Balneario.-
Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS-. Balneario...
Miña cara señora María: -Cando vostede chegou á vila o Balneario de Caldeliñas só tiña o que se ve hoxe.
Todo era ruinas, naquela paraxe, daquela veiga, no que a lagoa ocupaba un cacho e que hoxe foi mandada ao ostracismo, para deleite dalgúns veciños e entendidos, eliminando un recuncho de flora e fauna que, seguramente, farían do lugar un complemento interesante para todo o conxunto do futuro complexo industrial.
-Todo responde a manía de que o humano ten que por todo ao seu servizo, aínda que sexa meténdolle unha ferida á cortiza terrestre, porque necesita demostrar que a imaxinación é para algo, aínda que ese algo rompa co máis elemental coidado natural-.
O que son as cousas, señora María, este Balneario debeu ser o primeiro en porse á altura dos grandes en Europa, para logo perder o tren, converténdose en lugar de refuxio de aves rapaces, durante moito tempo, para transformarse e situar á vila nun lugar de tratamentos de pel, conseguindo que Verín, nun futuro, volva estar, como daquela, na primeira línea de augas minero medicinais. –Iso é a intención municipal, pero hai que conseguilo, a pesar dos atrancos, por non ser da mesma cor.
A Biblioteca, seus responsables, despois de estar á altura, pola súa programación, conseguindo premios, -que por certo na fotografía aparece o “sobrante”-, trouxo á vila a un conferenciante para falar do balneario de Caldeliñas.
A sorpresa, señora María, foi que un señor economista e afeccionado á fotografía veu dar unha lección de historia das cousas de aquí e ninguén se pon colorado. Levo anos dicindo que o Concello de Verín debe crear unha BECA ou BECAS, para saber das nosas “cousiñas” e non de grandes cousas, que esas están nos textos. Moi interesantes foron as verbas do señor Fernández Rivero, expondo os seus descubrimentos, seguindo os pasos das súas fotografías, para darnos na cara, cos datos que explicaba e colocándonos en situación vergonzosa. Chapó para Don Juan Antonio!. -Nós andamos no monte, el anda nas BIBLIOTECAS-.
Contou a historia do Balneario de Caldeliñas, señora María. Todo, entre finais do século dezanove e principios do vinte. Un francés, o señor Debas, fotógrafo, afincado en Madrid, na época de Afonso XII, conseguindo ser fotógrafo real, faise coa propiedade do BALNEARIO, onde invirte moitos cartos e fai de Verín e Caldeliñas un lugar de visita da Infanta Isabel de Borbón.
Como sabe, señora María, todo un cortexo real é a mellor promoción dun BALNEARIO, que, daquela, escaseaban ou non había na xeografía hispana, polo que agora hai que volver a recuperar aqueles tempos, aínda que sexa pasiño a pasiño. –Todo se andará!-.-
Verín 7 de marzo do 2018.-
Adolfo Rolán.-
0 comentarios