Blogia
Crónicas Tamaganas

Plan

 

 

 

Verín. CRÓNICAS TAMAGANAS.   Plan “E” verinés..

 

Miña cara señora María:  A vila ten que ser o reflexo do individuo que manda na “taifa”. Ten que ser a mellor, polo tanto hai que acondicionar todo co material máis caro.

 Cando se fan as cousas sen planificar chégase a esta situación de querer renovar por renovar. Non importa  ter que levantar, de novo, a pavimentación ou facer outro acondicionamento tendo o servizo garantizado. O importante é facer ou refacer a obra.

 Para iso houbo suba dos impostos. Os veciños pagan e para iso votaron ao taifiñas.

 Non fai falta recordalo porque xa se encarga de recordalo cando un grupo de cidadáns ou algún colectivo intenta reclamar ante calquera barbaridade, como poden ser os taxistas, que lles espetou: -“ a ver se vos mando para San Lázaro”. –“Ademais os veciños votáronme para que faga o que me dea a gaña”.

 Debería ver “Invictus” ou outras tantas películas ou ler textos onde copiara algo de pedagoxía social. –Imposible!. –Onde bebera algo de democracia.

 Señora María o “Plan “E” Verinés” é unha copia do do señor Zapatero. -Todo se resume nunha frase: -“facer por facer”.

 -Daquela o señor Presidente recibiu críticas por doquier e sobre todo destes contrarios. -Agora, veñen e fan o mesmo.

 Obras que se están a facer: Oficina de Turismo, Sala de Exposicións, Paseo Fluvio-Termal EUROCIDADE, Rúa Irmáns Moreno, Rúa Canella Cega e aledaños e Prazuela da Merced.

 Como verá señora María todas estas obras estaban en condicións normais.  Non facía falta acondicionalas.

  A Casa do Escudo, en San Lázaro, foi comprada, en contra da opinión de concelleiros, para ubicar unha sala de exposicións, unha oficina de Turismo e un albergue de peregríns. Obra que está en perfecto estado, pois, aló algunha maxín pensante acordou que, como por Verín, pasan “moitos peregríns” habería que deixar máis espazo na Casa do Escudo, reconvertíndoa toda ela en albergue e así hai que volver aos inicios da Casa da Cultura, antigo colexio dos Irmáns da Salle.

 Ós verineses sempre lles custou moito pasar a ponte sobre o río Támega, cara San Lázaro, por iso había opinións contrarias á compra do inmoble. Ó final o tempo deulles a razón, pero xa tarde. Habería que pensar se todo isto foi maquinado con premeditación e alevosía para facer obras e obras...  -De algo teñen que vivir algúns estudos que fan proxectos-.- A casa dos soportais ou dos Acebedo, na praza García Barbón, fora mellor adquisición, pola súa ubicación, para oficina de turismo e tamén como sala de exposicións.

 En canto o paseo fluvio-termal Chaves-Verín isto ten moito miolo. -No 1995 o partido que rexenta os destinos municipais, -“xa choveo”!, levábao no seu programa-. O único que se fixo foi darlle nomes rinbombantes para que quedar ben nos xornais. –Agora non, agora emprégase a mellor madeira que un particular pode colocar as beiras da súa piscina. –Os veciños quedan abraiados do que están a ver. Chámalle a atención que no lugar, Campo do río de Pazos, no verán, non hai auga, entón a que ben este despilfarro?. –Verín non ten crise!-. -Para iso está o ibi!-.

 Pero aínda é moito pior cando o que se está a facer xa estaba feito. A obra custa  máis de douscentos mil euros e a escolleira ao longo do río xa estaba feita, con limpala xa valía, porque o arreglo non durará tanto como o que quedou por baixo. Podíase dicir que se continuaran con ela, facendo outro tramo máis, pois aínda se podía xustificar pero, desfacer para facer, préstase a todo tipo de sospeitas.

 O pavimento da Rúa Irmáns Moreno estaba moito mellor que moitas outras rúas da vila, pero había que levantar unha terraza particular e a única forma de facelo foi gastando cartos. -Unha arrogancia desorbitada!.

 A obra da Canella Cega a disculpa que se dixo foi a de construir  tanques de descarga, para cando se producen inundacións. A pregunta que se fan os contribuíntes é moi fácil: e cando se enchen para onde discurre a auga?. -Resposta: “seguirá pola rúa coma sempre”. E para isto gastar cartos?, -pois si. -Así se goberna un concello!.

A praza da Merced demostrou a insensibilidade do personaxe. Non polo colectivo dos patronos do autotaxi verinés, senón pola persoa que se sentiu perxudicada e toca na familia. Non hai palabras para describir esta situación, porque, poderíase caer en “tentacións” que podían levar a insultos con cargos. -De todas formas a pedra que tiña a praza era mellor que a que lle colocaron.

 Señora María pense o que queira, pero aínda temos moito que andar. En épocas de crise os cartos hainos que gardar para outras necesidades, como poden ser as humanas.

 -Felices festas a todos e que o ano novo vos traiga sorpresas agradables-

 

                                          Verín,10 de decembro do 2013.

 

                                                       Adolfo Rolán.

 

 

 

 

 

 

0 comentarios