Blogia
Crónicas Tamaganas

Tristura...?

 

 

CRÓNICAS TAMAGANAS-Tristura......?

 

Miña cara señora María: -“A princesiña está triste...” din os endecasílabos do poeta  Rubén Darío. O autor debeu pensar que un  “taifiñas” local  ía encherse de tristura e espandiríaa por toda a casa consistorial, como están a comentar os máis afíns, por mor da novas que están a saír nos medios de comunicación.

 -A alegría  e o disfrute non os comparte con ninguén, pero a melancolía apenada non a quere nin na súa sombra. O malo do asunto e que ninguén sabe o porque desta tristura. Só el se coloca no lugar, do seu inconscente, para revivir as fechorías, para dar solucións posibles, pero aí é onde radica o problema,  -que solucións?-

 Hai un refrán que di: -“O que mal anda mal acaba”. Hai outro que redunda no mesmo: -“cando as barbas do teu veciño vexas pasar, pon as túas a remollar”. Os refráns falan por si sós.... -Pero están tardando en chegar á vila.

 Non hai individuo que saiba coma el o de “apropiarse” de ideas . Fae seu só aquilo que se pode vender políticamente falando e dá rendabilidade tamén política. -O da fotografía co Presidente de Portugal no Polígono Industrial de Outeiro Seco(Chaves) fronte as naves dos industriais verineses ten moita cara dura-.

 O empresario fartouse de rubir e baixar escaleiras do concello buscando terreo onde ubicar a súa industria alimentaria. Planos por aquí, proxectos por aló, pero non houbo decisión política verinesa que o arroupase. Tivo que ser o Concello de Oimbra quen primeiro apostou polo emprendedor de Feces de Cima, que despois de instalarse no Terrón (Rabal-Oimbra) decidiu preparar uns  terreos industriais para que aló se instalaran ata que chegou a súa ubicación definitiva ó outro lado da fronteira.

 Débese sinalar que unha das naves do polígono de Outeiro Seco foi un invento promocionado dende Verín, por unha tal “La Bienpagá, onde se pretendeu comercializar peixe conxelado, pero non funcionou e os industriais raianos fixéronse con ela. De feito, na entrada do Polígono, existíu unha placa que anunciaba: -“Loxa do Peixe”.

-Para a foto andivo presto, para facilitarlle o terreo industrial, aínda hoxe nada de nada.

 -O que coida ben é a “finquiña”. -Rise de todo quisque. Os comerciantes chegan a un acordo para adiantar a feira do 23, así disfrutaban de dous días festivos: domingo e luns. –A norma é que a feira dos domingos pase ao luns, pero este ano tamén foi festivo, polo que a Asociación fixo unha enquisa entre os afiliados para buscar alternativas e resultou que decidiron adiantala e xuntar dous días para o descanso. Puxeron uns carteis polos seus comercios anunciando a feira para o sábado.

 Hete aquí que aparece un Bando Municipal pregoando a feira para o luns. Por certo este Bando non ten a rúbrica do “taifiñas”. Sempre colle a un parviño para estes menesteres.

 A historia é curiosa a etnia xitana sabedora do adianto da feira oponse, porque rómpelle a súa programación feiral da provincia, pero, sobre todo, é o día do seu “culto”.

 Aquí tes o “taifiñas” facendo de Pilatos, pero non lavándose as mans, senón tomando postura polos votos dos xitanos.

 -Que pinta este individuo nunha procesión católica do Corpus?. -Tan festivo será o culto do sábado para a etnia xitana coma o día de San Xoán para os cristiáns ou non? . –Válelle todo. Ese estómago traga todo-. Un día contestou que ía co posto. Asúmeo todo, pero a culpa tena quen o vota.

 O da comisaría na Fronteira tamén ten cola. O presidente dos comerciantes de Feces de Abaixo ten falado dese tema, polo que aló se lle ocorre botar man da idea e darlle publicidade, coma se fose unha proposta del. -Ten cara e moito máis e non se pon vermello.

 

                                   Verín, 29 de xuño do 2013.-

 

                           Adolfo Rolán.

0 comentarios