Blogia
Crónicas Tamaganas

Introdución- A Capela.

Verín-CRÓNICAS TAMAGANAS.-    INTRODUCIÓN    -A Capela-

  Miña cara señora María: Chegar a Bousés, Oimbra, non foi fácil, pero  Barreira conseguiuno.

 Estando en Italia, en concreto, na provincia de Breschia, foi invitado polo Alcalde dunha pequena cidade, chamada San Benedetto, durante tres días. Visitou distintos lugares, acompañado polo anfitrión e a súa dona. Naquel lugar foi onde Barreira oíu falar, por primeira vez, de San Mauro. Recordando aquela invitación, chamou á mencionada dona, para que lle contara a historia do Santo.

 Debe ser moi importante a teima que levou a Barreira alá enriba, porque a igrexa de Bousés non é pródiga en imaxes onde os devotos piden axuda, xa que a patroa é santa Baia e está presente noutras parroquias, non moi afastadas.

 Na Bisbarra celébranse varias romarías e festas concorridas por doentes para recibir a graza dos seus santos ou santas: á  Virxe da Caridade pola vista; a Santa Marta, patroa do Imposible, en Fontefría; a San Agustín en Vences pola fala; San Brais, na Rasela, para males da garganta e ao Santuario dos Remedios en Vilamaior peregrina toda a bisbarra. Ningunha destas igrexas cumprían os requisitos necesarios para o “segredo”do Barreira. -Tiña que ser Bousés. -E así foi-. Volve o dualismo misterioso do artista: Verín-Bousés.

 Barreira, emerxendo o subconsciente, non fai caso de ninguén e desexa cumprir cun antollo, que o ten preso, dende a súa mocidade, ao situarse por enriba xeograficamente.-Bousés as Chas-. Porque podía pensar en Arzádegos, pero non. Desexa situarse nas alturas para dicirlle ao seu “parente”: -Aquí estou-.

E iso, que non pode cumprir coa cerimonia dos “ofrecidos”,  porque o San Mauro debería estar sobre as andas e o devoto dar sete voltas ao redor ou pasar sete veces por baixo, para recibir os beneplácitos, proxectándose en cada devoto o milagre. Hai que esperar ao quince de xaneiro, cando os veciños o sacan en andas, na procesión, polas rúas da aldea, porque é o momento máis axeitado, participando na poxa, dunha das catro andas, para introducilo na igrexa e colocalo no lugar, sobre a plataforma adecuada, onde  poderá cumprir coa cerimonia.

 Algunha conexión debeu haber entre Barreira e o Santo aló  en Breschia. Algo lle acaeceu, para centrarse só na capela de San Mauro,  porque estas cousas só ocorren, cando as persoas se encontran en situacións difíciles para que a mente especule e busque solucións a todo. Volveu aos tempos pasados. Aqueles dos que non se dá desprendido, pero  fan que os pinceis coloquen a cor axeitada, que o pasado lle lembra.

 Ten que soltar esas pesadas cargas, tanto de  familiares como de “amizades”. Esquecerse deses desacougos, que tanto o encadean e que a súa mente descanse e  busque o pracer  para si, sobre todo, agora, cando está sendo un auténtico MESTRE nas artes.

   “San  Mauro  foi discípulo de San Bento, seguindo a fonte literaria do segundo libro dos Diálogos de San Gregorio Magno, un conxunto de historias sobre a vida e milagres de San Bento. Textos de Fr. Víctor M. Márquez Pailos, O.S.B..

   Durante a Idade Media, poucos libros gozaron de tanta popularidade coma os Diálogos gregorianos. Nesta obra San Gregorio, monxe e Papa, relata feitos, máis ou menos prodixiosos, ao escoitar testemuños referentes a santos na península dos Apeninos, propios da súa xeración.

 Os feitos prodixiosos que relata no libro son: milagres, profecías,visións, que acreditan a quen os facían como “homes de Deus”. Pois ben, entre estes “homes de Deus”, aparecen San Bento e os discípulos Mauro e Plácido. Neste contexto de progresiva divinización é onde inserta as alusións aos seus discípulos na vida monástica.

