Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Enero de 2016.

Carta...?

 

Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-  Carta….?

 

  Miña cara señora María: -Que alegría vela polo Supermercado. O seus ollos brillaban do que estaba  vendo, tanto tempo sen entrar!, pero o seu fillo, coñecedor da súa nai, cómo non, levouna a dar unha volta polos pasillos do supermercado, porque sabía que o estaba desexando.

 Señora María, fillos así, non se encontran nestes tempos. As persoas  de idade estorban en todas partes, por iso o ter alguén que coñeza os costumes dun é moi destacable, porque así pode revivir e recorrer os sitios que se van esquecendo. Un fillo, -que o sabe e a leva aló-, entón e cando nos damos conta da necesidade  de non encerrar a ninguén en lugares, que por moitas comodidades que haxa, sempre falta a caricia dos seus e que o sorriso se dea nas meixelas.

  Sen embargo a ledicia non chega a todas partes, señora María.  -Nun lugar da vila hai unha misiva para os Reis Magos que reza así: -“ Meus queridos Reis Magos só vos pido que fagades uns quilómetros máis de AVE”.  –Aquí resúmese toda a vida desta familia que tivo que abandonar a súa residencia habitual, porque o cabeza de familia foi destinado ao lugar da obra e debe de estar a punto de rematarse, que o ambiente familiar foi resumido e plasmado, deste xeito, polo cativo.

- E iso que non existen, que se chegan a existir entón non darían feito! .

  Alguén andou no rebusco político, non como algúns veciños, cando ían ás leiras e aos bacelos, por se os propietarios esqueceran patacas ou cangallos de uvas para aproveitalos e ter colleita propia, senón, tipo cobra, para conseguir algo que debería estar asegurado, porque o efecto non desvirtuara a causa. Como tiña que ser el, pois había que practicar o arrastrarse, -para non esquecerse-, porque a dignidade é o de menos, neste tipo de individuos, que queren, a toda costa, estar na “casta”.

 -Non escribiu a carta, pero rebuscou firmas e iso que no lugar da Gudiña -escoitar escoitounas-, pero coma se non fosen con el. -Que lle firmaran!, para volver o mesmo posto, aló en Madrid, por iso “ser cobra” ten os seus premios.

 Daquela había que coidar a “finquiña”, pero, agora, a finquiña converteuse en eidiños.

 Sen embargo o Manolo dicía: -“non entendo nada, repartía papeletas, coma se fose para el e resulta que estes resultados aínda foron máis nefastos cos das municipais, porque só sacaría seis concelleiros. O normal sería facer coma todos ou,- se me apretas-, facer o contrario, para que fosen menos e así quedar ben, o que está claro é que os veciños votaron ao partido e non ao individuo, deixando mal ao candidato nas municipais”-.

 Iso é o de menos. O importante e rubir ao machiño, pero máis aínda, foi o sorriso que recuperaron os veciños do municipio ao cambiar de alcalde.

 O ano 2015 portouse ben coa vila e os  veciños van estar a altura das circunstancias, en cada momento, que o novo equipo de goberno necesite deles.

 - Un feliz ano 2016 para todos/as vostedes.

                               Verín, 1de xaneiro do 2016.-

                                Adolfo Rolán.-

 

Viernes, 01 de Enero de 2016 13:38 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.

..Manipulación..?

Verin-CRÓNICAS TAMAGANAS- …Manipulación…?

Miña cara señora María: O celular emite unha melodía e o Paquiño, de inmediato, bota man del e responde, quen é?. –Non ten resposta e déixao no mesmo sitio, pero, de repente, volve a soar e coma un relámpago lánzase a collelo para que non lle escape o interlocutor.
-Mira, son eu, e para dicirche que o traballo do fillo non periga, pero hai que esperar a que veña outra subvención e non hai problema para volvelo a contratar. O que si quería era que tes que cambiar de empadroamento para igualar as mesas, porque senón, eliminan a do outro pobo e tódolos veciños teñen que ir a vosa parroquia a votar e iso é moi engorroso, porque a maioría son vellos e non votarían.
-E que teño que facer?. -Podes ir ao Concello e solicitar o cambio e senón, encárgome eu de cubrir os papeis. –Vale, pois….
A conversa entre o Pirixel e o Manoliño era amena, sobre todo contando o que dixera o seu amigo ao que, facía uns días, fora a facerlle unha visita. Pero, non daba creto do que escoitara, sobre todo, sendo un tema moi sutil e escabroso, cando dun censo se trata.
O Manoliño seguía a preguntar, porque non lle encaixaban as cousas e fíxolle unha pregunta, mira, e, quen firmou polo teu amigo?, dicir non mo dixo, pero como mo contou, coido que el, nin cubriu, nin firmou a permuta. -Como?, -como cho digo, pero, acontecen estas cousas?. –Eu non che sei nada, pero se mo contou éche verdade, porque o meu amigo, mentir non minte.
Facía mal tempo e déronse presa por rematar, pero, como se ven poucas veces, na vila, entón cóntanse tódalas ocorrencias sabidas e por saber.
-E non sabes?, -que é o que non sei?, -pois que o continuador de “cenador” anda a repartir axendas e bolígrafos da “Cámara Alta”. –Ti, que dis?,- iso, non pode ser certo, porque o país está en crise e non deben malgastar os cartos neses agasallos. –Pois ao Manolo regaloulle un bolígrafo e unha axenda e iso que antes non o coñecía, pero agora vense nun eidiño deses, que emprega para socializarse.
-Recortes por tódalas partes e na Cámara Alta permítense o luxo de darlle a cada membro un feixe deles. A sensatez brilla pola súa ausencia e ao parecer nesa Institución, pouco saben de aforrar. – Pois o traballo non os mata e o verinés facer…, facer…, non fai nada, iso din os xornais, cando fan referencia ao traballo destes representantes cada ano, sobre preguntas ou intervencións.
- Tampouco é iso, preocupouse pola pesca aló, nas illas Feroes, porque compiten con Galicia no mercado mundial e iso, si que é tema importantísimo para Verín. –Unha maneira de xustificar o soldo de cada mes, e chegoulle cun par de preguntas para cumprir.
-Señora María, preocúpese pouco, porque os “idus de marzo” traerán novas que endulzarán a vila, que é o que desexan os veciños.
Verín, 12 de xaneiro, do 2016.-
Adolfo Rolán.

