Blogia
Crónicas Tamaganas

Árbores...?

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-.  Árbores…?

 

  Miña cara señora María: -Contan os buscadores de historias sobre a vila, que en tempos de García Barbón, aló, polos anos derradeiros do século dezanove, uns desalmados arrincaron as árbores, que adornaban a rúa principal, recén adecentada polo benefactor. –Acaso…, unha causa máis para  a súa “fuxida” cara Vigo?

 -Xa choveu!. Ao parecer a vila, señora María, móvese a golpe de talar e así vai dando pasos para ir crecendo e tratando de mellorar para que os veciños, din, síntanse máis humanizados.

- Cando vostede chegou, para quedarse definitivamente en Verín, aínda estaban en pé as árbores da avenida de Portugal, da estrada de Laza, da avenida de Sousas, da Alameda, da praza da Estrela e os castaños de Indias da costa de estrada de Ábedes.

 -Ningunha institución soubo ter unha visión de futuro. So se quedaron coa mirada curta, que era por todo, baixo o dominio do que lle chamarían o progreso, é dicir, ao servizo dos coches. Polo que todas as árbores foron vítima da desidia humana.

 Non houbo oposición, nin reclamacións por parte dos rexedores daquela época, porque se dicía, que as vilas tiñan que transformarse como as grades urbes, a base de ENSANCHES.- E Verín non ía ser menos-.

 Nos primeiros anos da democracia seguiuse coa mesma tónica e aínda máis esaxerada, porque en boca  da máxima autoridade municipal expresouse a seguinte frase: -“Verín non necesita de árbores, porque hai demasiados no val”-.

 Na lexislatura do 1983 en adiante, D. Santiago Cid Harguindey escomezou a plantar árbores nas rúas da vila. Pódese afirmar que foron os inicios dunha visión diferente de embelecer a casa común de tódolos verineses e que son, en parte, vítimas na actualidade.

 No ano 1986, despois de rematar a plantación na avenida de Castela, chegou unha multa gobernativa ao concello de Verín dun millón de pesetas , por tal obra.

 Na estrada de Cabreiroá plantou cancereixos ( serval de los cazadores) que logo máis tarde D. Emilio González Afonso eliminou para crear a avenida da camelias ao estilo dunha vila costeira. -Só queda un cancereixo-. - Foi o único alcalde que tivo sensibilidade para plantar árbores do lugar. –Axudaríalle o apreciado Tainas.

 Don Emilio tamén se ocupou de talar os chopos que estaban diante do campo de fútbol D. José Arjiz, alegando que molestaba moito a súa pelusiña.

  Para facer o famoso aparcadoiro o “cenador eliminou as árbores da praza do Concello. Hai que dicir, que unha parte deles, durante o mes de “agosto”, foron transplantados á veiga de Vilela e de Tintores e están vivos.

 Hai tres anos, na súa lexislatura, na avenida de Sousas, arrancou as árbores da marxe dereita, alegando unha enfermidade, para plantar magnolios, cando na outra marxe seguen os da mesma especie. –Que enfermidade? -……………

 -Señora María, antes de cortar hai que transplantar-.

 

                                   Verín, 27 de abril do 2017.-

                                        Adolfo Rolán.-

0 comentarios