Facebook Twitter Google +1     Admin

Crónicas Tamaganas



"A vida arredor do Támega" por Adolfo Rolán, natural de Tintores, Verín, Ourense.

Archivos

Enlaces


Explicacións?

  Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS- Explicacións….?.

 

  Miña cara señora María: -Todos queren ter razón. Todos queren falar e como no hai un coordinador non se entenden. Darase conta señora  María, que debe haber un orden, por iso vostede o outro día levantou a voz para dicirlle aos veciños, que a acompañaban no recuncho, de que así non se pode seguir un diálogo.

 O “discordante” da oposición municipal berra na prensa escrita e berra nas ondas para dicir simple e llanamente que a Deputación firmou o convenio para o “Gaias” verinés, pero non explica o “porque” de que esa colaboración, que non é tal, é obra directa do Ente Provincial.

 Ai señora María!, aí está o quid da cuestión. Don Manuel Baltar firma a colaboración, pero a obra contrátaa el mesmo, -non lla deixa-, como as outras institucións, ao Concello Verinés.

 Que tortazo lle deu, sen mollarse!. -Tiña que cobrar a traición daquel Congreso Provincial-.

 O curioso do tema, señora María, é resumir, en que foi tratado “verbalmente”, a entrega, da cantidade comprometida, co “Gaias” da vila.  

 Iso chámase chapuza, porque entre ENTES INSTITUCIONAIS o regular e normal é  tratar o asunto nunha xuntanza regulada. Logo comunícase por escrito o resultado. E así é como tratou o tema o señor deputado provincial, actual alcalde de Castrelo do Val, na Deputación:-“Cando a Deputación me conteste por escrito darei a explicación necesaria”-.- Non se adiantou aos escritos. Non quixo ser protagonista, nin quixo tapar nada-. Está tranquilo, ata esperar a resposta.

 O señor alcalde, Don Xerardo Seoane, agudo e perspicaz, encontrou o grauciño para rirse, polo de momento, un pouquiño, poñendo nervioso “o cenador”. Fíxoo culebrearse polo ente Provincial para que saíse nos medios, todo sobresaltado, é dicir ese montón de xustificacións sen coherencia.

- Cando viu que lle ía polo “patrimonio” non durmiu máis. –Xogada perfecta, señora María. Hai que esperar máis saídas, deste tipo, do señor alcalde, don Xerardo Seoane-.

-Como de costume insultando. Só as persoas que non teñen recursos empregan os insultos-. Logo remata dicindo que presentará un escrito no Concello, a modo de moción, para tratar o  asunto. Pero, en que quedamos?. -Ten que facer a obra ou entregar os cartos a Deputación, por firmar o convenio ou, isto é lavarse as mans?. _Todo cheira moi mal-.

 -De tódalas formas o anuncio do Ente Provincial, de pagar en tres anualidades, é un pouco rácano.

                                    Verín, 6 de xuño do 2017.-

 

                                    Adolfo Rolán.-

Martes, 06 de Junio de 2017 10:35 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Rúas..?

 VERÍN-CRÓNICAS TAMAGANAS-  Rúas…?

   Miña cara señora María: -Cando chegou á vila pasoulle coma todos. Uns “listiños”, facéndose ricos a conta dos que accedían a Verín, para emprender algún negocio, polo que tiñan que dobregarse aos intereses dos propietarios das terras, que eran quen de sinalar as novas rúas coas aliñacións  e marcaron o desenvolvemento da vila estruturándoa tal e como está.

  Vostede sufriu estas consecuencias e, aínda máis, foi vítima da controvertida rúa do pasado Pleno Municipal, aló nos inicios. Por iso vostede foi testemuña da loita entre ambas marxes para delimitar o ensanche e aliñación actual da Travesía de Sousas. -Mellor dito, todos contra o Capitán, o propietario do solar onde están as galerías MAGA.- Eran tempos da señora  Lovelle, de rexedora Municipal.

- É de interese que os veciños nunca se preguntaran o porque do recuado do edificio da librería e logo non se seguise coa mesma liña ata chegar ao cruce de Sousas-?.

