Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Pecados Provinciais...

 Verín- CRÓNICAS TAMAGANAS- Pecados Provinciais.

 

 Miña cara señora María: O que son as cousas! e…., como non?, vostede garda as súas, por precavida, por se non ocorren… non as airea, ata estar segura de que van ser.

 Que gardadiña tiña a nova!. Compinchada co artista e , por esa boca, non sae nada. Quere ter todo ben asegurado, porque se non sae adiante, que vergoña ante os veciños!.

 Debeu ser a súa filla quen lle dixo do pintor, porque, a cotío, pasa pola beirarrúa da avenida de Portugal, onde está ubicado o estudo do “Fernandiño·

 Daquela, cando cativo, abriuse a rúa Ourense, nunha propiedade adquirida polo seu avó. Iniciada a urbanización, xogaba entre os materiais das obras promovidas por membros da familia.

  Isto debeu ser causa para lanzar ao cativo a outros aires e non os que tiña na vila, porque, moi acubillado, tiña que chegar a ser algo na vida. Así frecuentou os ambientes e círculos madrileños e tomou contacto coas Artes para formarse e perfilar o seu futuro.

 Vostede, señora María, será protagonista dun dos Pecados Provinciais. Estará presente no lenzo como calquera musa dos Grandes Pintores e será vista por infinidade de persoas que visitarán a Exposición de Don Fernando  Barreira.

 -Cando a trace co rotulador e logo a acaricie co pincel sobre o lenzo débelle falar e dicirlle que vostede foi, durante moitos anos, veciña, porta con porta, co seu Padriño Alfonso, polo que sabe unha curiosa anécdota que lle contou antes de finar. Por iso, aínda hoxe, vostede sente curiosidade e, aproveite para facerlle a mesma pregunta ,cara a cara.  -O seu padriño, estando vostede tomando unha copa no seu bar, preguntoulle:  -“e… este quen é”?.

  -Non teña vergoña e descolóqueo enchéndoo a preguntas. Apréteo ou a ver se o convence para que contente a súa nai, dona Sara, firmando os seus cadros co apelido Mateo.

 -Pode que o Fernandiño teña un problema de ubicación e queira desentenderse dunha parte, pero a realidade é, que a simbiose coa súa nai, é manifesta-.

 -Tírelle da lingua e fálelle de Mallorca, Porto, Sevilla, Ponferrada, Roberto Verinno.  Porque todo isto ten que ser a semente que plantou e recolleu, para dar este froito, que tantos admiradores ten.

 -Débelle preguntar cal é dos sete pecados o que vai ser vostede, porque entrada en anos, como está, non quererá ser portada de revista de perruquería. E  o porqué do branco e o negro, cando, sobre a madeira ou o lenzo, todas as cores destacan o mesmo. Non hai grafía que quede oculta. Todas están no mesmo plano e ningunha ten primacía sobre as demais. Figuras de multicorpos cunha cabeza ou multicabezas con un só corpo. Cornamentas e uñas aguzadas, sempre dispostas a defender o ego freudiano do autor,  que se perden entre todo o que encontran.

 O maxín do Fernandiño indaga por doquier para plasmar figuras imaxinadas que dan luz a todo individuo que as ama. Acode, con facilidade, ao narcisismo para ser centro de atención e poder entablar unha conversa entre a realidade e o cadro.-É unha pretensión do autor.

 Non se esqueza de volver á pregunta do Padriño e se esta colección se convertirá nunha Barreirasutra ou “Mateosutra”, ao estilo de Botero.

 Dígalle que os pecados provinciais péchanse en dous, como os mandamentos da Santa Nai Igrexa, a corrupción e a fronteira.

 

                                 Verín, 22 de outubro, do 2016.-

                                                                            Adolfo Rolán Fernández.

Miércoles, 26 de Octubre de 2016 13:45 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.





Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris