Blogia
Crónicas Tamaganas

D. Rodolfo

D. Rodolfo

Miña cara señora María: a bisbarra gozou sempre de persoas importantes no mundo cultural e científico. Pero a bisbarra non soubo, moitas veces, recoñecer a súa valía. O pouco que se fai queda reducido aos premios Taboada Chivite,  Carlos Caneiro e Antonio Fernández.

O concello de Vilardevós foi berce de persoas destacadas en materias diversas como poden ser en filosofía, música e como non en xeodesia.

De cando en vez hai algún concerto para recordar a Anxel Barxa, natural de Terroso, e autor de partituras escoitadas polo mundo.

Grazas a estes autores os tamaganos temos onde recrearnos culturalmente, aínda que teñamos que rebuscar súas obras espalladas por distintas bibliotecas.

Señora María o outro día recibín a mellor clase de cartografía, na casa de D. Rodolfo Núñez de las Cuevas. Que sorte temos algúns!

Saberá que dirixiíu o Instituto Xeográfico Nacional perante unha década, o que permitiu modernizar a cartografía hispana, introducindo os métodos de cartografía asistida por ordenador. Colaborou coa Nasa, polo que estamos ante unha persoa moi especializada. Deberíamos aproveitar máis o seu maxisterio, porque está sempre disposto a exercelo.

Como resultado dese tempo formou unha biblioteca, que ten na súa casa paterna, aló no medio do pobo de Vilardevós.

Home entusiasta do seu traballo diu conferencias por moitos recunchos do mundo, polo que foi formando equipos e amigos, que deixaron nas súas mans libros, que sabian que ían  ser ben conservados, polo que resultou unha colección digna de conservar nesta bisbarra.

Trasladou dende Madrid todos os seus libros ata o querido pobo, porque ama esta terra e como cumprimento dunha idea de súa dona, que quixo ser soterrada, neste camposanto, ao pé da serra de Penas Libres.

A súa primeira intención foi donar os seus libros ao seu pobo, polo que fixo as xestións necesarias para que quedaran, pero a desidia ou falta de compromiso dun técnico fixo que non houbera vontade política para conseguir o seu anhelo, polo que se lle brindou outra saída, que aínda que non responde a súa primitiva idea, si ten algo de interés, porque será levada á Cidade  da Cultura, aló nos Santiagos de Compostelas.

Apareceron os políticos de Santiago e puxeron mans a obra para rematar o que vai ser a primerira parte do edificio en inagurar, que será a biblioteca, ofrecéndose en colocar aló todos os libros.

Con esta proposta surxen dous problemas. O primeiro é que o D. Rodolfo veña menos tempo por Vilardevós, polo que o señor crego, D. Baltasar, e máis os amigos non disfrutaremos de súa compaña e das súas explicacións sobre os mapas ou deixe de explicarnos o da busca da cidade soterrada baixo a lagoa de Antela, ou nos narre o da batalla de Osoño, co mapa napoléonico de Galicia. Que Deus non o queira!

Non pode faltar a visita á Teresiña, que sabe do que gostan, tanto D. Rodolfo como D. Batasar, preto da igrexa.

O segundo é que así non quedan reclamos nos pobos, para atraer estudosos do tema e por outra que non se contribúe ao asentamento de poboación no rural.

De todas as formas, na bisbarra, señora María, é a segunda biblioteca que emigra para o centralismo de Galicia. Primeiro Taboada Chivite, agora Rodolfo Núñez de las Cuevas.

Se o concello de Vilardevós non ten recursos para esta biblioteca debeu buscar axuda na Mancomunidade e tamén na eurocidade. Que copien dos flavienses! A ver se algún día fan algo na fortaleza de Monterrei! Que boa obra para o plan “E”!

 

0 comentarios