Blogia
Crónicas Tamaganas

Empezamos!

Miña cara señora María: empezamos de novo, para contar cousas que pasan na bisbarra tamagana. Un curso máis para estar na procura das andainas políticas, culturais e acontecimentos que sexan de interese para todos aqueles que disfrutan lendo estas opinións.

Intentarei chegar ao corazón de todos, pero non espere que sexa máis sincero do que ata de agora, porque a miña maneira de ser e de ver as cousas é como é, e non podo terxiversar, querendo darlle outro significado, porque a miña intención é que a través do que escribo teñan claro o que quero e desexo dicir.

 Os temas son da bisbarra e non doutros lugares. Quero que estén informados, a través destes escritos, do que acontece nas beiras do támega e nas terras de Monterrei.

Non é que suceda moito, sobre todo nestas épocas de penuria, pero sempre amañaremos sucesos que chamen a súa atención e así estar informados do que ocorre na nosa querida terruña.

Isto non quere dicir que se hai que comentar algo sobre a nosa terra, fóra de aquí, non o fagamos, porque temos dereito a dar a nosa opinión sobre calquera acontecer a calquera galego, en calquera recuncho deste mundo global.

Nós estaremos sempre centrados na bisbarra tamagana, e tamén na lusa que nos quere e linda, porque síntome raioto e síntome luso, porque visito Chaves varias veces cada semana. Sen Chaves non son nada. Grazas a Chaves vivo onde vivo. Hai moita xente deste lado da fronteira que non pode vivir sen ir ao outro lado. Eu son un deses. Síntome orgulloso de ser raioto, aínda que algúns quérenlle dar un tono despectivo a esta palabra. Pero sempre me gustou, porque considerei que os raiotos non tiñan fronteiras. Persoas que se comunicaban sen complexos e iso é o máis importante para min.

Hai personaxes dentro de todos os ámbitos e sectores que so se aprobeitan da raia para crear organismos, que só crean gasto dos contribuíntes, pensando máis en colocar a unha persoa para cautivar o seu voto, que non pola súa rendabilidade de cara a mellorar a zona.

 Así xurden entidades de eurorrexión, eurocidade, eixo atlántico, etc... das que só se benefician os que traballan nesas oficinas, porque cobran un soldo, non porque se vexan realizados, porque tampouco cren no que están a facer.

Quero dicir con isto que hai unhas oficinas montadas nun edificio no polígono industrial de Pazos, que pouco teñen que dicir do que fan, porque resultados positivos para ámbalas zonas aínda non saíron na prensa, cando hai que dicir que para montalas saíron publicacións perante varios días. Isto indica que crear organismos por crealos non foi bo, porque agora vese que non saben que facer con eles. 

Agora andan a recuperar o edificio da alfándega no pobo de Feces. Esperaremos a ver o que vai pasar alí. Seguro que un posto de traballo, como pode ser o de conserxe, que xa está adxudicado, porque hai que pagar favores e sobre todo nestas circunstancias. Posto botado, posto recuperado. Así é como se actúa. Hai que demostrar que se ten poder e que se hai que colocar a alguén, bótase man do poder e xa está. Así de sinxelo. Ninguén se fai eco destes aconteceres vilanos.

Pero a vida é así neste recuncho da terra.

1 comentario

Xoán -

Sr.Rolán,permitame que faga servir a sua fiestra,para dar unha queixa aos responsables da camara web de Monterrei.Somos moitos que estamos na diáspora,e despois de-50-anos de estar fora,cada dia queremos saber e ver si fai sol ou chove na nosa Terra.Leva moito tempo fora de servixcio.Vexo "todo"Galiza,menos ao Val do Támega.Por favor,Srs.responsables,arranxen a"maquiniña"que desde Barcelona quero ver a miña CASIÑA.
Unha apreta Xoán.