Blogia
Crónicas Tamaganas

Padre Fontes.-

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS- Padre Fontes…..

 

 Miña cara señora María: -Por fin coñeceu ao Padre Fontes. O lugar non era axeitado, pero a súa filla estaba pendente de que non lle estorbaran. Sempre xorden persoas que van ao seu e non se decatan de que hai outras con dificultades, que a pesar dos pesares queren ver.

 Para algo máis está esa institución con carácter de Eurocidade que pode encher ocos que outros non souberon aproveitar, porque só  lle interesaba obras de moito orzamento con finalidades etéreas con pouco aprecio dos veciños.

-Un exemplo é a sa de ensaios para posibles ou futuros grupos musicais da antiga Aduana e ao mesmo o novo Auditorio con parecido fin. –Debería estar tan conxestionado aquel lugar da fronteira que fixo falta facer outro con máis amplitude!. –Que non sexas por salóns!. -Serían outras cousas, señora María.

O espectáculo foille ameno e debeulle gustar porque sorría de cando en vez e iso que o barullo da periferia non lle deixaba escoitar ben. A noite axudou e o lugar tamén. Alguén dicía que xa había arranxo para o Xoves de Comadres e iso que non coñecen os “Venres e 13” de Montalegre.

 Sempre que coinciden a sexta feira e  o 13 festexan a “Noite das Bruxas” aló no Castelo, mesturando actuacións folclóricas con guións feitos a propósito dos eventos con fogos, luminarias, e lumes cos que purificar as almas de todos os que desexen e necesiten elevarse coma a violinista, de fai un ano, ata chegar ao escenario, onde continúo coa súa interpretación.

 -Señora María debe ir a Montalegre, lugar do Barroso, do outro lado do Larouco, esa serra que impide que dende O Castelo de Monterrei non se oteen todos os cumios do Xerés, para disfrutar do patrimonio, a natureza e non estragar un castelo transformándoo en Parador.

 Non lle fai falta, porque lle souberon dar o destino de ser o lugar das meigas, das bruxas, das almas de ultratumba, do que tanto hai nas terras de aló coma nas de acá. –Somos raianos-.

 Coñecín ao Padre Fontes de man de don Baltasar, crego de Vilardevós e natural de San Cristovo de Medeiros, fronte a Vilar de Perdices, porque me levou ao primeiro Congreso de Menciña Popular organizado na parroquia lusa, onde O Padre Fontes bebendo das fontes da xente do Barroso, enfrontándose ao Bispo de Vila Real con este tipo de actividades e outras mal vistas pola curia soubo elevar o espírito daquela xente esquecida por todas as Institucións, dándolle aquela Bisbarra predicamento para ser escoitada nos foros do Estado.

 Con ambos cregos celebráronse no Grupo Escolar Rodolfo Núñez de las Cuevas, en Vilardevós,  os  II Xogos Populares TRANSMONTANOS GALAICOS (ano1984, festa do San Martiño). Aqueles eventos trouxeron estes acontecementos.

 Pódese dicir, dende a miña modesta opinión, que nunca abandonou aos seus e tivo que entrar, tamén na política, para buscar o necesario para aquelas xentes barrosas, que en Lisboa esquecíanselle.

 Exemplo a seguir en calquera das facetas humanas, porque calquera cousa por estraña que parecese sabíaa coidar para o ben sen mirar de onde viña ou onde ía.

 Todos os nosos  metidos nunha coreografía facendo que o espectador entre dentro da obra e sentíndose actor, como o personaxe, que interpreta con cada xesto o mundo máxico dos antepasados, facendo que o maxín recorde a Santa Compaña, as velas, o caldeiro co hisopo, a cadeliña e a cruz, sen desviarse do camiño, ata a seguinte parroquia ou cemiterio.

-Tan lonxe, pero tan preto de nós, señora María. Só o cambio na política local para poder ver outras cousas.

 Noite de San Xoán, noite de flores. Noite de San Pedro, noite de argalladas aos veciños.

                              Verín, 27 de xuño, do 2016.-

                              Adolfo Rolán.-

0 comentarios