Monterrei morre
Miña cara señora María: o Fran quere saber, pero a idade é todo nunha vida.
Cada tortazo que se recibe é un descubrimento novo. A experiencia é a mellor escola, polo tanto irá aprendendo, pouco a pouco, como nos pasou a todos.
De momento, que saiba que o "visitador" deu sinais de vida. Ten un teléfono novo e puxo prezo ás fotografías. O vídeo mantén o inicial.
Debe saber que o Castelo de Monterrei está no olvido das institucións. O que tiña que ser o centro dinámico da bisbarra está no baúl dos esquecementos.
El, que gosta de viaxar, debe ter no seu maxín algunha cidade europea, que sirva de modelo, para copiar e realizar nesta acrópole, algo parecido. O mesmo que está a suceder neses castelos podía facerse aquí, convertendo este patrimonio en cultura xeradora de riqueza.
Monterrei morre. É unha vergonza levar aos amigos ou familiares emigrados a ver tal penuria. Debe ser o experimento dalgún espabilado, que proxecta nel o que desexa facer noutras construccións, para ver como responden os materiais ou levar adiante ideas peregrinas no deseño sobre edificacións catalogadas polas autoridades competentes. Debería saber, ou hai que recordarlle, que todo iso págano os contribuíntes e non están os tempos para tanto despilfarro.
Do paseo das Damas só recordar a orde de talar os olmos, cando apareceu, daquela, a famosa peste dos negrillos. Fincáronlle a motoserra. Non souberon esperar a plantar, entre eles, outras árbores, ata que creceran ao mesmo que podaban as polas afectadas, intentando recuperalos, pouco a pouco, como pasou cos das Estivadas, aínda que logo morresen definitivamente, pero xa estaban os outros crecidos. Uns eran de Fomento, estes non tiñan propietario.
Así podíase manter algo de sombra para guarecer aos paseantes e amantes da acrópole, posto que a imaxe que se recibía era desoladora ante tanta saña inxectada naquelas árbores infectadas ao velos tumbados sobre os paralelepípedos. Tristeza e impotencia era o que se percibía.
Nunha xuntanza de técnicos da Xunta, sobre a mesma calzada, acordaron repor no Paseo, rubinias e pradairos.
As árbores foron plantadas polos alumnos do colexio dos Padres Mercedarios de Verín. Hai que decir, que estes alumnos non tiñan máis que doce e trece anos, polo que quen tivo que botar man do pico e da pala foi o seu mestre. Todo resultou ben e as ábores foron crecendo, pero ningunha man tratou de podalos e ilos facendo ao xeito do paseo, dende o ámbito institucional, pero ainda así quedaban xeitosos.
Estas árbores, as rubinias, tamén sufriron os efectos destrozadores da motoserra, despois de trece anos. Ninguén se fai cargo desta tala. Só hai individuos insensibles coa acrópole. Cando a deixarán tranquila?. Tanta falta de sensibilidade coas árbores e coas persoas que as plantaron!. Ninguén responde. Cada personaxe que exerce mando, por aló, fai e desfai según o seu antollo. Así nos luce o pelo, cando o abandono da riqueza endóxena da bisbarra sufre estes efectos devastadores de persoas con miras tan peregrinas, é normal que non salgamos deste atraso e atranco que nós mesmos nos impomos.
Querido Fran, lévaos contigo e móstralles o que hai por aí, porque é imposible que sexan tan pitoños, tan curtos de maxín ou, van aos cartos?.
O que si che digo é que hai unha carteleira, na que rezan trescentos otenta mil euros de obra, que consiste en adecentar a calzada que sube ao castelo dende San Lázaro. O que máis chama a atención de toda ela, son os peches dos propietarios das fincas colindantes, é dicir, con cartos públicos facer obras privadas, co risco ainda de denuncia por parte dos propietarios, por tocar na súa finca.
Esperta e non te deixes camelar!. Agora chega maio!.
0 comentarios