora, cada día.

Vinte e catro anos parlamentando e dando explicacións a todas as persoas que te visitaban, porque a túa conversa sempre foi amena, pero con acento crítico, para cos políticos responsables directos de non buscar unha alternativa a ese espazo monumental, que preside todo o val do río Támega.

Se parece que foi onte cando retornaches de Francia e conseguiches ese posto na administración,  e a lei che impón que tes que dar paso a outra persoa.

Pero quen se non ti, para continuar recibindo aos visitantes, que ruben ata o cumio da Torre de D. Sancho ou do Homenaxe, para ver como todo o val se estende cara Portugal, porque ti es da Pousa, lugar que depende directamente da parroquia de Monterrei.

Naciches, creciches e viviches entre as pedras que conforman todo o recinto que da forma a esa Fortaleza da que nos sentimos orgullosos todos os tamaganos.

Ti, que non entras nas liortas de que se estes ou aqueles son os responsables de manter nese estado de desaproveitamento todo o conxunto arquitectónico, porque o abandono de todos os políticos, con responsabilidade directa no Castelo, foi e é manifesta en todo o que se ve, cando se visita a fortaleza.

O que máis me gustaba de ti, meu caro Lete, era cando contabas as túas peripecias. Ao rematar a escola, o teu pai  tróuxote para xunto del, aquí embaixo, para traballar na chocolatería da rúa Maior e ti só aguantaches dúas ou tres semanas, porque no teu fondo, non te sentías realizado. Eras, xa daquela, un inconformista, porque emigraches, tratando de buscar algo mellor para ti.

Agora quedamos sen ti. Teremos que visitarte na túa casa porque as túas verbas non se escoitarán máis na acrópole. Non saben as novas xeracións visitadoras do Castelo o que se perden. Pero gañámoste os que te apreciamos.

A túa teoría sobre a muralla de Verín deberíana escoitar historiadores para que vexan que na sabedoría intuitiva popular está a explicación de moitas cousas.

Terás moito tempo para gozar dese deporte que tanto practicas cos teus amigos, e que tantas historias esconden.

Dende aquí, dende a COPE, unha aperta e que goces moitos anos cos teus que tamén te necesitan. Quero verte con algún netiño, aínda que sexa na Pousa, ao lado do río.

Sábado, 06 de Junio de 2009 09:59 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.

Víctor

Meu caro Víctor: quedaches abraiado da noticia que estabas a escoitar na COPE!

Nunca quere a culpa. Con este rexedor sempre quedará solteira.

Foi o mandamais que máis prazas de policía local ofertou, e logo d, que non manda neles.

Tampouco arregla a beirarrúa que está na parada de taxis da Prazuela, porque hai uns días unha persoa tropezou no marco da tapadeira e deu co nariz no chan.

Por sorte, ti que viches o accidente apresurácheste a botarlle unha man e levala a curar, recolléndolle primeiro os lentes.

As reclamacións continuas que fai o voso presidente non fan efecto, nin as debe ler, para que tome unha decisión sobre a ocupación do vosos postos de traballo, por parte de persoas, que infrinxen a normativa sobre aparcadoiros.

Por iso sae dicindo que non manda na policía local. Pois o pobo elixiuno para que faga cumprir as ordenanzas municipais. Pola contra, que dimita.

Haberalle que recordar, meu caro Víctor, as raias amarelas, na meirande parte das rúas de Verín, que logo mandárono a ocupar os asentos da oposición.

O del non é ocuparse da vila. O del é romper o protocolo, saíndo nos xornais, ao pé da escaleira que o rubía xunto o actual Presidente da Xunta de Galicia. Tiña que ser o primeiro!

Logo chega á vila e anuncia que  non hai cartos para o futuro Parque Empresarial de Tamagos. Pero se leva máis de vinte anos no concello e sempre está cos mesmos temas. A oposición saíulle en tromba, para recordarlle en que partidas están os cartos e hai unha valla publicitaria no lugar na que reza iso de fondos europeos. Quere dicir que dese proxecto teñen coñecemento en Bruxelas.

Seguro que do que menos falaron foi do Parque, porque na súa carteira ía un tema moito máis importante para el, como é o de manterse como membro do consello de Radio Televisión de Galicia, que están a punto de nomealos.

