Blogia
Crónicas Tamaganas

Adán e Eva..?

  Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-. Adán e Eva….?

 

  Miña cara señora María: -Por fin, toma corpo, o que o val do Támega debeu ser o “paraíso Terreal”.

Todo isto é produto das intervencións na redes sobre o  carnaval. –Todos queren ter razón e todos queren defender de que o mellor Entroido é o da súa aldea. Pero o máis destacado foi a afirmación, dun deles, dicindo que Adán e Eva son de Laza. Adán..”adán”…non está moi confirmado, porque a persoa que representa ao personaxe está por riba da idade do verdadeiro, pero Eva, ai..Eva!, todo é un enigma. E polo momento ese auto  estase a representar moi asiduamente e sendo fiel a costume aprendida, pero…, que naceran aí’?.

  -Señora María debe recordarlle un slogan que dicía: -“un libro ayuda a triunfar”-. Para os da terra de enriba hai dous libros de Antonio-Augusto Diéguez Añel e de  Don Jesús Blanco Conde (O Pitití) que describen correctamente todo o relativo ao “Entroido” na zona  alta do val do río Támega e minuciosamente fan as súas aseveracións sobre cuestións concretas dos aderezos e prendas da vestimenta do personaxe central do Carnaval, destas terras, e saen fóra, tamén, para contrastar con outros lugares a existencia, para concretar que esta festa é invento da humanidade, dende tempos remotos, en calquera lugar da xeografía terrestre, pero danlle ese toque para rematar, que onde se conserva “ a súa” pureza é en Castro e Laza.

 Ambos libros titulados: -“Támega-Por un valle de civilizaciones milenarias en Galicia” e “Laza, O Entroido enxebre”, deben ser libros para levar ao Grupo Escolar de Laza e tamén, como non?, aos demais do val, porque así as persoas deixaríanse de afirmacións simplistas..e terían base para contrastar opinións. –Non é  o mesmo “vivilo” que “documentalo”-.

 E a festa, como produto, dos veciños está condicionada a novos elementos. Non hai tantos anos que o luns de Entroido baixa unha formiga cabalaria moi grande, pois este elemento non desentoa na baixada da Morena, e debeu ser unha “creación”  para contrarrestar o efecto da intervención dos “animalistas”, naqueles momentos. –Isto demostra que as persoas teñen a capacidade de buscar alternativas para seguir coa festa. E iso é bo, porque enriquece O Carnaval e non se perde ou se para.

  Recórdelles que  en Oímbra, o luns de Carnaval, empezou cun grupo de veciños, tomando unhas cuncas de viño, nas súas bodegas, e así catar e falar de cal era o mellor, pero isto escapóuselle das mans e “daquelas mexadas” está resultando ser o lugar de bandulladas dos que visitan estas terras, nestas datas de Entroido.

 - E dígalles, tamén señora María, que na vila de Verín non acertan cos Cigarróns no desfile. Seríalles mellor facer un desfile só para eles ou un grupo abríndoo  e outro pechándoo, pero non interrompendo e non deixando escoitar ás charangas. -Agora ben, se o Carnaval é facer ruído pois entón que sigan así.

 Máis libros do Entroido: “Entroido en Galicia”, publicacións do Instituto de Estudos Galegos “P. Sarmiento”. Autores: González Reboredo e Mariño Ferro.- “O carnaval en Galicia”, autor: Federico Cocho. –“ O Entroido en Terras de Monterrei”, autor: Xerardo Dasairas.

 -Viva o Carnaval!, viva o Entroido!. O Carnaval é meu!-

 

                                        Verín, 11 de marzo do 2017.-

                                                 Adolfo Rolán.-

0 comentarios