Blogia
Crónicas Tamaganas

Carnaval 2014....

 

 

Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS- Carnaval 2014.-

 

 Miña cara señora María:  -É Carnaval ou Entroido –antroido- ?. Carnaval é máis universal, máis global e fai que a festa chegue a outros recunchos e sexa coñecida esta bisbarra fóra das fronteiras.

 Non fai falla remontarse ás festas romanas, porque se cae sempre no mesmo, para xustificar este ou aquel vocablo, senón darlle un componente globalizador, para ir cos tempos sen caer en banalidades. Aínda que as veces haxa que botar man da cultura clásica para buscar orixes xustificativas.

 Con escoitar expresións:-"vas feito un carnaval"- ou "pareces un carnaval" estase a darlle o significado que representa máis festa, aínda que pódese entrever un significado pexorativo, cando aquilo de vestir mal ou sucio ou roupa vella ou coma un pobre.

  –Non se debe quedar só coa exclusiva, nin reducir só a este ou a aquel recuncho o que xa foi “tomado” polo “botellón”, porque compite co toxo e co cobelleiro na baixada da Morena, dende Cimadevila ata a Picota.

 -O do toxo máis grande, ata de agora, só tiña, como meta, superar ou  preparar un cobelleiro xigante. De agora en adiante a meta será inventar un botellón que destaque coma o toxo.

 As narracións pérdense nas matizacións, de aí que queda cadaquén, co que leu e, sobre todo, as présas por escrebir  fan que non se chegue a contrastar uns comentarios con outros, no mesmo lugar.

O “purismo” dálle paso ás innovacións, pero iso non lle resta ningún ingrediente ao Carnaval.

 O Bento explicaba o que vivira, cando cativo, na Picota, o luns pola mañá. Deixaba moi claro que a masificación da festa acabou con aquel purismo, porque só eran “catro” os que ían á farrapada.

 Na súa narración falaba de como os rapaces e maiores se colocaban recostados cara as paredes co farrapo escondido por detrás e cando un veciño pasaba pola praza da Picota, calquera lle lanzaba o farrapo, pero sen ser descuberto polos outros. E ata contaba que se non pasaba ninguén, pois non se tiraba. -Agora fan unha “guerra” entre os participantes. -Perdeu o carnaval?. –Non, segue o seu camiño nos tempos.

 O orgullo do lugar era que os Peliqueiros-Cigarróns visitaran as vivendas, perante estes días, e tamén pandillas veciñais pasaban por cada unha para comer e beber, agora péchanse as portas porque os foráneos imitábanos e  os donos non están por esas. -Costumes que se perden?. –Non, a globalización marca outro xeito de costumes.

 -O Pichi recibe vistas  aínda que sexa sen vestimenta-.

 Oimbra ábrelle as portas e sérveos na rúa. É outro costume que está arraigando.

 O que  se mantén é o val do río Támega e seguro que o río é testemuña da verdadeira verba e verdadeiros costumes das terras que rega, a pesar das prohibicións institucionais. Só el sabe a historia, polo tanto, coidalo porque ata pode desaparecer.

 Habería que cambiar o nome da festa e patentar un título que recolla a verba Támega. -Por exemplo: “Carnavais do Támega”: Laza, Verín, Oimbra.

 O de Entroido –antroido- parece algo diferente, distinto pero só se queda en lugares moi determinados. Está ben enriquecer a linguaxe, a cultura, pero non entrar en liortas que fan que os máis novos caigan, tamén en discusións banais, cando “todo” se perde nos tempos e ninguén é capaz de investigar para buscar algo que lle dea consistencia a toda esta “esmorga” que fai que a xente disfrute como nunca. Esta verba pode estar máis relacionada cos calendarios ou tempos relixiosos.

 -Os dous conceptos son diferenciadores entre laico e relixioso, pero hai quen xoga a mesturalos cun sentido pexorativo ou de roubo por parte dunha parte.

 Dos estudosos é de quen deben aprender os que inculcan sectarismos co uso das verbas, porque poden ser futuros erros nas vindeiras xeracións.

 Se vostede , señora María, rubise co Ponchi ao Santo, -San Mamede –Macizo Central ourensán e a ubicase diante da capela observaría os distintos vales que arrancan daqueles cumios, regados por ríos, que ao  longo dos seus cauces sitúanse pobos e vilas, onde as máscaras, cos seus particulares nomes, crean un carnaval de moitas cores, facendo unha distinción enriquecedora e diferenciadora da provincia ourensá.

 

                                  Verín, 2 de marzo do 2014.

 

                                           Adolfo Rolán.

 

0 comentarios