- O caso chegou ao Supremo e o señor Capitán gañou o litixio, pero non recibiu as catrocentas mil pesetas pola expropiación e comunicáronlle que recuperase a súa propiedade, xa que o Concello non tiña eses cartos. -A rúa tería menos de tres metros de ancha.

 Se a Travesía de Sousas tivo estes comezos os veciños son herdeiros de feridas mal curadas, polo que hai que ter a sensibilidade correspondente para non abrilas de novo.

 Quen non estivo a súa altura foi o “cenador”, coma sempre, evacuando fora de sitio. A uns “benfeitores” hai que tratalos como lle corresponde, señora María, e non quedar mal, sen dar explicacións baseadas en feitos.

 Tendo tantos argumentos da súa andaina bautizadora de rúas o máis fácil sería falar do que lle pasou, empezando pola avenida de Sousas, aló polos anos 1995-1996, cando lle quixo por o nome da Señora, de D. Manuel Fraga Iribarne, Dona Carmen Estévez. –Houbo que andar casa a casa e piso a piso, para desmentilo, por se se montaba unha algarada veciñal, antes da inauguración polo señor Presidente.

 -Hai que recordar que esta avenida tamén tivo os seus avatares. Primeiro foi Carretera de Braganza, logo rúa do General Carmona e como remate final Avenida de Sousas, aínda que nos anos de bonanza de Fontenova, e por reclamación dos donos, chamóuselle Avenida dos Balnearios. –Que por certo debería ter este nome.

 Logo tocoulle á  Dona Marita Oterino na Rúa Espido, primeiro toda, e rematouna logo coa metade. O Camiño da Rasela cambiouno pola Dona Elvira Carrera e a praza da Capela de San Lázaro pola de Dona Pura Silveira.–Todas elas seguen a chamarse como lle chamaron sempre os veciños-. –Non se debe ir contra corrente, señora María-.

 Para seguir argumentado o non cambiarlle de nome a travesía de Sousas sobran exemplos na vila. A Rúa Lisa é rúa Lisa e non Blanco Rajoy. A praza de García Barbón e da Estrela  ten unha placa no edificio número 4 que reza PRAZA MAIOR e antes fora Praza da Constitución, -inicios do século vinte-. A rúa Italiana puxéronlle Mariano Carrera. A Prazuela ou Praza da Merced bautizárona con Jardines de Múñoz Calero. Había veciños que lle chamaban: Os jardinillos.

 - O Municipio ten dúas rúas co mesmo nome: Rúa das Flores. Unha tras do Hospital-Campo de Fútbol, na pista de concentración Parcelaria e outra, na estación de Autobuses.

 Por exemplos que non sexa, señora María, polo que hainos que aproveitar para estar á altura, con unha familia “benfeitora”.

 -Sendo a bisbarra rica en topónimos, que mellor que botar man deles, para que non se esquezan os nomes dos lugares, no val do Támega.  

 Para non ter que andar con estas liortas sería aconsellable, señora María, que o Concello redactara  unha Ordenanza, onde se recollera cal debe ser o protocolo a seguir, para dar nomes ás rúas e non deixalo ao paire de iniciativas, que provocan divisións veciñais.

                           Verín 10 de maio, do 2017.-

                                                        Adolfo Rolán.-

Miércoles, 10 de Mayo de 2017 19:35 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Árbores...?

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-.  Árbores…?

 

  Miña cara señora María: -Contan os buscadores de historias sobre a vila, que en tempos de García Barbón, aló, polos anos derradeiros do século dezanove, uns desalmados arrincaron as árbores, que adornaban a rúa principal, recén adecentada polo benefactor. –Acaso…, unha causa máis para  a súa “fuxida” cara Vigo?

 -Xa choveu!. Ao parecer a vila, señora María, móvese a golpe de talar e así vai dando pasos para ir crecendo e tratando de mellorar para que os veciños, din, síntanse máis humanizados.

