Blogia
Crónicas Tamaganas

Crise...

Miña cara señora María: tivo ben en chamarme para parlar un pouco con vostede, porque facía tempo que non a vía.

Coido que sempre está ben acompañada, pero as linguas das compañeiras son perigosas. Non se lles escapa nada. Están ao dia en todo o que acontece na vila. Séntense preocupadas polos aconteceres cotiáns e sobre todo no que toca ás necesidades das familias.

A veciña tivo un pensamento axeitado cando reflexionou sobre os comercios que sufragan, ao longo do tempo, os imcumprimentos de paga municipais. Debeu engadir que son os contribuíntes os que se fan cargo deses impagos e que axudan a manter esas actividades, simplemente indo a comprar mercadurías a cotío. Se os veciños non compraran, eses comercios pecharían, por iso os "paganos" de sempre manteñen ao comercio para que lle poda vender ao Concello e ao mesmo tempo manteñen ao comerciante. Boa reflexión, nestes tempos de presa!

Pero o que non dixo a veciña foi o referente á carnicería do barrio. Por certo, haberá que esperar a como suceden os feitos, porque non fai máis que desproticar contra o veciño do sexto, que pide cervexas e mándallas apuntar na conta da súa muller, que por certo paga tarde, mal e cando quere. Darase conta, señora María, que esta tenda está condicionada tamén, a que o resto dos veciños paguen ao día para manterse aberta.

Todo é un círculo vicioso, pero a vida debe continuar e por iso na xuntanza municipal dos políticos locais falaron de subir ou crear algún imposto. Ninguén falou de baixar prebendas. Ao parecer, o máis sinxelo e cargar, sempre, ao contribuínte. Como non protesta?

Os técnicos do concello levan anos dicindo o perigoso das contas públicas, pero ninguén toma nota e leva adiante medidas de aforro. Corren o perigo de que non teñan cartos para as nóminas, porque as outras administracións dan obras co setenta e cinco por cento, para que o concello só aporte o vinte e cinco por cento, pero ao parecer, nestes intres, nin eso se pode aportar.

Hai un tempo que tiñan un remanente que lle permitía certos atrevementos para facer obras, que eran os ingresos da auga, pero como agora está privatizada, iso non existe.

Hai que facer frente a un pagamento, que xa vai por terceira ou cuarta vez, que chega baixo burofax ás oficinas municipais. Este tipo de avisos son moi claros. A próxima vez hai que verse nos xulgados. Hai que esperar que o sangue non chegue ao río!

Por certo, falando de sangue, ao parecer os vertedoiros que provocan os residuos do matadoiro son problemas dos "outros", non de quen leva dende o ano 95 de mandatario municipal, cun impax de algo máis de dous anos e medio do señor Milín.

A culpa non a quere ninguén, e menos o que está, que leva un cuarto de século sentándose nunha cadeira municipal. E cando se tratou de crear un imposto, tivo a desfatachez de suxerirlle ao técnico municipal, que debería ser el quen de sinalar que imposto se subía.

Sempre botando pelotas fóra. Difícil que asuma a responsabilidade que lle deron os votantes.

0 comentarios