Blogia
Crónicas Tamaganas

Mateo

Mateo

Meu caro Mateo: fuches ubicar a túa casa no mirador máis axeitado do pobo. No recuncho do monte onde as pedras son rochas de afiar. Por iso abasteces a tódolos amigos e veciños coas lousas que arrancas cando a auga deixa de manar.

Claro que estás preto do monte, por iso tiveches o problema co lume. Agora estando desértico durmes tranquilo, pero aqueles apuros ninguén chos sacou da alma. Pasará medio século ata que as árbores que están a repoboar sexan grandes, e volverán ter o mesmo destino: ser pasto dos incendiarios. O único problema é que non volverás durmir a sesta baixo ningún deles.

As pistas da concentración parcelaria deslindaron ben a túa casa, facendo de cortalumes, en caso de perigo. Nembargantes, a túa vida sempre estivo chea de sorpresas, porque o contrabando, o teu medio de vida, foi quen te mantivo fixo na raia.
A política nunca che interesou, porque, segundo ti, votaches sempre para o alcalde. Representas o típico personaxe que vas cos da feira e vés cos do mercado.
Agora, xubilado, tes máis tempo para falar cos veciños dos problemas cotiáns e, cómo non, tamén do concello, porque é a administración que está máis preto de ti.

O domingo pasado, ó saír da misa, observei cómo participabas na tertulia veciñal defendendo as verbas que oiras na radio, pero os teus contertulianos desdecíante.
Ti defendías a colaboración solicitada no discurso de investidura, porque a democracia é diálogo, chegar a acordos e, sobre todo, transparencia. A isto contestáronche que colaborar é participar en tódolos actos municipais.

Estes días celebrouse unha reunión no concello cos artífices da “marcha verde municipal”, en plena campaña electoral, para aupalo de novo á alcaldía, para falar do futuro PXOM, e tampouco foron convocados os concelleiros da oposición. Asimesmo na homenaxe ó Verín Fútbol Clube.

Por iso, meu caro Mateo, os teus veciños recriminábanche o da transparencia ou colaboración co equipo gobernante por mor da incongruencia política.
Se na vida cotián recolles según sementas, na política non vas esperar menos, sobre todo, estando nesta situación de arrogancia.

Alguén, perante a reunión, despois do éxito da manifestación en plena campaña, propuso ir a Santiago, como se aquilo fose unha festa.
Debe estar facendo méritos para conseguir dúas cousas: unha, recoller todas as súas propiedades no futuro plan urbano, e outra, entrar na lista do partido para conseguir o mesmo fin.

Estes son os nosos "polítiquillos", e seguiremos votándoos.

0 comentarios