- Cando vostede chegou, para quedarse definitivamente en Verín, aínda estaban en pé as árbores da avenida de Portugal, da estrada de Laza, da avenida de Sousas, da Alameda, da praza da Estrela e os castaños de Indias da costa de estrada de Ábedes.

 -Ningunha institución soubo ter unha visión de futuro. So se quedaron coa mirada curta, que era por todo, baixo o dominio do que lle chamarían o progreso, é dicir, ao servizo dos coches. Polo que todas as árbores foron vítima da desidia humana.

 Non houbo oposición, nin reclamacións por parte dos rexedores daquela época, porque se dicía, que as vilas tiñan que transformarse como as grades urbes, a base de ENSANCHES.- E Verín non ía ser menos-.

 Nos primeiros anos da democracia seguiuse coa mesma tónica e aínda máis esaxerada, porque en boca  da máxima autoridade municipal expresouse a seguinte frase: -“Verín non necesita de árbores, porque hai demasiados no val”-.

 Na lexislatura do 1983 en adiante, D. Santiago Cid Harguindey escomezou a plantar árbores nas rúas da vila. Pódese afirmar que foron os inicios dunha visión diferente de embelecer a casa común de tódolos verineses e que son, en parte, vítimas na actualidade.

 No ano 1986, despois de rematar a plantación na avenida de Castela, chegou unha multa gobernativa ao concello de Verín dun millón de pesetas , por tal obra.

 Na estrada de Cabreiroá plantou cancereixos ( serval de los cazadores) que logo máis tarde D. Emilio González Afonso eliminou para crear a avenida da camelias ao estilo dunha vila costeira. -Só queda un cancereixo-. - Foi o único alcalde que tivo sensibilidade para plantar árbores do lugar. –Axudaríalle o apreciado Tainas.

 Don Emilio tamén se ocupou de talar os chopos que estaban diante do campo de fútbol D. José Arjiz, alegando que molestaba moito a súa pelusiña.

  Para facer o famoso aparcadoiro o “cenador eliminou as árbores da praza do Concello. Hai que dicir, que unha parte deles, durante o mes de “agosto”, foron transplantados á veiga de Vilela e de Tintores e están vivos.

 Hai tres anos, na súa lexislatura, na avenida de Sousas, arrancou as árbores da marxe dereita, alegando unha enfermidade, para plantar magnolios, cando na outra marxe seguen os da mesma especie. –Que enfermidade? -……………

 -Señora María, antes de cortar hai que transplantar-.

 

                                   Verín, 27 de abril do 2017.-

                                        Adolfo Rolán.-

Jueves, 27 de Abril de 2017 22:01 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Pxom 2012.-

 

 VERÍN-CRÓNICAS TAMAGANAS- PXOM  2012.-

 

 Miña cara señora María: -A vila  de Verín debería colocala ás aforas para que fixera de oráculo, ao estilo grego. Así sabería que marzo é maldito nas novas que afectan negativamente aos intereses dos veciños.

 -Deben preguntar ao oráculo sobre o futuro de cada un deles e non tería que aparecer o “defensor”, da oposición municipal, dando roldas de prensa, tratando de defender o que ninguén entende e botando as culpas a un de “dentro”, cando o único responsable de que un PXOM caiga xudicialmente é dos redactores e dos informes, xurídicos e técnicos, que pretenden avalar tal documento, con erros posibles de impugnación.

 E, sobre todo, se os redactores non traballan como eles queren facer e ademais se hai chamadas telefónicas e visitas interesadas aos responsables das institucións correspondentes, que afectan ao Plan, de que dean saída rápida e non esperar a subsanar  posibles defectos causantes de actos xurídicos posibles, porque hai que marchar de vacacións.

 -Non “perden” todos, senón que gañan aqueles propietarios aos que se lle recolleron dentro da trama urbana as súas fincas rústicas, polo que non pagarán o imposto de natureza urbana, sobre todo nas aldeas. –Quería moita contribución……pero..xa non manda!.

 -Sempre acontece así-, se hai causa, calquera persoa pode acudir aos tribunais e, se o Tribunal Supremo o anula, o  Concello de Verín quédase sen planeamento como sucedeu con este segundo PXOM.

