O Santo veradeiro?
Verín. CRÓNICAS TAMAGANAS. - O Santo verdadeiro?-.
Miña cara señora María: Desta vez non foi ata o Santo, non se sabe moi ben se é o verdadeiro ou o mentireiro, pero vostede facía falta, porque aquilo parece máis unha festa de campo, onde non falta de nada, que unha romaría onde a devoción ao Santo, tiña que ser, o acto principal.
Aquela paraxe énchese de coches e fogueiras , que un descoido calquera, calquera ano, pode provocar un accidente e logo hai que chorar as desgrazas.
Pero vostede, dicía a Chus, que de pequenas, levábaas, despois de comer,ata a Capela do San Antón, xunto coas veciñas, e despois de rezarlle e pedirlle algunha promesa, buscaban un pouco de leña para prender o lume e asar un chourizo por persoa.
As rapazas, as veces choraban, porque o pau co que asaban o chourizo ardíalle e rompíalle, caendo o chourizo o lume e emboutábaselle de cinsa e había que limpalo, perdendo sabor.
Vostede vivía preto do lugar, por iso se acercaban andando ata o el, e así, convertíanse en verdadeiros romeiros.- Agora todo ten que ser en coche!-.
O Xan, o día anterior, colleu o furgón, encheuno de palés e foi reservar un lugar para xuntarse coa familia e amigos ao día seguinte. Cando chegou, o coche estaba, pero as pedras que delimitaban o lugar do lume, como prevención, desapareceran. –Uns listillos, que chegaran un pouco cedo, víronas fáciles de coller e arramplaron con elas-. Pero o Xan, feito no caso, foi onda eles, chamoulles á atención e repúxoas, empezando coas tablas para iniciar o lume e porse a asar a panceta e os chourizos.
Era dos poucos que tiña os produtos do marrao, como debe ser, para honrar ao Santo, que por certo, este ano, non houbo ofrendas, polo que non houbo subasta de cada unha das pezas que os devotos ofrecían ao Santo por concederlle as grazas que lle pediran durante o ano.-Pode que o Casqueiro deixara o cargo de pedáneo e non hai seguidor que continúe coas dádivas-. Son feitos culturais relixiosos que deberían perdurar, pero..
Agora todos van preparados contra as inclemencias do tempo. A gran maioría, tamén levan música e cara a caída da tarde o licor café empeza a facer das súas e a xente fala e fala, cambiando de grupo e visitando aos coñecidos que encontran no percorrido, en torno á capela.
Sen embargo, aínda hai xente que visita a Capela para rezarlle ao San Antón. Deben pensar que non só hai que alimentar o corpo, senón tamén a alma. Seguro, que lle están agradecidas, por algo que foron beneficiadas, polo que, volven a pedirlle, que as siga acompañando na vida.
Aquilo, pouco ten de romaría e chourizo. Aquilo, señora María, son auténticos banquetes, como se fosen xantares en calquera restaurante.
-Que volvan!-.
Verín, 20 de xaneiro do 2018.-
Adolfo Rolán.
0 comentarios