silo
Verín.Blogia.com....... -CRÓNICAS TAMAGANAS.-
-CEN ANOS de SOLIDARIDADE-
Miña cara señora María: Cen anos levan as Hermanitas de los Ancianos Desamparados na vila de Verín. Que pronto pasaron e, como marcaron huella en toda a Bisbarra.
Señora María cando vostede chegou a estas terras As Hermanitas xa levaban moitos anos atendendo as persoas necesitadas. E digo ben, porque acudían desinteresadamente a calquera casa, que facía falta socorrer necesidades propias dos tempos aqueles.
Debe saber que a historia na vila, nestes CEN ANOS, pasou por moitas vicisitudes, loitas, enfermidades, fame, e como non, pola emigración, polo que o campo estaba abonado para o traballo encomendado á INSTITUCIÓN, polos fundadores: Santa Teresa Jornet e Ibars e o Padre Saturnino.
Chegaron a Verín polo ano 1923. Foron acollidas polos Padres Mercedarios e principiaron a súa misión para, en pouco tempo, facerse co solar da esquina da Avenida de Portugal coa Avenida Luis Espada, onde estableceron o seu primeiro Fogar.
Pouco a pouco foron ampliando e chegaron ata a rúa Laureano Peláez. Para buscar fondos alugaron algunhas dependencias e ao mesmo tiñan gando que o Maximino tanguía tódolos días cara o campo da Granxa –actual situación do Instituto Taboada Chivite-, chamando a atención dos rapaces e dos maiores como se fose algo estraño na Galicia da época.
Señora María o Monchiño recorda a capela, na esquina, porque a visitaba cada Xoves Santo e dende alí ía, levado pola man, con súa nai e co seu pai, á capela de San Lázaro, regresando á Igrexa Parroquial, para rematar na da Mercé. –Di: “agora non hai nada daquelo, co bonito e contento que me puña, porque recibía algún agasallo, por portarme ben”-.
-“Os cativos de agora teñen de todo por iso frecuentan pouco eses lugares, pero algún día saberán o que é ter que depender de quen che axude”-.
Daquela, señora María, as Hermanitas ían polos pobos “pedindo” para cubrir as necesidades dos residentes, pero, as veces, esas necesidades vivíanas durante as andainas e socorrían as pobres que había na mesma aldea. Neses casos regresaban ao Fogar sen nada para os anciáns.
Tivo que regresar á vila un ricachón de Tamaguelos, respondía ao nome de señor Rancho, emigrado, daquela a Venezuela, e fíxose co solar do antigo Asilo, aló polos anos mil novecentos sesenta e nove ou setenta, e así as Hermanitas emprenderon un novo camiño para modernizar tódalas dependencias e saír do centro de Verín, porque déranse conta que alí non era o lugar adecuado para construír un novo Fogar. -A novos tempos, novas instalacións-.
Para iso adiantárase o señor crego do Salgueiro, Don Gregorio Paradela Delgado, coñecido na bisbarra, como o cura da Chaira, doándolle un terreo no Carqueixal, lugar onde edificaron o actual Fogar. – Para ampliar a superficie doada e chegar á actual as Hermanitas compraron o resto.
Estes días de celebracións dos CEN ANOS en Verín, no Fogar, non faltou nada e que maneira de responder os veciños da vila e de toda a Bisbarra, arroupando ás Hermanitas, prestando apoio e colaborando para que todo resultase como necesitaban os principais protagonistas do evento, como son todas as persoas que participan da vida desta CONGREGACIÓN.
Señora María, para que o tempo non se pare e que ilusione, con toda a solidariedade, a esta Congregación de Hermanitas de los Ancianos Desamparados, demos grazas, porque elixiron Verín para levar adiante tal misión, como é a axuda aos necesitados e sobres todo aos “desamparados”.
Verín, 23 de abril do 2018.-
Adolfo Rolán.-
0 comentarios