E ti preocupado de que dea orden á policía local para que manteñan desocupadas as vosas prazas. Dáste conta que iso son migallas?. En Santiago son cento vinte e catro mil euros ao ano. Quen chos dera! Iso si que é un soldo, e non ti, que tes que esperar a que suba un ocupante ao taxi, para que logo che pase coma o outro día, que ademais de non pagarche aínda te accidentaches.

Non lle importa, porque sempre lle saen os votos. Non viches que nestas eleccións o PP subiu uns cincocentos. Este número de persoas non lle dan o voto nas eleccións municipais, pero sonlle respaldo para colocarse ben en Santiago, porque os xefes do partido non entran nesas análises.

Debes esperar máis noticias e estate atento ás serpes do verán, porque verás como se sae coa del, a pesar de que ten moitos rexedores en contra.

A cobra está lonxe. Anda polos santiagos. Quere vir apadriñada para ocupar o olimpo pepero provinciano.

Viernes, 12 de Junio de 2009 13:57 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín No hay comentarios. Comentar.


Inquisidor

Miña cara señora María: Os historiadores deben estar errados cando só colocan no termo municipal de Verín dúas casas da Inquisición. Unha está no lugar da Granxiña, na parroquia de Tamagos, e a outra na parroquia de Vilamaior, preto da igrexa.

Esquecéronse da máis importante, que está nestes intres, na casa concello de Verín.

Dende alí trátase de exercer todo o control sobre todo o que se move en todo o concello. Hai que levar á  fogueira a todo aquel que non comulga co inquisidor politiquiño.

Cóntolle, señora María, en que pasa o tempo o mandamáis da vila. En vez de preocuparse de cumprir coas promesas electorais que lle fixo ao pobo, perde o tempo en dar orde de eliminar da páxina web do concello a fotografía e a páxina web do que neste momentos se está dirixindo a vostede.

Na anterior lexislatura e co goberno tripartito, a estas CrónicasTamaganas podíase acceder a través da páxina do concello. Era un enlace máis, pero iso non lle daba máis categoría, senón que o único é que aparecía nela.

Todo estaba tranquilo. Todo pasaba desapercibido. Ninguén se percataba do asunto ata que chega  o torquemada verinés e decide  xulgar o feito  e condena a esta persoa ao ostracismo da páxina municipal.

Podo dicir que a esta páxina web das Crónicas Tamaganas acceden estudantes de Verín espallados por toda España. Emigrantes que comentan que grazas a esta páxina teñen noticias da súa terra.

Pero o que máis me gusta é recibir a noraboa das persoas que escoitan a COPE, e polo tanto as miñas Crónicas Tamaganas, cando vou pola rúa.

Non gustaba da anterior páxina, e reformando a actual, preocúpase máis de borrar da páxina a quen lles fala, que a ver se o novo contido recolle cousas e temas importantes de Verín.

Para este personaxe o tema importante é controlar e ter a xente como súbditos, máis que como persoas.

No seu maxin só pesa o control da súa “finquiña”, como dicía cando o levaba cara Santiago, referíndose a Verín.

A culpa de todo tena vostede, señora María. Siga a votar para que siga medrando, e vostede busca que te busca un posto para súa netiña querida. Darase conta de que este pobo só medra en Infistela. Os demais teremos que pasar por Cáritas.

Aproveite a ocasión, que hai sete prazas para a Eurocidade. Algunha pode conseguila se sabe onde tocar a gaita, pero non a galega, senón a que da o posto de traballo.

Señora María, estou moi contento e motivado porque a partir de agora son importante. As miñas Crónicas Tamaganas fan o que teñen que facer, para iso as escribo e a través da Blogia lenas en moitas partes.

Narran aconteceres, historias e as miñas experiencias neses anos de política local, que non teño nada que ocultar, porque sempre din a cara, o mesmo que fago agora.

O que ocurre, señora María, é que a verdade manca!

Se se preocupara de colocar a baldosa, que un veciño cuidadoso arrimou á parede do edificio dos Peláez, que leva máis dunha semana alí. E logo di que anda pola rúa. Será en coche do trinque.

 

Jueves, 25 de Junio de 2009 14:05 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín Hay 3 comentarios.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris