Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Se muestran los artículos pertenecientes a Octubre de 2018.

fernando.

 Miña cara señora María:

  -Volvemos e volvemos cun encargo. Coido que o Señor Barreira ten aprecio por vostede, porque o primeiro que soltou foi que necesita da “señora María”  para un novo  catálogo. –Pode que sinta un cariño platónico, pero xa non está en anos para esas cousas. - Nunca se sabe-.

 - O Fernando non está ao día de vostede.Tampouco están moitos veciños da vila, polo que é importante que entre nós saibamos gardar  o segredo ata que, por  calquera motivo, se descubra.

 Debe saber que este fillo “pródigo” da familia Barreira e da vila de Verín volveu, non só para atender a súa nai, senón que baixo o seu amparo comezou a prodigarse nas artes e algo, co novo negocio, en marchante e mestresala.-Sempre foi un gran adulador, de aí, que coloca o cadro, a quen quere e cando quere.

O SHOW ROOM aberto, no ensanche verinés, avd. de Portugal, nº 66. baixo, para o seu público, respondeu ás expectativas soñadas, polo que, señora María, vese feliz.

O baixo é unha ampliación do taller, completo, de cadros e esculturas, creando un ambiente propicio para  deleite dos visitantes, os cales aproveitan as mesas para colocar  viandas, que acompañan con viño da terra, e ao mesmo, ollando a pintura  que lle enche o ollo co fin de adquirila. –Todo, señora María, baixo a atenta mirada do “Fernandiño”, que responde e atende ás insinuacións do posible cliente.

O Barreira vive para si. Está entretido e , de cando en vez, convértese en ave nocturna. Regresa se quere. É difícil velo e, aínda máis, é difícil conectar. Hai que adaptarse a el para poder gozar das súas parolas, cando fala das “cousiñas” que está a facer.

  Con el, señora María, a vila está presente en todas as cidades, que percorren as súas exposicións. -É un verdadeiro embaixador de Verín-.

 Vaille ben a vida, sorrille e non desaproveita os “xogos” que encontra. Agora ben, debe ter en conta a que xoga, porque as súas andainas repártense entre amigos e non amigos. Non debe rexeitar nada, pero necesita de accesibilidades dos “ bos mestres”, que encontrou nesa viaxe, ao estilo de Ulises, atado ao mástil, para aguantar os berridos das sirenas, camiño de Ítaca, no poema de Kavafis.

 -Por certo, señora María, en Málaga visitamos o restaurante dun amigo e, aínda que non era boa hora, fomos atendidos como se estivera presente o Fernandiño-.

 Cantas voltas deu pola península, ata que acougou na vila que o veu nacer. Seguro que encontrou sabores e desgustos, pero percorrendo os lugares aprendeu dos que tiñan sabedoría, que logo trasladou aos seus lenzos para emprender unha vida nova ao lado da súa nai.

 Aquí soubo sintetizar o aprendido e ao lado dos seus foise transformando e dando vida a algo que tiña dentro pero que non daba saído para ser un artista, tanto nos lenzos como no bronce, porque estaba preso polo “cárcere” da vida.

 Aquel rapaz que tantas quebraduras de cabeza lle dera ao señor Fernando, mecánico dentista, reconducido, está chegando  ao cumio da montaña e respira entusiasmo por todo o seu ser.

 E sabíao, por iso gozaba cos amigo, máis íntimos, contándolle o ben que lle ía o existir.- Vendín o Quixote, vendín as Meninas, vendín...para.. para.., que iso está ben, pero debes cambiar ese ritmo de vida que non axuda a ninguén. Tes que pensar que só se vive unha vez, polo que debes deixar tempo para o sosego ou a tranquilidade. -Non todo é correr-. Deixa algo para o máis aló.

A vida, señora María, debe gozala, pero non apurala, porque, en calquera momento, pódea truncar. - Sabe que o Fernandiño é daqueles que a vida tena que vivir o máis rapidamente posible, o mellor posible e como di: -“non importa o día o importante é vivir”-.

 Pero para chegar ata aquí tivo que regresar e facerlle caso a aqueles, que anos atrás desfixérase deles, porque non o entendían, nin comprendían os seus anhelos. Eran outros tempos, o rapaz era novo, polo que caer era fácil, sobre todo , porque todo aquilo era novidade, naquela sociedade, na que  buscaba  liberdade, pero resultou ser unha liberdade condicionada, nunha verba, escravizante.- Atado, emprendeu o regreso e viu que a vila era a Ítaca que o esperaba, xa que non o defraudou.

  Señora María, o Fernandiño, na súa terra encontrou o acomodo  para, pausadamente, emprender o tan ansiado destino, que tiña preparado, para chegar ás alturas coas súas creacións pictóricas e escultóricas.

- Nas súas mans o barro toma forma sen ser obrigado, porque obedece ao maxín do escultor,resultando, logo no bronce, a imaxe pensada-.

 -No lenzo o rotring lía trazos que conforman composicións sacadas do maxín, como se estivera tocando as cordas dun arpa, pero, para chegar a todo isto é necesario que o Barreira estea cómodo no seu xardín, acompañado do can e que non lle falte unha copa de Chivas-.

 

                                   Verín, 21 de outubro do 2018.-

                                        Adolfo Rolán.-   

Sábado, 27 de Octubre de 2018 22:01 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris