Blogia
Crónicas Tamaganas

Catastro....2016

 Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS.-  Catastro….2016.

 

 Miña cara señora María: A Isabelita regresou. Estaba cansa de estar fóra da terriña e quere pasar os días finais entre as cousas onde creceu.

 As malas linguas din que tivo que vir porque o único fillo que ten casouse e non cabían todos no mesmo andar, xa que a familia aumentou cun neto, polo que as cousas complicáronse e a única decisión acertada foi regresar, para poder vivir pacificamente; seguro, que tamén axudou o “de casado, casa quere” e, seguindo o dito, fixo caso del.

 Asentada no pobo empezou a arranxar algunhas propiedades, porque a casa que herdara era cativa e, agora coas modernidades, cómpranse moitos utensilios que logo non hai onde metelos.

 E coma sempre, fixo obra de adaptación no alpendre para gardar o coche, porque a necesidade e polo que dirán había que comprar un e chegar a onda os veciños lucíndoo, porque senón, o que pensarían?.

 Aquel alpendre que fixera o seu pai para gardar a leña e os apeiros da labranza agora ía a converterse nunha garaxe. O malo é que se hai un coche, logo hai que ter sumo coidado para non raialo, polo que o alpendre convértese en uso exclusivo.

Como hai moitas máis  cousas tivo que desmantelar o andar, porque o fillo e a nora queren mobles de “ikea”, de por e tirar, cambiar e cambiar, polo que tamén tivo que acondicionar a bodega que herdara da súa nai, onda a casa do seu avó materno, que tiña a cuberta desfeita, porque nunca pensou que aquilo valera para algo.

 - E mira, o que son as cousas ter que botar man de algo que nunca lle dera aprecio. –A vida dá moitas voltas- nunca pensara en regresar e sentíase fóra de si imaxinándose, cando daquela, cativa, xogaba coa curmá e os veciños do barrio, nos montóns das patacas, esvarando por enriba.

 O que máis pena lle deu foi o de cambiar a colma do tellado, que era de palla, por uralitas, polo que ao pouco tempo tivo unha visita institucional recordándolle que a ser Camiño de Santiago, aquel material non era adecuado, polo que tivo que arranxar de novo o tellado. –Todo era distinto a cando vivira no pobo, agora normas e máis normas para impedir que a xente viva con normalidade, coma sempre.

 Os veciños visitábana e comentábanlle que aínda non lle chegara o peor. Espera uns anos e verás a onde che sube a contribución polos arranxos que fixeches e que non che se ocorra colocar no patio unha piscina de plástico para o neto, porque como che salga na foto, tamén che cobran por ela.

- E máis, como desmantelaches o poleiro coas obras que fixeches tes que arranxar un lugar para as galiñas e colocarlles algún telladiño para refuxiarse cando chove, polo que tamén terás que pagar por el.

 Recordaba que daquela pagábanse os arbitrios ao Concello, entre os cales habíaos sobre o carro, a bicicleta, o gando e tamén o can. –Agora os cans non pagan, cando hai un montón deles pola vila e métense coas galiñas.

  -Nin tan sequera no pobo deixan que a xente viva en paz, no pouco que hai para gozar, aínda que a eles chégalles con sentarse ao pé da casa a conversar con calquera veciño que pasa por alí.

 - Miña cara señora María ata as “últimas” hai que seguir cobrando aos pobres, porque calquera veciño dunha aldea é pobre, pero ten o espírito máis grande e xeneroso que ninguén. Vostede ten poleiro, pero, agora, sen galiñas, tamén lle cobran?

0 comentarios