emigrantes
Verín. CRÓNICAS TAMAGANAS.- “Emigrantes....”!
Miña cara señora María: -Primi ía á escola do pobo. Colocábase no fondo da clase. A súa mente voaba e voaba. A explicación do mestre no entraba no seu maxín.
Vivía cos avós, porque os seus pais emigraran. O cariño paterno era substituído polos mimos dos avós. O rapaz non se centraba. –Non aprendía nada-. O mestre non vía solución para o cativo.... A avoa insistía e insistía, pero non se encontraba remedio. Por fin, coa axuda do mestre, mandouno interno a un colexio da capital-.
O día sinalado para a marcha tivo que levantarse cedo para coller o autobús. A avoa non daba feito a maleta. Do colexio mandárenlle unha lista coas cousas que tiña que levar. –A avoa nunca se vira noutra!-. Preguntaba e preguntaba ao mestre continuamente. E mire, téñolle que comprar isto, comprar aquilo....?.
-Non, só o que ten na lista, e non se preocupe-.
O autobús roncaba costa arriba e a avoa tapaba a súa cara coas mans, para que o rapaz non vira baixar as súas bágoas pola súas meixelas.Primi miraba e miraba; o pobo quedaba atrás, xa que o coche de línea non chegaba ata as casas, só paraba na estrada da bisbarra, polo que había que achegarse ata a parada para collelo.
-Houbo que espertar ao Rodasbaixas para que cargase coa maleta, na carretilla, e acercala ó autobús-.
Subiron a avoa e máis Primi. A primeira mirada fixouna no condutor e no cadro de mandos do autobús, logo enfilou o corredor e sentouse no lado contrario á situación do pobo. Arrancou o autobús e non quería mirar, pero ao fin e ao cabo botou unha mirada e viu que ía quedando atrás, namentres o autobús ía roncando pola estrada á seguinte prada. Por fin polas súas meixelas baixaban, a pausas, dúas gotas de bágoas.
Atrás quedaban os amigos, os recunchos do pobo, a tía Xoaniña. Aquela muller que tantos e tantos contos lle contara, namentres o sentaba nas súas cadeiras a carón do lume, naquelas longas tardes de inverno. Os amigos seguirían xogando ó escondedoiro polos recantos e alpendres. Tódolos recordos se lle acumulaban, namentres o autobús camiñaba cara a capital.
O rapaz só vivía para as vacacións do natal e do verán, cando chegaban os seus pais cheos de agasallos e mimos. Tódolos días eran festa, polo que o cativo, era normal, que non se centrase na escola.
No colexio da capital pasaba o mesmo. De noite, na cama, choraba debaixo das sabas, polo que durmía pouco e, polas mañás, o encargado tíñao que espertar. Non se adaptaba ao horario. Non atopaba amigos para contarlle o que lle pasaba, porque todos tiñan o mesmo problema.- A gran maioría dos compañeiros eran fillos de emigrantes-.
Verín, 16 de maio, do 2019.-
Adolfo Rolán.-
0 comentarios