Blogia
Crónicas Tamaganas

Pichi...!

 

 Miña cara señora María: -O Pichi finou!-

As montañas de Laza e sobre todo os recunchos que as conforman chorarán a súa ausencia. Notarán a súa visita cotián pero, sobre todo, daranse de conta que a súa ausencia é a ausencia delas.

O Santo, o Caudillo, os Petarós, a rota dos Marroquís, o cañón da Armada, e como non, ata a "cadeira da raíña" esperarano eternamente, porque a súa falta crearalle tristuras. O descanso e a vista cara o val xa non terán lugar ao caer o serán, nin despois, de ensinarlle a cada acompañante a fonte, que coidaba, que podía competir, para ser tida en conta, como nacemento do río Támega.

Non había lugares que non foran visitados polo Pichi. Gostaba de rubir e camiñar por eles coma se fose un membro imprescindible no seu acompañamento. O coidado e a mesura eran aspectos que mantiña sempre, pensando que todo está ao servizo das persoas. -Moi comedido e a racionalización do uso natural estaba sempre presente nel. Coñecía e diferenciaba cada planta e sabía o uso para calquera remedio caseiro, para calquera doencia.

Pichi foi un incomprendido, no seu momento, porque daquela xa reinvindicaba a permanencia no rural dos seus nados. Intuía que o futuro da xeracións vindeiras estaba naquela terra e non na emigración. -A mellor emigración é a inversión nestes montes-, escoitábaselle a cotío.

Para cada lugar dos montes tiña un proxecto que aplicar, pero os de enriba, pouco entusiasmo lle puñan, aínda así non se desanimaba, porque tiña sempre algún razoamento que o deixaba tranquilo.

 Nos oitenta buscou unha solución para que os rapaces de Camba poideran asistir ás clases a Laza, naqueles duros invernos. O problema era sempre o mesmo: -a loita entre políticos da vila de Verín e , neste caso un "coto", pero que el soubo darlle resposta adecuada, sen perder as simpatías que tiña en Toro. A estrada que había que construír debía permitir un acceso fácil ata Cerdedelo, salvando o "coto" e facilitando a chegada en menos tempo ao colexio a Laza.

Aquela mañá recibín unha chamada do responsable-xefe de prensa dos corresponsais do xornal provincial, La Región, para que o acompañase. Accedín a un coche que conducía o todopoderoso vicepresidente da Deputación Provincial e responsable de levar adiante un tal Plan Bulleiro, que recollía todos os proxectos das parroquias da provincia de Ourense e aló nos encamiñamos os tres.

O Pichi xa tiña a solución do traxecto da pista. Dende o alto de Camba escomenzou a baixar pola ladeira da montaña e, logo de camiñar un longo treito, vislumbrouse a capela da Virxen da Pena Tallada e aos poucos días as máquinas da Deputación deron co inicio dun novo acceso a Camba.

Pero o del eran proxectos que asentasen a poboación no rural. Persoa adiantada en ver os problemas dos pobos, pero sobre todo coidaba que ademais dos camiños había que dar máis servizos, incluíndo inversións que crearan postos de traballo, porque así os mozos non abandoaban o campo.

Pero foi fora da política onde conseguiu que a Brigada contraincendios tivera a Base en Laza cedendo, como presidente da Comunidade de Montes, un terreo. E tamén puxo os terreos ao servizo do Concello de Laza para que o Parque "Feiticeiro"  se establezca na localidade de Souteliño. -Responde a aquel refrán: -"o que a segue e a persegue"-. -A perseverancia nas cousas era a súa virtude por excelencia, porque non se ofendía, aínda que lle dixeran que non.

Onde máis disfrutou foi creando nerviosismos políticos, coas informacións nos xornais provinciais, cando intentaban destruír Coalición Galega. Participou sendo un "mohicano" de CG, facendo posible que houbera listas municipais en tódolos concellos da Bisbara. -Sentiuse feliz pola fazaña.

Quen máis o botará en falta será a "mesa camilla", aló na vivenda da Picota. Testemuña de todas as súas obras e compañeira con a súa dona, sabedoras de todas as súas cuitas.

 As tertulias ao redor dela, co braseiro quentando as pernas, e saboreando aquela taza de genciana, que tambén lle obsequiaba aos vistantes, sen faltar a bica e o licor café, deixarán de ser visita obrigatoria, pero manteranse no maxín dos amigos.

  Unha aperta e que descanses en paz.

                                 Verín, 5 de decembro, do 2014.-

                     Adolfo Rolán

0 comentarios