 San Bento funda doce mosteiros e coloca a doce monxes en cada un e continúa describindo que comezaron a frecuentalo xentes nobres e piadosas da cidade de Roma, confiándolles os seus fillos, a fin de que os educara para  o Señor Todopoderoso. Así foi como Evicio, pai de Mauro, e o patricio Tértulo, pai de Plácido, entregáronllos, posto que ambos presaxiaban gran porvir.

 Mauro, que era o maior, como destacaba na virtude, empezou a ser axudante de san Bento. As súas características esenciais como fillo de familia ilustre fan que fose confiado á tutela de quen tamén preferiu retirarse á soidade. Será colaborador do Abade, home de confianza, o seu “alter ego”.

 Grazas á súa perseveranza na oración, chega a participar nas visións do seu Mestre.

  Nos Diálogos de San Gregorio, Mauro era o encargado de velar pola disciplina, porque se percibe na penitencia que lle impón ao godo a quen, conforme contan os Diálogos, caeulle ao fondo dun lago a ferramenta coa que traballaba. A oración do santo patriarca, informado polo seu discípulo do feito, consuma milagrosamente a reparación iniciada coa penitencia (Diálogos,II,6).

 Non obstante o nome de Mauro aparece no capítulo sétimo dos Diálogos. Cando o compañeiro Plácido foi buscar auga ao lago e caeu. A corrente arrastrábao augas a dentro. San Bento chamou a Mauro para que o fose  rescatar dicíndolle: “Corre, irmán Mauro, que o neno foi buscar auga e caeu ao lago, arrastrándoo a corrente cada vez máis lonxe. Mauro, pedida e recibida a bendición marchou cumprir coa orde do seu Superior e crendo que camiñaba sobre terra firme correu sobre a auga ata chegar onde estaba o cativo, colléndoo polos cabelos regresou a máis non dar. Logo decatouse de que camiñara  sobre as augas. Nunca imaxinou poder facelo e quedou abraiado.

   De regreso contoulle o sucedido ao Abade, que llo achacou, non aos seus méritos propio, senón á obediencia do discípulo. Mauro, pola contra, sostiña que iso fora só efecto do seu mandato e que el non tiña parte naquel prodixio, porque actuara, sen reparar no que estaba acaecendo. O neno, observando unha amigable contenda entre a humildade do Mestre e Mauro mediou coma árbitro dicindo: “Eu, ao ser afastado da auga, vin sobre a miña cabeza a muleta do Abade e pensei que era el quen me sacaba das augas”.

  Este feito describe un Mauro obediente seguindo a regra de San Bento e a tradición monástica en xeral. Esta obediencia de Mauro ten a súa recompensa, facendo posible que o discípulo fiel camiñe sobre as augas, sendo algo insólito, dende o apóstolo Pedro.

 Todo isto evidencia uns vínculos, entre o Abade e Mauro, intensos e profundos de comuñón na oración e na acción, por estar sempre con Deus poden estar en todas partes.

  Ademais deste libro segundo dos Diálogos de San Gregorio Magno aparece unha biografía apócrifa atribuída o abade Odón de Glanfeuil (século IX) e presentada como versión actualizada da obra de Fausto, discípulo de  San Bento en Montecassino e compañeiro de Mauro, nunha viaxe a Francia para arraigar a orde e chegar á fin dos días despois  dunha vida digna, sendo un segundo San Bento.

 A iconografía representa a San Mauro vestido con saio e capucha. Como atributo leva un báculo abacial, unha voluta cara o interior e unha laia. No escudo leva flores de lis, recordando que foi quen implantou a Orde Beneditina en Francia. A muleta que adoita levar alude a seu padroado dos que padecen coxeira e mal de gota.

 O agnosticismo do artista choca co santo, pero a procura da relixiosidade (do segredo) lévao ao camiño de Damasco (Bousés), cando Saulo (San Pablo) se converte ao cristianismo para conseguir o desexado”.

  -Esperemos que  Barreira reciba de San Mauro os “favores” desexados-.

                                         Verín,24 de xullo, do 2021.-

                                                        Adolfo Rolán.-

Bibliografía:G.M. Colombás:  San Benito, su  vida y su regla, Madrid, 1968;

                   F.Caraffa (dir.): Biblioteca Sanctorum (VolS. IX y X), Roma,1967.         

0 comentarios