"A Malla"
Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS- “A Malla”.
Miña cara señora María: No maxín do Arofo bulía e bulía o recordo de cando cativo, catro ou cinco anos, vira un grupo de homes, que cuns “mallos” batían enriba da palla, para separar o gran da espiga, logo recollelo, limpalo e gardalo na tulla, para que houbese pan perante todo o ano.
Este recordo, señora María, que aparecía, de cando en vez, tivo forma pola Pilarica, no mes de outubro do dous mil vinte, que é cando se sementa o pan e o trigo en Tintores. -Digo Pilarica porque daquela era festivo en toda España, pero na aldea non o cumprían, a non ser que fose domingo, polo que algúns veciños aproveitábano para sementar as leiras que lles correspondía, xa que o resto dos días da semana traballaban na vila.
Avisei ó Paco con tempo para que tivera o tractor listo co fin de preparar a leira do Cabezal para sementala de pan, porque a palla é máis longa e préstase mellor para colmar o Alpendre.
Os amigos de Marcelín, Nito e Pepiño (Michel), que dubidaran de que fose pan, ao chegar a Tintores comprobaron por si mesmos que era centeo, pero hai que dicir unha cousa, que non tiña a altura daqueles tempos. Portáronse ben e nun tris tras, o pan quedou estendido ao longo da leira. Só fixo falta colocalo para logo facer os mollos. Rematada a seitura as viandas correspondentes non faltaron e fincáronlle ben o dente.
Despois duns días houbo que facer os mollos, polo que preparar os vencellos non foi fácil, porque a lonxitude da palla non foi adecuada para facelos como antano, polo que botei man duns cordeis para que os mollos destacaran. Aínda así fixen un, como mostra, para ver a autenticidade dun mollo.
Como só eran vinte e catro mollos non fixo falta facer un “medouco”, para salvagardalos das posibles treboadas que aparecen pola época. Tampouco fixo falta acarreiralos no carro tirado polas vacas para facer a meda na aira, nin tampouco “barrala” para mallar, xa que as airas, agora, desapareceron na aldea. Ata desapareceron as privadas, pois a do meu avó ten cachos con tomateiras.-Cada propietario botou man do seu, converténdoo en horta ou garaxe. Polo que un plástico fixo de base para que o grao non se mesturase co borrallo e así colocando os mollos enriba del collín o mallo e batín nas espigas.
Daquela a “malla” consistía en dous grupos de persoas que, botando man do mallo, colocábanse no lugar que lles asinaban ou elixían, porque hai persoas que son zurdas e dereitas de man, para bater nas espigas, seguindo a liña correspondente para non mancar ao compañeiro do lado.
Non botei man dos veciños como daquela, porque só eran vinte e catro mollos, polo que os coloquei de dous en dous e batinos, repetindo a faena ata rematar con todos, pero deixei un por se algún antollado quería practicar. Pero isto de traballar no campo xa só é para os tractores.
Ao pouco o tío Parajarillo (tío Julio), veciño de Tintores, fíxose cunha malladora e desapareceron as cuadrillas de malladores. A malladora compúñase de dúas pezas: unha, que albergaba o cilindro e a base para introducir os mollos e a uns metros de separación o motor, que a través dunha polea movía o cilindro. Máis tarde adaptáronlle motores eléctricos e tractores ata que, na actualidade, apareceron as colleitadoras.
Limpei o grao cunha criba e téñoo para darllo ás pitas.
Teño que dicir que na aldea viven poucos veciños, e poucos ou ningún saben facer un medouco, unha meda, un palleiro e menos barrar a aira, porque, tampouco hai vacas.
Verín, 20 de agosto, do 2021.-
Adolfo Rolán.-
0 comentarios