Blogia
Crónicas Tamaganas

Plenos

Miña cara señora María: está ben que de cando en vez colla o teléfono e me recorde de que lea o xornal. Non me decataba da noticia pero é interesante, sobre todo na boca do rexedor verinés.
Para min é máis importante o seu xeonllo e todas as persoas que viven na vila, porque hai que pola ao servizo de vostedes, facéndoa acolledora para novos e menos novos.

As novas non teñen nada de novo, porque hai un ano, que nos medios de comunicación, saían case todos os días. A bancarrota financeira do Concello estaba acotío en prensa, porque había que gañar as eleccións municipais, aínda que iso non fora certo.
O que si chama a atención é que aínda se siga con esa cantilena e ninguén se ruborice, cando se está no poder e pódese pór remedio a tanto desaguisado.

O que si está claro é que dende que se fixeron cargo do Concello coa nova maioría absoluta, non se solicitou ningún préstamo bancario e, para máis inri, a recadación municipal, en concepto de urbanismo, tamén baixou, polo que é incomprensible que se siga acusando de “bancarrota” á anterior corporación.

Visto isto non se debería entender que se tomen acordos onde se nomean tres dedicacións exclusivas con soldos moi altos e dous postos de confianza do rexedor, sen ter aprobado un novo orzamento, para facerlle fronte a esta situación, que se cualifica de desastrosa.

Fálase dunha contención do gasto e de moito “rigor financeiro” e lévanse convocado catorce plenos entre ordinarios, extraordinarios e urxentes. Na lexislatura do noventa e cinco os plenos celebrábanse o último venres dos meses impares, é dicir, ó ano eran seis. Na do noventa e nove tamén foron seis. Nesta lexislatura celébranse o segundo luns de cada mes, polo que ao ano son doce, e fálase de “contención “ do gasto.

Cada pleno cústalle aos veciños de Verín preto de medio millón de pesetas.

Hai plenos que non se deberon convocar, porque aos poucos días celebrouse o ordinario. O único Pleno fóra dos ordinarios que ten xustificación é o da composición das mesas electorais.

Neste pouco tempo desta lexislatura o que destaca é o número de convocatorias de plenos. Deben ter un fin non moi claro, porque os puntos da orde do día non son da categoría dunha convocatoria, polo que se debería esperar ao ordinario. Como por exemplo o de onte, xa que o orzamento no se aprobou cando correspondía, esperar uns días, non lesiona administrativamente ao concello, pero si ao bolso dos veciños.

Tendo unha experiencia política e unha clara perspectiva desta situación económica municipal non se deberían aumentar este tipo de convocatorias, porque fan que aumente o gasto. Así demóstrase que tal situación non corresponde coa realidade e os veciños deben saber como está o erario municipal. A contabilidade lévana os técnicos. Os políticos só fan gastar e cobrar. Aquí radica o problema.

Co orzamento aprobado pola corporación anterior lévase gastado en dedicacións exclusivas, en dous postos de confianza e en convocatorias de plenos, coma nunca se recorda, en tan poucos meses e faltan as miudezas, ¡que vaia se suman! Logo fálase de situación económica desastrosa.

¡Cando se vexa que nun ano racionalizáronse estas convocatorias, poderanse crer esas verbas!.

“Non estou de acordo co que vostede di, pero pelexaría para que vostede puidera dicilo”, di o pensador.

¡Somos libres!

0 comentarios