Blogia
Crónicas Tamaganas

Mimi

Miña cara Mimi: hai un refrán que di: “é de ben nacidos ser agradecidos”. Non estiveches ás alturas das circunstancias na túa despedida dos verineses que te botaron e te auparon aos altares políticos de Santiago.

O mesmo que tomaches posesión do cargo de concelleira municipal, tamén te debiches despedir no mesmo salón e non mandar a renuncia por escrito. Demostraches pouca categoría.

Grazas a estes votos estás onde estás. Os plenos municipais poden ser convocados de varias maneiras, polo que puideron buscar unha data axeitada para ti. Todo o mundo tiña moita présa!. Non se sabe moi ben se para que te  quedaras ou para que te fóras...

Pola contra deches a entender que te sentías mal en Verín. Aquí non se desenvolvían as túas pretensións. Sentíaste incómoda. Estabas atafegada. Nunha palabra: Verín quedábache pequeno.

A oposición cumpría coa súa función, pero ti non aceptabas as súas críticas. Ata tal punto, que renunciaches a última paga do mes, porque non querías ser pasto da oposición, porque non dabas demostrado que si estaban ben invertidos eses tres mil euros que recibías dos veciños verineses.

Que ben che saíu a xogada do verán. Reuníronse os altos mandos do partido para convencerte de que non abandonaras ao taifiñas verinés como fixeran outros concelleiros. Que órdago!.

Colocáronte nas listas para o Parlamento de Galicia e por envexas partidistas situácheste como primeira.

Daquela estabas afianzada co teu voto en calquera votación, tanto no concello como agora no Parlamento, pero a túa inexperiencia política fixo que renunciaras aos cargos electos, para colocarte como Secretaria Xeral de Turismo, conseguindo afastarte do teu salvoconduto, dos teus votantes, da túa terra, aínda que non te viu nacer.

Ten coidado, porque o dedo que te nomeou, tamén te pode destituír, xa que agora estás indefensa, sen voto co que asegurar a túa permanencia. Ofrecéronche un carameliño e picaches. Cousas da vida, diría o noso caro Castelao.

Terás que purgar os teus desbocamentos políticos, porque a “sumisión”, chamada lealdade, en política, non vai contigo.

Nun Parlamento o importante é que non falle un voto, sobre todo, estando tan xusta a votación, nin haxa sobresaltos nos parlamentarios.

Serás a responsable das futuras grandes obras do Concello. A primeira encomenda será ese famoso Hotel-balneario-spá-escola que tanto bulo ten na vila, pero que non da tomado corpo. Vendéstelo na campaña das municipais, pero pasa o tempo e non hai indicios dos comezos da obra.

Debes ter coidado e que non che pase como coa famosa Lonxa Agropecuaria, que custou preto de trescentos millóns das antigas pesetas e está morta de risa.

Como pertences á Concellería de Cultura e Turismo tamén terás que buscar cartos para facer a outra tan manida obra chamada Auditorio, que por certo, a que xoga teu padriño político, por unha banda sinala os terreos no PXOM e por outra apetécelle ó cine Buenos Aires.

Non se entende nada. A culpa tena quen se deixa enganar.

Rematamos con outro dito: “favor, con favor se paga”. Debes acordarte do exconselleiro das vacas tolas, que foi o primeiro, que te colocou en Santiago, no seu gabinete.

 

0 comentarios