Blogia
Crónicas Tamaganas

"A Malla"

  Verín­-CRÓNICAS TAMAGANAS- “A Malla”.

 Miña cara señora María: No maxín do Arofo bulía e bulía o recordo de cando cativo, catro ou cinco anos, vira un grupo de homes, que cuns “mallos” batían enriba da palla, para separar o gran da espiga, logo recollelo, limpalo e gardalo na tulla, para que houbese pan perante todo o ano.

 Este recordo, señora María, que aparecía, de cando en vez, tivo forma pola Pilarica, no mes de outubro do dous mil vinte, que é cando se sementa o pan e o trigo en Tintores. -Digo Pilarica porque daquela era festivo en toda España, pero no pobo non o cumprían, a non ser que fose domingo, polo que algúns veciños aproveitábano para sementar as leiras que lles correspondía, xa que o resto dos días da semana traballaban na vila.

  Avisei o Paco con tempo para que tivera o tractor listo co fin de preparar a leira do Cabezal para sementala de pan, porque a palla é máis longa e préstase mellor para colmar o Alpendre.

 Os amigos de Marcelín, que dubidaran de que fose pan, ao chegar a Tintores viron que a realidade demostroulle que si era, pero hai que dicir unha cousa, que non tiña a altura de aqueles tempos. Portáronse ben e nun tris tras, o pan quedou estendido ao longo da leira. So fixo falta colocalo para logo facer os mollos. Rematada a seitura as viandas correspondentes non faltaron e fincáronlle ben o dente.

Despois duns días houbo que facer os mollos, polo que preparar os vencellos non foi fácil, porque a lonxitude da palla non foi adecuada para facelos como antano, polo que botei man duns cordeis para que os mollos destacaran. Aínda así fixen un, como mostra, para ver a autenticidade dun mollo.

 Como só eran vinte e catro mollos non fixo falta facer un “medouco”, -“meda cativa”-, para salvagardalos das posibles treboadas que aparecen pola época. Tampouco fixo falta acarreiralos no carro tirado polas vacas para facer a meda na aira, nin tampouco “barrala” para mallar, xa que as airas, agora, desapareceron na aldea. Ata desapareceron as privadas, pois a do meu avó ten cachos con tomateiras.-Cada propietario botou man do seu, converténdoo en horta ou garaxe. Polo que un plástico fixo de base para que o grao non se mesturase co borrallo e así colocando os mollos enriba del mallouse.

 A “malla” consistía en dous grupos de persoas, botando man do mallo, colocábanse no lugar que lles asinaban ou elixían, porque hai persoas que son zurdas e dereitas de man, para bater na espiga, seguindo a liña correspondente para non mancar ao compañeiro do lado.

 Non fixo falta concentrar aos veciños para a malla, como daquela, porque só eran vinte e catro mollos e a aira era un plástico, polo que colocaba un par de mollos e batíaos e así repetía a faena ata rematar con todos, pero deixei un por se algún entoxado quería practicar, pero isto de traballar no campo xa só é para os tractores.

 Limpei o grao cunha criba e téñoo para darllo ás pitas.

 Teño que dicir que na actualidade non hai ningunha persoa, en Tintores, que saiba facer un medouco, unha meda e un palleiro e menos barrar a aira, porque, tampouco hai vacas.

                                          Verin, 20 de agosto do 2021.-

                                            Adolfo Rolán.-

0 comentarios