Blogia
Crónicas Tamaganas

denuncias

Verín- CRÓNICAS TAMAGANAS.- Denuncias.

 Miña cara señora María:  Agora que vostede está no “ castelo”, aló enriba, outeando todo o que sucede na bisbarra, esqueceuse dos aconteceres dos anos oitenta, do século pasado.

 Tivo que ser o seu cuñado o que lle recordou aos contertulios, do cruce de Sousas, aquelas liortas, entre Alianza Popular (AP) e a Unión de Centro Democrático (UCD), coas que non saían do xulgado.

 O ano 2019 entrou co anuncio de denuncias, por parte do portavoz do Partido Popular, contra o señor alcalde, don Xerardo Seoane.

  As novas terapias ou técnicas para atallar enfermidades, que sofren  as persoas, buscan posibles solucións na vida infantil. Hainas que cando se ven reflectidos, na súa infancia, cústalles entrar e deixarse levar polo terapeuta e abandonan, porque consideran que eles non teñen que recordar o que viviron naqueles anos.

  No Concello está a suceder case unha copia daquela década dos oitenta, porque a infancia política do portavoz pepero está no seu subconsciente e non soubo destetarse, para crecer e madurar.  –Hai que aprender o positivo e non quedarse co negativo daquela época. Verín era titular “xudicial” dos xornais, día si e día tamén-.

 Entre acusacións e contestacións expresan argumentos que deixan aos lectores desconcertados. ¿Como é posible que se denuncie un feito ou feitos que foron empregados anteriormente no Concello?. Algo ten que haber para que os técnicos municipais -antes si e agora non-, fagan informes á “carta”.

  Da a impresión, señora María, que as respostas de don Xerardo Seoane son claras, definíndoo como se o parira,  provocando que salte ao rodo, con cualificativos persoais. – Non lle importa, porque ao non ser consciente do que di,  demostra o que  fixo durante toda esa vida na casa Consistorial. -Canto debe sufrir por non poder ter aos veciños ao seu servizo!-. – Só quere escravos-.-Eu son o mellor!, controlo todo o que acontece no Concello!-. –Pero..., agora.....non, e iso... se que doe-!.

Non se da conta de que a maioría dos veciños non pisan a casa Consistorial, en todo o ano, porque ao ter domiciliado as taxas non fai falla ir aló.

  O que si queren os veciños e ser atendidos bis a bis e á mesma altura, non, con “desnivel” de trato. –E sobre todo pararse con eles-. Pero...con isto hai que nacer e, senón, aprender.

 Despois de levar dende o 1983 metido no Concello e sendo o máximo representante, un montón de anos, ata o 2015, a culpa da crise municipal bótalla ao actual alcalde. -Hai que ter narices!-.

 -Quen deu as licencias aos grandes supermercados, no centro de Verín, que ían ser os responsables do peche de pequenos comercios?. – Quen tiña chalé antes de ser alcalde da vila?-.

 Os contribuíntes locais están cheos de escoitar, todas as semanas, as denuncias, na emisora local do “pepero”, pero os veciños ven o que están obrando en cada recuncho, do Concello,  e como son receptivos, premiarán, co seu voto, o cumprimento do programa executado.

                                Verín, 22 de xaneiro do 2019.-

                                     Adolfo Rolán.

 

 

0 comentarios