Blogia
Crónicas Tamaganas

Rambo

Rambo Miña cara María do Carme: a túa filla foi Eva. Elexírona, como te elexiran a ti, naqueles anos de moza. Agora eres mamá e dentro de pouco serás avoa. A iso desexan chegar tódalas persoas con responsabilidade na perpetuidade de manter no tempo o seu apelido e a súa descendencia.

Hai que conservar o rito para que non desaparezan estes vellos acontecementos que, ano tras ano, celebrades pola Santa Cruz.
Terás que ir preparando o “ajuar” porque, segundo a costume, ten que que casar no ano que foi nomeada.

Dormiu na Picota e o segredo perdurou namentras non saiu á rúa, esperándoa os danzantes e o Adán, para percorrer a vila, antes de celebrar o sacrificio de Isaac e a loita de mouros e cristiáns.

Tampouco faltou o “Maio”. Por certo, colocaron a árbore máis alta que lle rouban ó veciño.

A cerimonia foi un éxito e Rosa encargaríase de que os zapatos fosen á medida, xa que o seu fillo transmitiume tódolos aconteceres da festa.

Laza mantén no tempo estas “cousiñas” de antano, porque hai persoas que as realizan a cotío. Son un raigame que non perden porque as levan na súa alma.

Por iso o “Rambo” tratou de que Verin faga algo nos “maios”, para que non queden no olvido tódolos xogos que representou no seu caixón.
Daba gusto velo explicar tódalas composicións feitas cos bugallos dos carballos. Tíñaas de tódalas medidas e así configurou os distintos xogos populares cos actores correspondentes, naquel espazo tan reducido.
Os carrabouxos facían de cabeza, de corpo, de pernas e de brazos.

Seguramente o “Rambo” quixo volverse cativo e rememorar os xogos da súa nenez, para non deixar de sentir o que tanto o fixo disfrutar. Agora son só “guenvois”para os pequenos.

No caixón non faltou ningún divertimento artesán, e iso que non tiña o carriño feito coas cabezas dos nabos ou a carrilana de táboas.

Tiña xogos de rapaces e rapazas, pois co follo do millo representou bonecas con lazos. As roixideiras de xungos non as debeu coñecer ou xogar con elas, porque tampouco aparecían polos recunchos do caixón.

Ningún personaxe tiña un asubío na boca, polo que non debeu aprender cómo se facían, e iso que non foi a Espiño, onda o Enrique, para que lle ensinara os bolos cos que xoga na praza da aldea.

Tería un grave problema, porque Enrique é un perfeccionista do artesanato e non lle permitiría que fixese os bolos se non era a madeira dunha mazaira ben seca.

0 comentarios