- Un Concello con dous Plans de urbanismo, baixo o mesmo “rexedor”, botados abaixo, pola xustiza, debería levar a unha reflexión do individuo “responsable” e presentar a súa dimisión, para ben de todos, -tanto do partido que o avala, como dos veciños-.

 Debe haber poucos Concellos en todo o territorio, tanto galaico como hispano, que pasaran pola situación de contratar dous Plans e gastar cartos dos veciños, que tiveran este final, tan funesto e desastroso, para as arcas municipais, polo que, para estas responsabilidades debería unha  lei facer responsable, co seu patrimonio, aos responsables do feito.

- Verín non ten “oráculo”, pero…, Verín ten “bruxo”-. Señora María, búsqueo e parole con el. Quedará abraiada do que lle pode acertar.

 Buscan “dentro”, cando vive, dende sempre na vila, e camiña pola noite e o mellor de todo é que se permite fardar de que ten a estratexia para cargar calquera planeamento. –E tamén buscaron por Madrid, cando o firmante non é de moi lonxe.

 -Notouse, señora María, que se corresponde coa estratexia planeada para levar ao planeamento ata o seu final- .

 Darase conta señora María de que planearon as súas impugnacións con propietarios particularidades, que caeron xudicialmente, sobre todo en Galicia, para que logo un “foráneo” , sen propiedades, no Concello de Verín, presentase o seu recurso en Madrid, conseguindo a anulación de todo o PXOM.

 -Só unha persoa pode permitirse o luxo de facer isto. Esa persoa existe na vila e ten medios e coñecementos-.

                                     Verín, 26 de marzo, do 2017.-                                              

                                              Adolfo Rolán.-

Lunes, 27 de Marzo de 2017 11:49 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.

Adán e Eva..?

  Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-. Adán e Eva….?

 

  Miña cara señora María: -Por fin, toma corpo, o que o val do Támega debeu ser o “paraíso Terreal”.

Todo isto é produto das intervencións na redes sobre o  carnaval. –Todos queren ter razón e todos queren defender de que o mellor Entroido é o da súa aldea. Pero o máis destacado foi a afirmación, dun deles, dicindo que Adán e Eva son de Laza. Adán..”adán”…non está moi confirmado, porque a persoa que representa ao personaxe está por riba da idade do verdadeiro, pero Eva, ai..Eva!, todo é un enigma. E polo momento ese auto  estase a representar moi asiduamente e sendo fiel a costume aprendida, pero…, que naceran aí’?.

  -Señora María debe recordarlle un slogan que dicía: -“un libro ayuda a triunfar”-. Para os da terra de enriba hai dous libros de Antonio-Augusto Diéguez Añel e de  Don Jesús Blanco Conde (O Pitití) que describen correctamente todo o relativo ao “Entroido” na zona  alta do val do río Támega e minuciosamente fan as súas aseveracións sobre cuestións concretas dos aderezos e prendas da vestimenta do personaxe central do Carnaval, destas terras, e saen fóra, tamén, para contrastar con outros lugares a existencia, para concretar que esta festa é invento da humanidade, dende tempos remotos, en calquera lugar da xeografía terrestre, pero danlle ese toque para rematar, que onde se conserva “ a súa” pureza é en Castro e Laza.

 Ambos libros titulados: -“Támega-Por un valle de civilizaciones milenarias en Galicia” e “Laza, O Entroido enxebre”, deben ser libros para levar ao Grupo Escolar de Laza e tamén, como non?, aos demais do val, porque así as persoas deixaríanse de afirmacións simplistas..e terían base para contrastar opinións. –Non é  o mesmo “vivilo” que “documentalo”-.

 E a festa, como produto, dos veciños está condicionada a novos elementos. Non hai tantos anos que o luns de Entroido baixa unha formiga cabalaria moi grande, pois este elemento non desentoa na baixada da Morena, e debeu ser unha “creación”  para contrarrestar o efecto da intervención dos “animalistas”, naqueles momentos. –Isto demostra que as persoas teñen a capacidade de buscar alternativas para seguir coa festa. E iso é bo, porque enriquece O Carnaval e non se perde ou se para.

  Recórdelles que  en Oímbra, o luns de Carnaval, empezou cun grupo de veciños, tomando unhas cuncas de viño, nas súas bodegas, e así catar e falar de cal era o mellor, pero isto escapóuselle das mans e “daquelas mexadas” está resultando ser o lugar de bandulladas dos que visitan estas terras, nestas datas de Entroido.

 - E dígalles, tamén señora María, que na vila de Verín non acertan cos Cigarróns no desfile. Seríalles mellor facer un desfile só para eles ou un grupo abríndoo  e outro pechándoo, pero non interrompendo e non deixando escoitar ás charangas. -Agora ben, se o Carnaval é facer ruído pois entón que sigan así.

 Máis libros do Entroido: “Entroido en Galicia”, publicacións do Instituto de Estudos Galegos “P. Sarmiento”. Autores: González Reboredo e Mariño Ferro.- “O carnaval en Galicia”, autor: Federico Cocho. –“ O Entroido en Terras de Monterrei”, autor: Xerardo Dasairas.

 -Viva o Carnaval!, viva o Entroido!. O Carnaval é meu!-

 

                                        Verín, 11 de marzo do 2017.-

                                                 Adolfo Rolán.-

Sábado, 11 de Marzo de 2017 10:49 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.

A Placa

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS- A PLACA..?

 Miña cara señora María:  -Vostede criou os fillos con sorte, pero sobre todo, con educación e cumpridores cos seus. Daquela, só a mirada do pai ou a zapatilla da nai, sobraban para saber o que tiñan que facer os fillos. Por iso os costumes fanse ordes e así o seu fillo levouna a ver “a placa” no novo sitio.

 Contou que a súa expresión debeuse oír lonxe e os viandantes que ían pola beirarrúa mirábana como se vostede perdera as casiñas, pero vostede só berrou o que tiña dentro da alma: “a placa quedou sen praza”!.

 A volta do busto do “amigo verinés” aos xardíns do colexio dos Irmáns da Salle, levando a placa no seu pedestal, deixou sen inscrición da “inauguración” da lexislatura do 1995-1999, á praza García Barbón.

 Nunca unha escultura, busto, estatua, monolito ou calquera grafía de persoeiros representativos ou homenaxeados por un pobo sufriron tantos cambios como este de García Barbón. _ Na Praza chegou a estar ubicado en tres sitios. -No medio, na praza da Estrela e ao principio-. E no inicio tamén sufriu cambio e xiro.

 Este busto, obra de Enrique Barros, natural de Oimbra e primo de D. Agustín Mascareñas –pai do Mon, da  Marichús e do Tin-,- persoas moi coñecidas na vila-, soportou, daquela, feixes de humillacións, mentres presidiu a praza que leva o seu nome, de persoas, case sempre, fora de si e colocadas con tragos de máis.

 As frases máis comúns que se escoitaban nos arredores do busto pronunciadas por un tal Piroca, un tal Morán e tamén polo Pilís eran de mal gusto, sen embargo parecían responder a algo que debía estar no subconsciente dos persoeiros porque seguían a ringleira de aqueles que lle fixeron difícil a súa estadía na vila e ao parecer foron causas da fuxida de García Barbón de Verín. Algunha das frases recollidas de veciños que as escoitaron foron: -“levaches os cartos para Vigo”-, -“comunista”-, “que te leven de aquí, que ti es da la (do Colexio)”-.

  - E, como non?, tamén foi burla do Genaro de Tintores, -persoa con tratamento psiquiátrico- que lle colocaba unha garabata e un sombreiro  ao estilo cubano-.

 -Señora María, tamén hai que dicir, que a vila apreciaba a García Barbón. Como mostra están as ansias da realización do “busto” patrocinado polo Concello e os bonos de cinco pesetas dos exalumnos do Colexio dos Irmáns da Salle, promovida por D. José Pereda Alvarez . -Non foi adiante-.  – Sen embargo no ano 1930 outra comisión de verineses, apoiada tamén polo concello, fixo posible a realización do busto, inaugurándoo o 31 de marzo do 1931, na praza que tiña e ten o seu nome.

 O primeiro alcalde que trasladou a estatua foi D. Manuel Pérez Sabugo, no ano 1959, aproveitando unha homenaxe ao Irmáns das Escolas Cristiáns e a instalación do busto de San Juan Bautista, nos xardíns da entrada ao Colexio.

                         Verín, 21 de febreiro, do 2017.-

                                                                            Adolfo Rolán.-

Miércoles, 22 de Febrero de 2017 10:43 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.

O Ritual...!

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS- O Ritual …. !

  Miña cara señora María: - Don Oscar é quen fala dos verdadeiros “valores” da vila. Leva pouco tempo, pero, que pronto lle colleu o tranganillo á xente.

 -Que relato tan simple e canto valor representa!. Aquel mozote, que despois de superarse, perante un tempo, na capital do Reino, regresa a súa terra e só quere chegar, para ir a tomar un “simple” bocadillo de panceta ao bar Chaves, preparado pola señora Generosa e servido polo señor Isaac ou polo seu fillo Suso.

- Isto é por en solfa a vida cotián, que se desenvolve no silencio dos veciños e que fai que a “morriña” das persoas estea tan presente en calquera parte da xeografía universal. Esa morriña, tan chea de xestos, fai que perdure, a pesar dos pesares, e da que non falan os medios de comunicación, pero que forma parte do sentimento da xente deste recuncho da península. A este valor non lle fai falla publicidade, porque é esencia galega-. -Mantense coa persoa e séguea a cada lugar que emigra-.

-Señora María, non fai falla estar, cada momento, no candeleiro. Chega estar, cando hai que estar!, porque se a publicidade se converte en fume, só basta un escape para que todo se derrumbe-.

 Como verá, Don Oscar, ata un bocadillo da señora Generosa provoca morriña. –Cantas cousas son morriña!.

 -Que llo pregunten ao “cenador”, que só pisaba os rueiros, cando ía tomar a quinta ou carta parte dun bocadillo, non de panceta, engulíndoo nun bocado e así facía o “ritual” dos sábados para que o visen, querendo demostrar, de que andaba polas rúas verinesas. A camiñata só era dende a Casa do Concello ata o bar Chaves. –Había que acompañalo-. –Logo, dentro, quedaba só-.

- Quen debeu haber escrito algo sobre a esquina do bar Chaves e cruce do parador debeu ser o finado garda Local “O Pirulé”. –Contan que, o señor Isaac, xa preparaba o vaso do viño, a instancias da señora Generosa, porque sabía o momento en que abandonaba o posto despois de xuntar os coches no cruce e iso que, daquela, había poucos.

 Tamén o club de fútbol da vila recollía tódalas mañás os bocadillos de panceta,  cando se desprazaba fóra a xogar o partido correspondente. Perante anos o Suso preparou a barra de pan e a panceta esturruxada, gardándoas no frigorífico, ata o momento da recollida polo encargado.

 Aquel Bar, señora María, era o ritual dos “persoeiros” da vila, porque nel encontraban algo, que noutros non había. -Que llo preguntasen ao Zorrilla e ao Eugenio, que despois de botar un cante recibían o seu premio, para enganar ao seu estómago, tratando de satisfacer a fame que acumulaban, día tras día. E tamén aos limpiabotas das beirarrúas do cruce, que aproveitaban o momento para arrimarse ao braseiro e quentar as máns para seguir coa faena. –Todo un ritual!.

 -Que Deus garde a señora Generosa e a coloque no mellor lugar xunto ao señor Isaac-.

                                   Verín, 6 de febreiro, do 2017.-

                                     Adolfo Rolán.-

 

 

Viernes, 10 de Febrero de 2017 13:53 A. Rolán Enlaza este artigo. sin tema No hay comentarios. Comentar.


Blog creado con Blogia. Esta web utiliza cookies para adaptarse a tus preferencias y analítica web.
Blogia apoya a la Fundación Josep Carreras.

Contrato Coloriuris