Blogia
Crónicas Tamaganas

Taxis

Taxis Moncho emigrou moi novo. A causa foi que casou pronto e tiña que manter á familia.
Non foi daqueles primeiros que foron para Europa. Foi dos últimos onde a emigración xa conseguira unha aceptable vivenda e non aqueles barracóns pretos da fábrica, como noutros tempos.
Tampouco botou moitos anos. Os suficientes para comprar un piso e unha praza de taxi que alguén lle gardou ata o seu regreso.
- Como di: traballamos a reo. Non tiñamos descanso. Miña muller sacrificouse moito. Había que xuntar os cartiños, para retornar e dar un futuro á descendencia. Apunta que os vellos tamén se portaron ben, pois algo aportaron ás compras.
Bota a partida e trata de armonizar ós dezasete autónomos do taxi da vila. Danlle moito traballo.
Pasaron moitos pola directiva, pero non conseguiron as propostas debatidas nas reunións. E iso que agora son un fato de novos, pois cos veteranos non hai quen poida, nin quen lle cambie o seu modo de exercer a profesión. Aínda que algún di: ¡para tres días que me quedan!
Nestas datas anda moi preocupado. Non se concentra na partida e altérase.
- O concello insiste en contratar unha empresa de autobuses e provoca a nosa ruina. ¡Agora que tiña a vida encarrilada!
¡Non saben que en cada casa de cada parroquia hai como mínimo un coche!
Pon como exemplo Allariz, que -¡moito Alarbús¡-, pero unha empresa privada tivo que botar man del e aínda máis, tódolos servizos de antano desapareceron.
¡Se daquela sei que fan isto non regreso das Europas!
- Non te preocupes que isto dura menos dun ano. Non hai empresa que se faga cargo dun negocio ruinoso.
- Agora ben o mellor servizo é o voso. Esa subvención recollida no orzamento negóciase con vós e facédevos cargo dos servizos que resulten. Só hai que ter un control. E así non faría falta arruinar un sector, que ata agora funciona e dá de comer a dezasete familias.
- Máis aínda, o servizo que prestades os taxistas non llo dá ningunha empresa. Pois axudádelles a coller as bolsas, paquetes e enseres da compra e a calquera hora estades ó servizo dos veciños. A comodidade de subir ou baixar a un taxi non a ten un autobús, e todos imos para vellos.

1 comentario

anonimo -

debería falar neste artigo sobre películas como taxi, taxi2,taxi3 ou taxi derrape total