Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Feiras e festas do Lázaro

Miña cara señora María: todo quedou en xogos infantís e xogos de veteranos. Os demais non existen na vila. Isto ocorreulle a estas festas, que non hai quen lle de un empuxe para polas como daquela.

Lusos, poucos e o de recibir ás autoridades na casa consistorial, menos. Agora abusan da figura do Cigarrón ou Peliqueiro para todo. Ata que aburren coas cousas non paran!

Encheron o Pavillón de stands, pero o atractivo era cativo. Pode que se note a crise, pero tamén pode que a xente estea cansa de tanta festa no mesmo trimestre.

Por certo, os veciños raiotos pouco se deixaron ver. As campañas publicitarias das feiras e festas de San Lázaro só estiveron na ondas en boca dunha persoa indirecta ao concello, porque institucionalmente non existiron.

Debeu ter vergoña do programa festivo, por consideralo pouco representativo para a categoría da vila de Verín, sobre todo tendo coñecemento doutras épocas e sobre todo por ser a máxima representación municipal, polo que pouco se lle encheu a boca, ou aínda non dixeriu a derrota do trinta de xaneiro.

Pero Verín é así. Non hai quen busque outros alicientes para colocala na cota adecuada, porque se nota que isto corre cara embaixo.

A culpa non a quere ninguén. Xa dicía a miña aboa que a culpa quedou solteira, por moi vinculeira que fose.

Os que non fallan son os invitados familiares que, ano tras ano, apúntanse ás viandas, porque na mesa sempre hai cabrito, que é o mellor prato gastronómico que se pode inventar para representar a nosa bisbarra.

Non deron noticias do concurso gastronómico, como outros anos, polo que debeu ser pouco interesante. Tampouco apareceu nos medios de comunicación a “nosa” Secretaria Xeral de Turismo, promovendo e dando ao evento o impulso necesario, que tanto pregoou, cando era concelleira en Verín. Daquela sería para xustificar o inxustificable dos seus honorarios.

Quenes non faltaron foron o Xaquín e o Marcelo. A estes impórtalle pouco o programa , porque só desexan vir a Verín para pasar o rato e chegar tarde a casa, porque así considéranse homes. Cartos trouxeron poucos, porque só miraban e non tiraron coa escopeta de balotes e non rubiron aos cabaliños nin a nora.

O que si tiñan nas mans eran uns bocadillos cheos de hamburguesas, caéndolle a salsa pola barbela embaixo, como se nunca comeran, cando eran moito mellor aqueles chourizos que lle daba a súa nai que, protestando, trouxéronos para aforrar en comida.

Non puideron xogar ao futbolín no Bar Angel, nin onda o Pelís nin no Bar Alfonso, porque a vida cambia e uns desapareceron e  outros evolucionaron. Agora xógase á “diana”. Non coñecían este xogo.

 

Miércoles, 31 de Marzo de 2010 14:47 A. Rolán Enlaza este artigo. Verín

Comentarios » Ir a formulario

verin

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.





Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris