Blogia
Crónicas Tamaganas

Laza

 

Miña cara señora María: Debemos falar con Xosé Anxo para que coide con esmero os costumes do seu pobo. Tres aspectos están a faltar nas cerimonias que se celebran nos primeiros de maio para conmemorar as actividades agrarias.

A contaminación non debe chegar ao lugar, que se pode considerar, como a Ítaca tamagana.

Todos os rueiros de Entroido levan a Laza, aínda que sexan tortuosos e complicados, por iso hai que coidar todas as raigames que manteñen a pureza dos actos.

Un deles será difícil, porque a despoboación camiña a marchas forzadas e non hai quen a pare, sobre todo, nestes recunchos da xeografía galaica.

O”Maio” ten que ser a árbore máis alta de toda arredonda. Nesta ocasión  non superou a ningún dos piñeiros que hai na ladeira do monte, camiño cara As Eiras, aló na Mallada Grande.

Os mozos fallaron, porque agora é máis doado de facerse coa árbore máis alta por ser máis fácil de cargar e trasladar. Os novos instrumentos de labranza son máis moderno e facilitan o traslado. Nunha palabra, hai que facer menos esforzos. Só hai que poñerlle ganas.

O lugar de ubicación sempre foi na Picota. Praza mítica para os peliqueiros que teñen nela a demostración de que están ben fisicamente. O que non a rube é a vergoña dos veciños.

Trasladaron o buraco para o campo do Lili, desprazando de lugar a árbore que representa a entrada da primavera como sinal de fertilidade e riqueza.

Foi un fallo acondicionar a praza por non deixar un buraco cunha tapadeira. Os novos tempos non deben ser culpables  de erradicar costumes que dan carácter a este pobo do alto Támega.

Tampouco se debe cambiar por conservar limpa a rehabilitada Picota, porque non só son praza e árbore e veciños, senón todo o conxunto, os que lle dan sentido a todas as cerimonias que acontecen nela. Na Praza estás, ao campo do Lili tes que ir, aínda que están pretos.

“Eva“ ten ser que  a moza casadeira no ano natural a súa elección. Costume difícil de manter, porque os novos vanse das aldeas e teñen que recorrer ás cativas que van aos institutos. A Comisión elixiu a Katia.

Aspecto difícil de mantelo, a non ser que abran a elección a todo o municipio ou a toda a bisbarra de Monterrei.

Hai que dar tempo ás comisións para que vaian artellando solucións que non desfiguren estas festas primaverais, que fan de Laza lugar de reencontro coa natureza e de xente que acode a ver vivencias arcaicas, buscando outras maneira de vivir na súa terra.

Laza repite cada ano cerimonias que fan dela un lugar de peregrinación, dando vida a este pobo, que non lle fai falta gastar en promoción, porque seus costumes son a mellor garantía de visitantes.

Outros deben aprender de Laza. Por certo, houbo “maios” en Verín?

 

1 comentario

Xoán -

Laza-----Barcelona.

A Picota-----Fonte Canaletas(ramblas).

Na Picota,non celebran aos Maios.

En Canaletas,non deixan celebrar as Victorias do mio Barça.(iste ano son tantas.)