Carnaval...Entroido..?
Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS.- Carnaval…Entroido…?
Miña cara señora María: -Ten que ir ás conferencias da Casa da Cultura para escoitar interesantes e atrevidas intervencións polos conferenciantes.
Polo de pronto dous tabús quedaron esclarecidos. Os “nobres” da vila quedaron esquecidos polos canteiros ao esculpir as súas “armas” nos campos dos escudos espallados polas casas de Verín e o Carnaval ou Entroido deixou de ser o embigo do mundo.
A volta a un carnaval rural ou de inversión de valores como debería ser vai ser difícil de encamiñar. A sociedade camiña cara adiante e consigo leva os costumes, con matices ou sen eles.
A vila pasou dun carnaval espontáneo e de rúa a extremos que se plasmaron en cantidades de xeso e non fariña, nos anos oitenta. Ante isto os veciños responderon co invento do Capuchón para acougar as cantidades enormes que lanzaban desde os carromatos con sulfatadoras a motor. E iso foi unha etapa dun carnaval que logo derivou cara os desfiles pola avenida Luis Espada, que agora volve a caer noutro extremo como é a inxente cantidade de Cigarróns ou Peliqueiros, cando daquela só eran uns cantos, menos cos dedos dunha man, e os traxes eran alugados.
Non hai termos intermedios, -pásase dun extremo a outro sen equilibrio-, que suavicen esa transición, para encontrar novas formas que enchan o periplo carnavalesco.
As terras do Támega foron tomadas polo saber Limiá que trouxo como novidade a relación do Carnaval como festa “funeraria”. Unha tese que enriquece e axuda a buscar as orixes do Entroido. Tivo que ser o antropólogo de Loureses, señor Mandianes, quen expuxo tal pensamento. Hai que ter en conta que en Laza enterran o Entroido. -Algo terá que ver.
E o seu veciño Antón tomou Cimadevila para mostrar as súas desgrazas amorosas, mostrando un “corazón” de boi para que se vira ben e se entendesen as súas desventuras. -A corazón aberto, como se di, sacouse de vestimenta e, en coiros, baixou cara a Picota, para purgar as súas culpas e poder recuperar a súa “Eva”.
- Vostede ten razón señora María, agora, con tanta orquestra, desvirtúase, convertendo o carnaval nunha festa Patronal de calquera pobo.
E, como non? A festa sucumbiu á sociedade de consumo e dos políticos, que fan dela o que lle dá a gaña. Prográmase como se fose máis unha festa gastronómica e ordenada ,que non unha festa social e, sobre todo, individual-colectiva, onde a transgresión era a manifestación máis común dos veciños entroideiros.
-Marcan os días e dinlle á xente o que teñen que facer, non só cada día, senón cada momento. E isto fai que a festa abandone os costumes de sempre.
Os maiores, en cada casa, deben contar como eles facían e vivían o carnaval, para que os novos saiban e recuperen feitos daqueles e non se deixen levar polas novas tendencias que obrigan a perder parte da esencia dunha festa totalmente rural e popular.
Un acerto o pregoeiro da noite do xoves de Comadres na persoa de don Xaime Noguerol. -Bonito relato, no xornal, sobre as súas vivencias na praza.- Iso era o carnaval.
Meu caro Bruno, non tes problema coa nova máscara. O Carnaval admite todo. Non ves a loita entre os “Zamarras Negras” co resto de Cigarróns, pois falade co Marcos, un rapaz de poucos anos, e con que elegancia luce o traxe de Peliqueiro.
A sociedade que avance pero o carnaval que non perda a súa manifestación esencial, señora María. -Divertiríase.
Verín, 10 de febreiro, do 2016.-
Adolfo Rolán.-
0 comentarios