San Mauro
VERIN-CRÓNICAS TAMAGANAS-. –San Mauro.-
Miña cara señora María: -A alma do Fernandiño anda nas alturas, polo que deixalo só é un acerto, xa que parirá, nas montañas de Bousés, ao estilo da fábula, non ratos, pero si pinturas que embelecerán os retablos da igrexa de Bousés.
Debe saber, señora María, que o señor Barreira votou man dos “ofrecementos” ou “promesas”, que facían as avoas, cando os cativos enfermaban e tardaban moito en curar, dalgunha enfermidade, para cumprir cunha penitencia imposta a San Mauro, aló, na parroquia de Bousés.
Debeulle escoitar algo a súa nai, porque avoa non ten e recolleuno para si, polo que votou man da escasa fe, presentándose ante o Párroco e comentoulle, que necesitaba cumprir coa promesa imposta.
Teño que dicirlle, señora María, e mire ben o que lle vou contar, que non toda a xente ten acceso a todo isto, porque Fernando é moi de si.
-Estando en Italia, en concreto, na provincia de Brescia, foi invitado polo señor Alcalde, dunha cativa cidade, perante uns tres días. Visitou distintos lugares, acompañado polo anfitrión e a súa dona. Naquel lugar foi onde o señor Barreira oíu falar, por primeira vez, de San Mauro, polo que tomou a decisión, recordando aquela invitación, e chamou a mencionada dona, para que lle contara a historia do Santo-.
-Deberíase preguntar Señora María qué foi o que levou ao Fernando aló enriba, porque a igrexa de Bousés non é pródiga en imaxes ás quen acudan devotos para curarse. Á Virxe da Caridade van os que teñen problemas coa vista. A San Agustín, en Vences, acoden os que necesitan corrixir defectos na fala. Á Rasela, ao San Brais, os que teñen problemas coa garganta e á Santa Marta, en Fontefría, os que teñen problemas IMPOSIBLES.
-Pois o Fernandiño, aflorando o subconsciente, non fai caso de ninguén e desexa cumprir cun capricho, que o ten preso, dende a súa xuventude, ao situarse por enriba xeograficamente-.-Bousés as Chas-. Porque podía pensar en Arzádegos, pero non. Desexa ubicarse nas alturas para mirar dende aló, querendo dicirlle ao seu “parente”: -AQUÍ ESTOU EU-.
E iso, señora María, que non pode cumprir coa cerimonia dos “ofrecidos” , porque o San Mauro debería estar sobre as andas e o ofrecido dar sete voltas ao redor ou pasar sete veces por baixo, para recibir os beneplácitos, proxectándose en cada devoto o milagre, que San Mauro tivo con San Plácido, cando o salvou das correntes, camiñando por riba das augas. E senón que espere ao quince de xaneiro, cando os veciños o saquen en andas, na procesión, polas rúas do pobo, porque é o momento máis axeitado, participando na poxa, dunha das catro andas, para introducilo na igrexa e colocalo no lugar, sobre a plataforma adecuada, onde poderá cumprir coa cerimonia.
Algunha conexión debeu haber entre o Fernandiño e o Santo, porque recorreu a Brescia, para coñecer a súa vida. Algo lle sucedeu, mentres restaura os retablos, para centrarse só na capela de San Mauro, porque estas cousas só ocorren, cando as persoas se encontran en situacións difíciles para que a mente indague e busque solucións a todo. Volveu aos tempos pasados. Aqueles dos que non se dá desprendido, pero que fan que os pinceis coloquen a cor axeitada que o pasado lle recorda.
Debe soltar esas pesadas cargas, tanto de familiares como de “amizades”. Esquecerse desas inquietudes, que tanto o aprisionan e que a súa mente descanse e busque o pracer para si, sobre todo, agora, cando está sendo un auténtico MESTRE nas artes.
- Esperemos que reciba, do Santo, os “favores” desexados, señora María-.
Verín, 8 de outono, do 2020.-
Adolfo Rolán.-
0 comentarios