Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Octubre de 2016.



Simplezas

  Verín- CRÓNICAS TAMAGANAS- Simplezas…..?

 

 Miña cara señora María: -Os xornais galaicos reproduciron os datos das eleccións da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que a maxín da señora María deu voltas  e máis voltas para poder atallar o tema e versar sobre o caso.

 Non lle foi fácil, xa que no corro da praciña conseguida, da única área de reparto, que se levou acabo no Pxom do 1998, ninguén mencionaba a nova. Como persoa dedica só a chismorreos locais non daba entrado en asuntos de máis aló da Estivadas, por iso desexaba que alguén dixese algo sobre a política, para largar o que consideraba unha simpleza.

 Nas eleccións autonómicas podían votar 2.701.932 galegos. Participaron emitindo o seu voto 1.448.962, polo que houbo 1.252.970, que non se arrimaron polos colexios electorais, é dicir, abstivéronse. Por múltiples razóns quixeron non emitir o seu voto, xa que non ven claro isto de elexir, elexir…….para que salga sempre o mesmo. –Señora María vostede levaría a papeleta á furna ou non?-.

  Decataríase, señora María, que a nova dos xornais daba por finiquitado o tempo de reclamacións, polo que xa está todo atado e ben atado. Ninguén pode mover nada. -Os resultados son os que son-. Así quedaron as cousas e polo tanto temos que ter o que nos puxeron os votantes.

  Deberíase preguntar, señora María, como se pode gobernar un territorio sen ter unha maioría cualificada con respecto do censo electoral e non ter que ser a maioría dos que votan. -Non debería ser lexítimo que uns poucos dirixan os destinos do lugar-.

 Vería na nova xornalística que as cantidade de votos emitidos foron 1.420.381. En branco houbo 14.037, nulos 14.544, polo que válidos foron 1.434.418.

  Os votos válidos repártense entre os partidos políticos, seguindo  unha norma, que lle chaman lei D´Hont, que consiste nunha serie de divisións (con matizacións), partindo do número recibido de votos ata chegar ao número total de candidatos e non reste ningún. –Hai que dicir que os partidos que non consigan, en cada demarcación, un tanto por cento de votos emitidos, xa non entran no reparto-.

 Se vostede bótalle unha ollada a cada cantidade de votos recibidos polos partidos participantes verá que o partido con máis votos, só, consigue 682.150, polo que lle corresponden 41escanos e ten maioría absoluta. Se suma os votos do resto dos partidos, máis os nulos e en branco teñen máis co gañador . Entón, como se produce ese resultado nos escanos?. –Simple e llanamente, señora María, está na concentración do voto. Por iso, a simpleza está, que os outros partidos teñen que unirse para que o voto non se disperse e non se perda en nada. Buscar estratexias para sumar e incidir en baixar a abstención, que é onde máis votos se reclúen.        Resumindo, presentarse baixo unhas mesmas siglas o resto das candidaturas e así poderíase formar un goberno alternativo-.

 Outra simpleza  sería que todos os cidadáns deberían estar representados no parlamento e para iso hai que ter vontade política e querer. –A voz non se debe quitar a ninguén, señora María-.

                                   Verín, 21 de outubro, do 2016.

 

                                            Adolfo Rolán.-

Viernes, 21 de Octubre de 2016 12:54 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Pecados Provinciais...

 Verín- CRÓNICAS TAMAGANAS- Pecados Provinciais.

 

 Miña cara señora María: O que son as cousas! e…., como non?, vostede garda as súas, por precavida, por se non ocorren… non as airea, ata estar segura de que van ser.

 Que gardadiña tiña a nova!. Compinchada co artista e , por esa boca, non sae nada. Quere ter todo ben asegurado, porque se non sae adiante, que vergoña ante os veciños!.

 Debeu ser a súa filla quen lle dixo do pintor, porque, a cotío, pasa pola beirarrúa da avenida de Portugal, onde está ubicado o estudo do “Fernandiño·

 Daquela, cando cativo, abriuse a rúa Ourense, nunha propiedade adquirida polo seu avó. Iniciada a urbanización, xogaba entre os materiais das obras promovidas por membros da familia.

  Isto debeu ser causa para lanzar ao cativo a outros aires e non os que tiña na vila, porque, moi acubillado, tiña que chegar a ser algo na vida. Así frecuentou os ambientes e círculos madrileños e tomou contacto coas Artes para formarse e perfilar o seu futuro.

 Vostede, señora María, será protagonista dun dos Pecados Provinciais. Estará presente no lenzo como calquera musa dos Grandes Pintores e será vista por infinidade de persoas que visitarán a Exposición de Don Fernando  Barreira.

 -Cando a trace co rotulador e logo a acaricie co pincel sobre o lenzo débelle falar e dicirlle que vostede foi, durante moitos anos, veciña, porta con porta, co seu Padriño Alfonso, polo que sabe unha curiosa anécdota que lle contou antes de finar. Por iso, aínda hoxe, vostede sente curiosidade e, aproveite para facerlle a mesma pregunta ,cara a cara.  -O seu padriño, estando vostede tomando unha copa no seu bar, preguntoulle:  -“e… este quen é”?.

  -Non teña vergoña e descolóqueo enchéndoo a preguntas. Apréteo ou a ver se o convence para que contente a súa nai, dona Sara, firmando os seus cadros co apelido Mateo.

 -Pode que o Fernandiño teña un problema de ubicación e queira desentenderse dunha parte, pero a realidade é, que a simbiose coa súa nai, é manifesta-.

 -Tírelle da lingua e fálelle de Mallorca, Porto, Sevilla, Ponferrada, Roberto Verinno.  Porque todo isto ten que ser a semente que plantou e recolleu, para dar este froito, que tantos admiradores ten.

 -Débelle preguntar cal é dos sete pecados o que vai ser vostede, porque entrada en anos, como está, non quererá ser portada de revista de perruquería. E  o porqué do branco e o negro, cando, sobre a madeira ou o lenzo, todas as cores destacan o mesmo. Non hai grafía que quede oculta. Todas están no mesmo plano e ningunha ten primacía sobre as demais. Figuras de multicorpos cunha cabeza ou multicabezas con un só corpo. Cornamentas e uñas aguzadas, sempre dispostas a defender o ego freudiano do autor,  que se perden entre todo o que encontran.

 O maxín do Fernandiño indaga por doquier para plasmar figuras imaxinadas que dan luz a todo individuo que as ama. Acode, con facilidade, ao narcisismo para ser centro de atención e poder entablar unha conversa entre a realidade e o cadro.-É unha pretensión do autor.

 Non se esqueza de volver á pregunta do Padriño e se esta colección se convertirá nunha Barreirasutra ou “Mateosutra”, ao estilo de Botero.

 Dígalle que os pecados provinciais péchanse en dous, como os mandamentos da Santa Nai Igrexa, a corrupción e a fronteira.

 

                                 Verín, 22 de outubro, do 2016.-

                                                                            Adolfo Rolán Fernández.

Miércoles, 26 de Octubre de 2016 13:45 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris