Blogia
Crónicas Tamaganas

Os Remedios..?

 Verín. CRÓNICAS TAMAGANAS.- Os …Remedios….?

 Miña cara señora María: -Facía tempo que non vía a súa netiña. Tivo que ser o segundo día, porque, na primeira mirada non me quedei coa cara, pero á segunda, berrei: - Mirian-, e, si que era a rapaza que engaiolaba, aos cativos, nos recunchos da rúa.

 Por certo non tiven a oportunidade de preguntar algo da súa vida en Barna, porque as sensibilidades non se coñecen e, ante todo, o seu cariño está por enriba de todo. –A si que retornou e a esperar tempos mellores para tomar un café na esquina do barrio.

 Pero, quen estivo moi oportuno foi don Oscar. Ocorréuselle, o día anterior, proporme que tiña que subir ao Santuario dos Remedios e facer de guía a un grupo de veciños dunhas parroquias de Allariz.

 Isto foi un golpe seco, porque..guía para ver a Bisbarra si, pero guía para explicar o contido do Santuario, xa eran cousas maiores.

O maxín deu voltas e recordou que tiña que ter un libriño do mestre D. José María Pereda. E o texto apareceu, porque como vostede, señora María, sabe, o que garda sempre ten, e así foi.

 O texto recolle e transcribe un “manuscrito” da parroquia de Vilamaior, onde o señor Crego describía os inicios do Santuario e cales foron os medios e lugar para a colocación.

 Segundo o autor e seguindo a súa recompilación deixa en puntos suspensivos verbas, que non foi capaz de reler, polo deteriorado en que o encontrou,  pero o seu entusiasmo de  investigador fixo posible que chegara ata nós.

-Señora María, dígalle a don Oscar que hai que recuperar, polo de momento, a Procesión que describe o señor Crego, no capítulo sexto.

“Era o ano 1615, polo mes de maio, había moita seca nesta terra e desexaban, como agora, que chovese para medrar as colleitas e para lograr este “remedio”, os de Verín foron  buscar a Imaxe da Nosa Señora dos Remedios, en procesión, e mentres a tiveron na súa igrexa, nove días, choveu en abundancia”.

 No mesmo capítulo tamén fala que ao querela devolver a súa casa o licenciado Villacorta, Alcalde Maior de Monterrei, pediuna para outras novenas na igrexa do convento de San Francisco, coa intención de que Deus curase ao Conde, D. Manuel, que estaba moi enfermo en Valladolid, e o mesmo Alcalde Maior axudou a levar as andas desde Verín ata Monterrei. Ao pouco chegaron cartas que S.E. estaba mellor.

 Sucede que daquela, señora María, non había incendios e, sobre todo, non había muíños de vento nas Serras, que rodean o val, polo que hoxe, seguro, que a Nosa Señora dos Remedios habería que tela tódolos días do ano en continua veneración.

                         En Verín, 2 de decembro do 2017.-

                          Adolfo Rolán.- 

0 comentarios