Blogia
Crónicas Tamaganas

Stand

Miña cara señora María: se vostede, cando sae da misa, vise un sombreiro ou unha gorra no chan, ao lado mesmo da porta, nunca se lle ocorrería botar un céntimo, porque non sospeitaría que o mendigo ou a persoa necesitada deixaría soa a súa representación para pedir limosna. Isto que lle estou a contar pasoulle ao stand do concello de Verín, na exposición de “Xantar”, aló en Expourene, perante este fin de semana.

Coitadiño do stand, porque tiña que facer de todo. Recibir aos visitantes. Repartir propaganda e dar a coñecer toda a amalgama de curiosidades, que se lle poden ofertar aos posibles visitadores de Verín.

No medio daquelas manifestacións de coloridos por parte doutros concellos, Verín optou por ter nove metros cadrados para expoñer as súas fontes e pouco máis, nunha simple estantería, e nun caballete cunha banderola coa festa do Lázaro. Para tan pouca cousa, tampouco se necesitaba azafata que estivera pendente dos visitantes e dese unha cativa exposición do que Verín e bisbarra teñen.

Triste e solitario aquel stand no medio de tantos, que presumían dos seus encantos e ofertaban degustacións das súas gastronomías.

Por certo, faltaron tamén os restaurantes verineses, que antano montaban o seu comedor, dando a coñecer os productos de horta e de casas dos pobos da bisbarra.

Sen embargo estaba, coma sempre, o Consello Regulador, competindo con viños doutras denominacións, para dar a coñecer os bos caldos que se están a preparar, dende hai uns anos para acó. Por certo, buscaron o mellor sitio de ubicación, dentro da exposición. Como pensaban non ter azafata, por aforrar uns cartiños, decidiron colocalo na entrada mesmo da porta principal, polo que non te percatabas de que aquelo era un stand ata que saías.

Parecía o sombreiro do mendigo, pedía pero non tiñan a quen darlle os cartos, polo que a xente non botaba, porque non tiña quen de agradecercho e desconfiaban de que outra persoa podía deixar o sombreiro valeiro por falta  de cuidador ou amo.

Así son as cousas deste concello. Quere pero non pode.

Pódese afirmar que está no mellor momento de darse a coñecer, porque ten ben colocada na Xunta de Galicia a outrora ben pagá, María del Carmen, como Secretaria Xeral de Turismo, e algo pode facer pola terra que a aupou á política e como consecuencia a ese posto que desempeña.

De todas as formas, é triste que non sexan capaces de darlle a Verín outra categoría e poñan a disposición deste concello todo o que faga falta, para darlle un empuxe e convertilo en punto de referencia balnearia ou ben de recuperar aos agüistas de antano, para realzar o que daquela era coñecido en todas as bisbarras de Galicia e das zonas limítrofes de Zamora e León.

Ou non saben ou non queren, porque están no lugar que por cartos non debe ser. Noutras etapas anteriores non se facían estes desaguisados e en algunha exposición ata o señor Presidente da Xunta de Galicia, don Manuel Fraga diu noraboas polo stand en Silleda.

Nin O Lázaro souberon anunciar, porque aquela banderola tiña pouco gancho e menos sen unha persoa que o ofertara como festa do próximo fin de semana.

Verín, esperta, que te están a deixar que desaparezcas, porque esta “finquiña” debe ter pouco que mamar.

 

0 comentarios