Blogia
Crónicas Tamaganas

Traizón anunciada

Meu caro Baltar: é curioso que che pasara a ti isto. Hai un evanxeo de Xudas, no que se recolle, que foi Xesús, quen mandou a Xudas, que o traizoase. Supoño que ti non farías iso.

Cantos bicos che deu e cantos sen sabores che fixo tragar para pagarche con esta moeda!

Do que gostaba era de cando te ía esperar ás aforas de Verín, rubía no teu coche e aparecía ao teu carón, porque quería sentirse e aparecer ante o pobo, como o teu fillo político e tamén sentirse importante. A importancia está no maxín, non na figura.

Coñecer, debíalo coñecer ben ou teño que recordarche aquela xuntanza nun restaurante ás aforas de Ourense, onde che foi falar de Manuel Baltar, porque estaba a provocar envexas nos políticos locais, que non participaban nas súas xuntanzas, cando fora Delegado Provincial de Agricultura? Eran verdadeiras envexas, pero ti participaches estoicamente naquela conversa-cea, bis a bis.

Algún queríao quitar do mapa político, xa daquela, porque era un rival máis na carreira, cara a presidencia provincial do PP. Xa choveu!

O camiño ata chegar a ti preparouno moi detalladamente. Non lle chegou ter una relación política, senón que quixo terte máis perto, polo que tratou de gañar a túa amizade e, sobre todo, chegar a ter unha relación case familiar, polo que invitou ao teu fillo Luís aos carnavais e fins de semana, converténdoo en “padriño” do seu fillo, co fin de ter unha íntima relación para gañar, aínda máis, a túa confianza.

Mistura todo con tal de saírse coa del, aínda que sexa unha traizón. Estaba preparado para facelo, porque o tiñas no Comité de dirección do Partido, polo que a información éralle privilexiada.

Cada problema que creaba, pola súa actitude antidemocrática e de chulería cos compañeiros, chámabate e presentábaste en Verín para calmar a tempestade da política local. Sempre aparecías no momento que te necesitaba e, agora, págache con esta traizón.

Viviches a sangría de compañeiros, que se marcharon do seu lado, porque o seu comportamento é de "ordeno e mando".

Gañou as eleccións ao Comité Local, incumprindo os estatutos, e agora reclama axuda a Santiago. Desconfía ata da súa sombra.

Leva en política case vintecinco anos e quere ser “renovación”. Está no posto máis solicitado polos políticos de calquera partido, postos a dedo, aupado por ti.

Se ti souberas o concepto que ten de liberdade e democracia seguro que obrarías doutro xeito. Ordenou desenlazar a páxina Web do concello co meu blog. Deu orden de eliminarme do taboleiro de escritores locais, da mesma páxina, e para máis “inri” gasta toda a súa enerxía en chamar aos responsables, provinciais e rexionais, dunha emisora local para que non lea as miñas “Crónicas Tamaganas” cada semana, e salgan nas ondas.

Se souberas como “delega” nos concelleiros terías, coñecemento de primeira man de como ordena e manda. Ningún concelleiro tivemos, nin teñen, firma en cada departamento. Nin deixa que propoñas un orzamento, coa súa memoria, para ser incluído no orzamento xeral.

Un dos ex-tenentes de alcalde, cando soubo dunha lista alternativa en Verín, expresou a seguinte frase: “son uns suicidas”. Este si que o coñece ben. A el expulsouno do partido sen darlle audiencia.

Quérelle tanto ao Partido que na conta bancaria, onde se pagan as cuotas, o titular é el. O Partido Popular de Verín non ten conta nin NIF, coma calquera asociación ou comunidade de veciños. E quere levar a Ourense o que fai en Verín!

Trampeou con dous mil afiliados para ter os compromisarios correspondentes, en cada congreso, e poder negociar as súas prevendas, cando nestas eleccións se comprobou que só foron votar cincocentos sesenta con dereito a voto.

Debería mirarse nos familiares, que acudiron a votar o día trece, para arroupar os postos de traballo, da maioría dos compromisarios, porque foron leais e non coma el.

Nembargantes, meu caro Baltar, é triste que teñan un concepto tan degradado dunha persoa, para buscala co fin de traizoar ao seu “pai político”. Este feito pasará a historia da provincia de Ourense e estudarase como exemplo de traizón política nos círculos correspondentes.

Agora ben, as cousas tamén hai que tomalas según de quen veñan. O único programa que ten é o catálogo das plumas estilográficas e dos móbiles.

Vaia o meu apoio a Manuel Baltar, que si ten un programa e un compromiso coa provincia de Ourense, porque en Santiago, os de Ourense, séntense moi sós.

 

1 comentario

Bieito BArreira -

É bastante curioso como no circo electoral dos Partidos e das Asociacións Se observan certas similitudes co Carente de democracia sistema político.

Sexa no partido que sexa. Onde quedou a esencia da liberdade? Merecemonos a nosa clase Política?

Penso que non. O triste de verdade é que sigamos elixindo a personaxes tan populistas e chafalleiros como poden ser o señor Baltar e o señor Jiménez, que dia tras dia nos demostran crecentes irregularidades a nivel xestión e incluso ética. Que bonito é facerse unha foto nun acto público, QUe agradable é velos xuntiños nunha festa Gastronomica...

Señores Vostedes son representantes do pobo elixidos, en teoria, Democraticamente, fagan o favor de gañarse a confianza tanto dos que os votaron coma dos que non. faganse merecedores do seu cargo e deixense de disputas polo poder, porque a valia demostrase traballando, e non tendo unha vila con un potencial inmenso coma verin paralizada, estancada e con un inmenso número de carencias.

Eu quero seguir pensando que o sentido comun ao fin prevalecerá sobre sin razon dunha clase politica que se preocupa máis polas suas ambicións persoais que por o que de verdade importa, servir ao pobo

Por Certo Adolfo Encantoume O Artigo, é bo que a xente descubra que a politica da NOXO.