Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


O Paiolo.

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-  O Paiolo…

 

  Miña cara señora María: O frío chega ata o fondo dos miolos e os osos rechían pola falta de exercicio. O Dani levouse unha gran alegría porque o seu pai, por fin, levouno con el á matanza do seu avó.

  O rapaz, con catorce anos, aínda non baixara o patio e o seu pai, desta vez, xuroulle que o deixaría participar na loita cos marráns . So vira a matanza dende o descanso da escaleira,- polo que puidera pasar!-. –O coidado dos pais modernos….., darlle todo feito aos fillos-.

  Este ano por fin ía a participar de cheo no coller o animal e rubilo ao carro para logo fincarlle o coitelo na gorxa.

  O primeiro que fixo o pai foi darlle unha corda para ver se era capaz de atala a unha pata de atrás, cando os homes tiñan ao animal agarrado e ben preso.O veciño do Cantodarriba, coma de costume, moi elegante el, non se molesta en botarlle a man nin tocar o porco ata que os axudantes llo teñen ben amarrado e deitado no pinallo do carro, entón fíncalle a  arma, pero…de repente, o porco bótase a baixo e o rapaz é arrastrado polo patio dando voltas co animal. -O Dani xa sabe o que é unha matanza-.

   Ao rapaz sempre lle chamou a atención o coitelo da matanza,utensilio  ben aguzado e relucente,  o matachín quítao dunha envoltura onde está guarecido para que ninguén o empregue en ningunha outra cousa que non sexa na papada do cebote. O mesmo co resto dos coitelos que, daquela, se empregaban para picar a carne dos chourizos

  O tío Xico, coma sempre, tiña que facer unha das súas e a festa tiña que aparecer, en calquera momento, porque senón a matanza deixaría de ser unha xuntanza de bromas. –Hoxe, estes feitos serían tratados de xente sen escrúpulos e de mal gusto-. Por iso, hoxe, a matanza perdeu o seu encanto, xa que non hai personaxes que saiban facer ou convivan todo o ano pensando que broma lle van a gastar ao invitado de turno.

  O avó acércase ao rapaz e dille hai que espabilar e estas cousas fan a un, un home. O cativo, limpándose, respóstalle…pero avísase. -Soubo acertar a broma e tamén colleu ben o feito, asegurándose de que un rapaz entre “homes de pobo” debe estar co ollo aberto, polo que poida acontecer.-Nunha palabra, madurou-.

 -No recreo contáballe aos compañeiros o ben que o pasara na matanza e que repetirá sempre que poida.

 -Que triste señora María que se perdan estes costumes e que os novos non participen nestes mesteres, aprendendo cada un dos traballos especializados, que se fan nunha matanza, ata que o fumeiro se enche de chourizos, entre os cales destaca o “paiolo” .

- Na parroquia de Tintores e en máis lugares do val ou da bisbarra o “Paiolo” faise coa mesma carne que os chourizos gordos, só se diferenza na tripa e nunha certa  cantidade de cabazo, xeralmente cocido, aínda que  hai veciños que llo mesturan en cru.

  Debe ser, señora María, o único chourizo que non ten significado despectivo, polo que en Verín deberían aupalo a convocarlle unha festa gastronómica.

                        Verín, 19 de xaneiro, do 2017.-

                                                                              Adolfo Rolán.

Viernes, 20 de Enero de 2017 11:48 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema

Comentarios » Ir a formulario

No hay comentarios

Añadir un comentario



No será mostrado.





Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris