Blogia
Crónicas Tamaganas

Hilariño

Hilariño Meu caro Hilariño: ¡queren que votes dúas veces!

¡O que hai que facer para manterse no poder!

Cando a túa nai emigrou, aló polos anos cincuenta, a vida non era vida. Intentou buscar algo mellor, pero só atopou a emigración.
Daquela non se votaba, polo que non recibiu promesas dun posto de traballo. Tamén hai que dicilo, que cando a túa nai colleu o barco en Vigo, tiña só catorce anos.
Na reclama do tío emigrado aparecía a súa irmá, pero colleu medo e non se atreveu, como a vida apretaba, decidiron que a túa nai tiña que preparar o baúl e responder á misiva do tío.
Eran catro irmás, que moi novas quedaron sen pais. Alguén tiña que botar man delas. Entre a avoa e este tío fixéronse cargo.
A túa nai atopouse no país de recollida con papeis falsos, porque a documentación que mandara o seu tío ía en nome da outra irmá maior.
Contaba o teu pai as voltas e os enganos a que foi sometido, perante moitos anos, para tratar de por en regra toda a documentación, pero ata que ti naciches e fuches grande non se solucionou o problema.

E agora queren que votes. Cando ti, meu caro Hilariño, non sabes ónde está a aldea que viu nacer a túa nai, nin coñeces ós familiares que aínda viven na terriña, que tanto a túa nai como o teu pai falábanche dela apesadumbrados e coa morriña levada como expresión eterna nas súas meixelas.

A eles a emigración aínda lles sorríu, porque regresaron para ver as súas herdanzas e familiares, pero non vas ter esa oportunidade de ver esta terra onde ofrecen todo, a non ser que poidas sentir na túa alma o que a túa nai sentía por ela.

O normal é que te deixen en paz, porque ti non eres galego, porque non o sintes, aínda que as túas raíces estén aquí. Ademais sentiríaste mal por ter que votar ó que non coñeces e tampouco desexas ter un privilexio, entre os mortais, como sería facelo dúas veces.

A ti o que che gustaría é que se preocupasen de influír, na emigración, onde estás, para ter unha vida digna, porque ti tés a túa, os teus descendentes e os teus amigos aí, polo que se queren algo, que se dirixan ás autoridades indíxenas para resolver os problemas dos emigrantes.

Acórdanse de ti porque é época de eleccións. Pasados estos días volves ó baúl dos recordos e iso que non sabes cánta propaganda fan nos televexos, tanto uns coma os outros, xa que neste asunto non se salva ninguén.

Saberás que é moi importante o teu voto, por iso recibirás a visita dos políticos de turno, porque o teu voto decide quén vai ser alcalde. Pregúntallo ó Perico.

Non resolven o asunto dentro da xeografía hispana e vano resolver cos emigrados, dos emigrados, dos emigrados...

Meu caro Hilariño, unha aperta e vota como sabes.

0 comentarios