Blogia
Crónicas Tamaganas

A Noria

 

 

 Miña cara señora María: Cando daquela apareceu o enxeñeiro da Demarcación de Estradas de Galicia para inspeccionar o terreo para a futura Autoestrada Verín-Chaves houbo que terlle un carro adaptado para tal fin.

  As vertentes dos montes correspondentes ao pobos do sur da Vila só tiñan camiños aptos para a maquinaria relativa aos traballos forestais e para os tractores e carros dos propietarios de terras nas ladeiras.

 Quería percorrer as curvas de nivel que traía sinaladas na súa planimetría paso a paso, polo que señora María, non se podía deixar de ser un coñecedor privilexiado de tal acontecemento. E así foi.

 A Autoestrada sufriu dous cambios no trazado definitivo. Un nos arredores de Mandín e outro en Tamaguelos, como consecuencia do primeiro e logo, coa famosa  rocha das pegadas do cabalo santiagués, no mesmo pobo.

  A Noria pertencía a unha propiedade, dentro do termo parroquial de Mandín, e hoxe está enclavada na parroquia de Feces de Abaixo, cerca do quilómetro 197,396, do Camiño de Santiago, que ao parecer, discorre por unha pista de Concentración Parcelaria, de ambos pobos.

 O cambio de lugar foi produto das expropiacións correspondentes para construír a autoestrada. A Noria foi valorada en sesenta mil euros, polo que os compradores fixeron con ela o que quixeron, colocándoa fora de lugar e argumentando que ía estar ben situada e ben arranxada, para ser nun futuro, testemuña do seu uso no pasado. Claro que ía ser, pero como non se levou a cabo a construción, marxe dereita e marxe esquerda, da Área de Servizo proposta, colocárona neste lugar, porque aí estaba e está sinalada a famosa Área de Descanso, pero a sorte que ten  é que o seu lugar está en zona de Concentración Parcelaria, polo que se pode ver.

 Claro que se pode ver. Pero quen ten que coidar dela? O Concello de Verín, o Ministerio de Fomento, O Camiño de Santiago. O normal é que estando a dez metros do Camiño de Santiago, sexan os responsables de coidala os que ordenen limpala.

 Pois non, miren que tan cerca un aparello desta categoría, que se pode aproveitar para facer andainas cos estudantes e non estudantes, para explicar o seu uso, está no esquecemento de tódalas administracións.

 Préstase para unha lección maxistral nestes tempos, en vivo e en directo, para que novos e non tan novos coñezan un mecanismo co que se elevaba a auga para regar as leiras e que está ao alcance dunha man.

 Señora María debe seguir viva para desenterrar cousas destas, porque Verín ten tanta historia que se esquecen ou andan noutras nubes. -Nas cousas sinxelas é onde está a verdadeira historia-.

                                   Verín, 17 de marzo, do 2022.-

                                           Adolfo Rolán.

0 comentarios