Lunes, 18 de Enero de 2016 12:09 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Lola..

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-   LOLA…

 Miña cara señora María: -A rúa Lisa quedou orfa.  A Lolita Tita finou e, polo tanto, ninguén saberá desempeñar e representar tan ben a idiosincrasia da vila de Verín. Verín será, a partires de agora, algo máis cativa e terá que buscar, que será moi difícil, substituto da Lola.

 Don Oscar, novel aínda na vila, soubo sintetizar todo o que representou a Lola, nunha breve pero intensa homilía, que demostrou, en tan pouco tempo, ser coñecedor da personalidade desta muller , que sen ela, a rúa, que a viu crecer e nacer, será máis solitaria, porque faltarán as verbas da muller, que lle imprimiu carácter e, que lanzaba verdadeiros dardos para saber de todo o concernente a cada persoa, que entraba a comprar, na famosa pastelería das Titas.

- Como os anteriores párrocos era invitado a tomar un pastel, cada vez que cruzaba fronte á tenda e, se declinaba a oferta, a contestación espontánea da Lola era: -“vai para o carallo”. -O crego deixaba aparecer un sorriso e ela non se inmutaba, - como se non fose con ela-. –Como dicía: - xa virá.- Expresión que podía recibir calquera outra persoa ao ser invitada pola anfitriona pasteleira.

 Sen embargo o crego sacou a relucir os famosos pasteis “das linguas de obispo”. –Tivo que comelos, porque os describiunos de  marabilla e, máis aínda, diferenciounos ás mil marabillas da lingua do señor Bispo, dirixíndose aos seus compañeiros que concelebraban a cerimonia do adeus ao corpo presente da nosa moi apreciada Lola.

 -Pódese afirmar que os mencionados pasteis son coñecidos en tódolos recunchos da xeografía-. Verín saía a relucir, en calquera xuntanza, lonxe de aquí, non só polas famosas “Linguas de obispo”,  senón que tamén se acordaban da pasteleira.

 Os verineses e, sobre todo, os acompañantes, botarán en falta á Lola, porque non terán quen lle faga tantas preguntas e tan rápidas, cando vaian a comprar pasteis.

 A curiosidade da Lola non tiña límites e as preguntas eran as mesmas para todo tipo de persoas, sen distinción de categorías. -Non tiña pelos na lingua, nin se puña vermella.

 Pero, como cairas aos poucos días por alí, cosíate a preguntas sobre a persoa que te acompañara e, como o acompañante fora só a mercar pasteis, as preguntas revolvíanse. - Tiña memoria de elefante. –Non se lle esquecía nada.-Ao pouco recibías unha chamada do amigo contándoche a  conversa coa Lola. E ao pasar por alí, dicíache: -estivo aquí o teu amigo de Xinzo.

 E, como non?, na comitiva de participantes, na condución do cadaleito, cara ao cemiterio tiña que saír, que non debería faltar, o do seu amor platónico cun bo mozo, -coma sempre-, da vila que se relacionaba co cine Buenos Aires.

 A anécdota repetíase cada ano, na festa do pobo. –Vas a onde a Lola e compras un Roscón. Pasados uns días hai que pagar o Roscón e hai que ir alí. -Lola, canto é o Roscón?. –Xa virá o teu pai a pagalo. Ao chegar a casa a pregunta non esperaba e, pagaches o Roscón? –A Lola díxome que xa llo pagaría vostede. E ata que ía a Verín o  meu pai non se pagaba o pastel.

- Persoas  así, tan espontáneas e sen pelos na lingua, deben quedar moi poucas e ao mesmo tempo tan graciosa,  ningunha-. Polo que debemos entoar a mea culpa e ir buscando veciños que nos recorden a estas persoas que imprimiron carácter,  como foi a Lolita Tita.

 Seguro que o señor Párroco orará por ela e Deus perdoaralle tódalas faltas, porque ela era así e non facía mal a ninguén. Muller chea de bondades e muller chea de espontaneidades, que máis se lle pode pedir a unha persoa. –Ser como foi-.

 -Querida Lola, Deus sabe como fuches e agora, que te ten a seu lado, saberá como es. -Unha aperta e, pídelle por nós.

                             Verín, 27 de xaneiro do 2016.-

                             Adolfo Rolán.-

Jueves, 28 de Enero de 2016 09:32 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris